InicioPOLÍTICAA participación cidadá avala máis verde, espazo peonil e zonas de estancia...

A participación cidadá avala máis verde, espazo peonil e zonas de estancia para redefinir o Ensanche compostelán

Unha enquisa con 551 respostas reforza a proposta municipal para transformar Santiago de Chile e Praza de Vigo, cunha demanda maioritaria de seguridade peonil, arborado e redución do peso do coche

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago incorporará os resultados do proceso de participación cidadá sobre o futuro modelo do Ensanche á nova licitación para redactar o proxecto básico e de execución da transformación de Santiago de Chile e Praza de Vigo, segundo avanzou o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, tras presentar os datos dunha consulta pública en liña desenvolvida entre o 16 de marzo e o 16 de abril.

A enquisa, aberta durante un mes, reuniu 551 respostas, unha cifra que o goberno local considera suficientemente representativa para coñecer a percepción das persoas usuarias deste ámbito e orientar a futura intervención urbanística. O edil sostivo que o proceso “ratifica a filosofía da transformación”, centrada en incrementar espazos verdes, mellorar a estancia e reforzar mobilidades alternativas ao vehículo privado.

Entre os datos destacados, o estudo revela que o 53,9% das persoas acceden ao Ensanche a pé, fronte ao 26,7% que o fan en coche ou moto, mentres que o transporte público representa o 12,6%. Para o responsable municipal, estas cifras reforzan a necesidade de priorizar o tránsito peonil e unha reorganización do espazo público menos dependente do tráfico motorizado.

A percepción de inseguridade peonil é outro dos elementos centrais: o 64,2% considera que Santiago de Chile e Praza de Vigo non son espazos seguros para camiñar. Ademais, a maioría das respostas identifican máis obstáculos na rúa de Santiago de Chile que na Praza de Vigo, especialmente por exceso de tráfico, beirarrúas insuficientes, invasión de vehículos e problemas de visibilidade.

No apartado propositivo, o 39% aposta por favorecer a mobilidade a pé, seguido do transporte público (31%) e da bicicleta (21%). Tamén se constata unha demanda clara de mellora ambiental: o 80,7% considera necesario incorporar máis árbores e espazos verdes en Santiago de Chile, con preferencia por especies autóctonas e de sombra.

A enquisa tamén subliña a necesidade de reforzar a dimensión social do espazo urbano. As opcións máis sinaladas para usos futuros foron o verde urbano (27,8%), os espazos de estancia para sentar ou descansar (23,8%) e zonas de xogo. No caso da futura zona verde de Praza de Vigo, as propostas máis repetidas apuntan a xogo infantil, paseo, usos culturais e deportivos, configurando un modelo multifuncional.

Outro dos datos significativos é que o 86,8% considera que Santiago de Chile non ofrece actualmente espazos agradables de paseo e estancia, unha percepción máis negativa que na Praza de Vigo. Tamén o mobiliario urbano actual recibe unha valoración crítica, con peticións de máis bancos, elementos ergonómicos e solucións de baixo mantemento.

Durante a comparecencia, Lestegás explicou que os resultados da consulta incorporaranse como anexo aos pregos técnicos da licitación, xa practicamente preparada. O contrato contará cun orzamento de 58.354,98 euros máis IVE e prevé dous meses para a redacción do proxecto básico e outros dous para o de execución.

O concelleiro defendeu que o proceso non só confirma a dirección inicial do goberno local, senón que tamén achega novas ideas, como a posibilidade de estender no futuro esta filosofía de transformación a outros puntos do Ensanche, incluída a contorna da avenida de Rosalía de Castro.

No perfil das persoas participantes predominan residentes en Santiago, cunha concentración de idade entre os 25 e os 54 anos, aínda que o edil recoñeceu que pode haber marxe para mellorar a chegada a determinados segmentos de poboación.

ÚLTIMAS

Tanxugueiras inaugura a Ascensión con centos de persoas no Obradoiro nunha escoita colectiva de ‘O Cuarto’

A Praza do Obradoiro acolleu este martes unha das citas máis concorridas do inicio...

Mercedes Rosón reclama ao Goberno local unha licitación urxente para garantir a continuidade dos comedores escolares en Santiago

A concelleira non adscrita de Santiago, Mercedes Rosón, expresou a súa preocupación pola situación...

A USC reivindica en Fonseca o legado ético, feminista e literario de Begoña Caamaño no Día das Letras Galegas

A Universidade de Santiago de Compostela celebrou este martes no Salón Nobre do Colexio...

Santiago blinda o Banquete de Conxo: a festa histórica reivindica o seu bosque co obxectivo ‘residuo cero’

Santiago prepárase para o Banquete de Conxo. O Concello fixou a histórica celebración para...

Mercedes Rosón reclama ao Goberno local unha licitación urxente para garantir a continuidade dos comedores escolares en Santiago

A concelleira non adscrita de Santiago, Mercedes Rosón, expresou a súa preocupación pola situación...

Santiago emitiu xa cen certificados de vulnerabilidade para avanzar na regularización de persoas migrantes

O Concello de Santiago xa expediu arredor dun cento de certificados de vulnerabilidade, un...

Santiago aproba a restauración do Arco de Mazarelos e da segunda fase das cubertas da Catedral

A portavoz do Goberno local e concelleira de Turismo, Míriam Louzao, informou este luns...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here