InicioPOLÍTICAO PSOE de Santiago critica o modelo de conciliación do goberno local...

O PSOE de Santiago critica o modelo de conciliación do goberno local e denuncia menos prazas de proximidade e máis trabas burocráticas

Marta Abal asegura que o novo sistema impulsado polo BNG reduce a oferta descentralizada nos barrios e parroquias, dificulta o acceso de moitas familias e xera incerteza sobre servizos como o da zona norte

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista de Santiago cargou este mércores contra o modelo de conciliación de verán impulsado polo goberno local, encabezado polo BNG, ao considerar que supón un cambio de rumbo respecto ao sistema desenvolvido no anterior mandato, con menos oferta descentralizada, desaparición de prazas en centros socioculturais urbanos e rurais e unha xestión que, segundo denuncian, está a provocar dificultades ás familias.

A concelleira socialista Marta Abal afirmou na súa rolda de prensa semanal que o actual programa “vai xusto na dirección contraria” ao modelo defendido polo PSOE, baseado —segundo explicou— nunha rede de proximidade distribuída entre barrios e parroquias, con actividades en centros socioculturais, escolas infantís, ludotecas e propostas especializadas como a da Escola Municipal de Música.

Abal sostivo que a eliminación de prazas en centros socioculturais supón pasar “dun sistema descentralizado de proximidade repartido polo territorio” a outro “máis concentrado”, con menos alternativas prácticas para a conciliación diaria. A socialista lembrou que durante o anterior mandato existía oferta en espazos urbanos como Pontepedriña, Santa Marta ou Fontiñas, así como en parroquias rurais, co obxectivo de reducir desprazamentos e facilitar a organización familiar.

Desde o PSOE consideran que o novo deseño reduce a diversidade de propostas e afasta o servizo das contornas habituais das crianzas. Segundo Abal, isto tradúcese nunha “peor conciliación” e nun sistema menos adaptado ás necesidades reais das familias compostelás.

A edil socialista tamén expuxo diversas queixas recibidas sobre o funcionamento concreto do programa municipal ‘Concilia’, dependente do departamento de Educación. Entre elas, destacou a imposibilidade de darse de alta no sistema durante o propio prazo de solicitude se as familias non estaban rexistradas previamente, unha condición que cualificou de excesivamente ríxida.

Abal cuestionou ademais a carga documental esixida, ao entender que se solicita unha cantidade “excesiva” de certificados e documentación, incluídos informes ou datos que xa obran en poder do propio Concello. Neste sentido, reclamou simplificación administrativa e maior uso de declaracións responsables.

Outro dos puntos máis criticados foi a dependencia exclusiva dunha aplicación móbil para tramitar as solicitudes, sen alternativa presencial. Para o PSOE, esta fórmula pode excluír persoas con menos competencias dixitais ou dificultades de acceso tecnolóxico, vulnerando o dereito da cidadanía a relacionarse coa administración por distintas vías.

A socialista tamén advertiu da incerteza xerada na zona norte tras comunicarse ás familias que o CEIP Monte dos Postes non acollerá finalmente o servizo de conciliación, sen concretar aínda a nova localización. Segundo denunciou, o prazo de inscrición rematou sen que moitas persoas soubesen onde se prestará realmente o servizo.

“RETROTRAER O PROCEDEMENTO” POLA SENTENZA DO ANTIGO INTERVENTOR

Preguntado ao final da comparecencia pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia relativa ao antigo interventor municipal, o concelleiro socialista Sindo Guinarte explicou que a resolución obriga a revisar o procedemento administrativo.

Guinarte sinalou que a decisión xudicial implica “retrotraer o procedimento” ao momento no que se solicitou a continuidade do funcionario, ao considerar que non se cumpriron determinados requisitos formais relativos á emisión de informes.

Segundo indicou, o actual goberno municipal deberá executar o establecido pola resolución, aínda que lembrou que a primeira prórroga fora acordada durante o anterior executivo socialista e que a decisión sobre unha segunda extensión xa non lles correspondeu. O edil limitouse a subliñar a necesidade de cumprir a sentenza e analizar as súas consecuencias administrativas.

ÚLTIMAS

Santiago autoriza un cámping para 40 caravanas no Tambre e adxudica proxectos de accesibilidade en varios edificios

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns unha serie de acordos...

Muíños pide ao Concello que aclare como afecta o novo recurso á adxudicación do transporte urbano

O concelleiro non adscrito de Santiago Gonzalo Muíños reclamou ao goberno municipal información detallada...

A Xunta instala 15 paneis no río Sar para advertir do risco de inundación en Santiago

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático colocou, a través de Augas de...

Un novo recurso volve frear a tramitación do contrato do bus urbano de Santiago

A tramitación do novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela afronta un...

Muíños pide ao Concello que aclare como afecta o novo recurso á adxudicación do transporte urbano

O concelleiro non adscrito de Santiago Gonzalo Muíños reclamou ao goberno municipal información detallada...

Rosón esixe ao Concello toda a documentación sobre Fly2Galicia e acusa o goberno de non revisar a operativa

A concelleira non adscrita de Santiago Mercedes Rosón reclamou ao goberno municipal que faga...

Verea tira de ironía ante o choque no bipartito pola polémica de Fly2Galicia: “Que pasa, bro?”

Compostela Aberta (CA), socio do BNG no Goberno municipal de Santiago, expresou este venres...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here