O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, visitou as instalacións de Bodegas Lodeiros, unha empresa con máis dun século de historia, situada no Polígono do Tambre, onde puxo en valor o papel do tecido empresarial na economía local e reclamou máis atención para esta área industrial.
Durante o percorrido, Verea destacou a traxectoria da compañía, fundada en 1910 e trasladada a Santiago en 1940, onde continúa a súa actividade na actualidade baixo a dirección da cuarta xeración familiar. “Falamos dunha empresa centenaria que soubo adaptarse ao paso do tempo sen perder a súa esencia, mantendo a calidade e o compromiso coa súa identidade”, sinalou.
O dirixente popular incidiu na relevancia de apoiar ás empresas locais, ao considerar que son “xeradoras de emprego, riqueza e oportunidades”. Neste sentido, afirmou que “o futuro económico de Santiago pasa por coidar e impulsar iniciativas como esta, que combinan tradición e modernidade”.
Ademais, Verea puxo o foco no Polígono do Tambre, ao que definiu como un espazo clave para o desenvolvemento industrial da cidade. Segundo indicou, trátase dun “motor económico fundamental que precisa máis atención, melloras nas infraestruturas e unha aposta decidida por parte das administracións para seguir sendo competitivo”.
O líder do PP compostelán tamén destacou o potencial das empresas asentadas nesta área, sinalando que “o Tambre é clave para o desenvolvemento industrial de Santiago, e empresas como Bodegas Lodeiros demostran o potencial que temos”. Así mesmo, reiterou o compromiso do seu grupo de manter contacto directo co sector empresarial para coñecer as súas demandas e impulsar medidas que favorezan a actividade económica.

