A concelleira do Grupo Municipal Socialista en Santiago, Marta Abal, reclamou no último pleno municipal a intervención nas zonas axardinadas do CEIP das Fontiñas, ao considerar que presentan un “deterioro evidente” que afecta ao seu uso diario.
Segundo explicou, trátase dun espazo exterior que, debido ás condicións meteorolóxicas, especialmente ás choivas, “se converte nunha lameira boa parte do ano”, o que dificulta tanto o seu aproveitamento como os accesos ao propio centro educativo.
A edil socialista sinalou que esta situación impide que o alumnado poida empregar esta área con normalidade, a pesar de tratarse dun espazo potencialmente destinado ao lecer. Neste sentido, advertiu de que actualmente “non reúne as condicións necesarias” para o seu uso.
Como alternativa, Abal trasladou unha proposta concreta ao Goberno municipal, consistente no acondicionamento da zona mediante a creación de terrazas ou socalcos. O obxectivo sería “gañar un espazo útil, seguro e digno para os nenos e nenas”, mellorando así as condicións do entorno escolar.
A concelleira defendeu que se trata dunha actuación asumible e de impacto directo no día a día da comunidade educativa, ao tempo que instou ao executivo local a actuar “nun prazo prudente de tempo” para dar resposta a esta situación.
Finalmente, advertiu de que o PSdeG realizará un seguimento desta demanda para garantir que se leve a cabo a mellora e que o Concello atenda unha necesidade que cualificou de evidente no ámbito educativo.

