A directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza Martínez, defendeu este xoves o trazado definitivo da senda peonil e ciclista entre O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago, no seu paso pola zona de Conxo, despois da modificación introducida para evitar afeccións ao espazo patrimonial do Banquete de Conxo. Durante a Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento galego, a deputada do BNG Saleta Chao cargou contra o proxecto da Xunta, ao que cualificou de “chapuza”, asegurando que o proceso estivo marcado por “erros e contradicións”.
O trazado inicial fora informado desfavorablemente por Patrimonio, ao considerar que podía afectar á área patrimonial do Banquete de Conxo, unha cuestión que a Xunta decidiu modificar posteriormente. Chao criticou “o empeño” do Goberno galego en atravesar a zona de Conxo, malia as alegacións presentadas polo Concello de Santiago e pola asociación veciñal Conxo Aberto, que advertiran das posibles afeccións incluso antes de iniciarse o proxecto. “Tiñan previsto facer unha animalada”, reprochou a parlamentaria nacionalista. Ademais, pediu restituír ao seu estado orixinal o bosque do Banquete de Conxo, ao asegurar que xa se iniciaron traballos que provocaron afeccións nese espazo natural.
A XUNTA DEFENDE O CAMBIO DE TRAZADO
En resposta, María Deza destacou que coa modificación do proxecto corrixíronse as “discrepancias” existentes, de modo que a senda, no punto quilométrico 3,560, en lugar de dirixirse cara ao Banquete de Conxo sepárase cara ao leste e discorre polo aparcadoiro do hospital de Conxo. A responsable de Infraestruturas tamén explicou que as obras continúan avanzando e que este mesmo xoves se instalou unha pasarela de madeira de 30 metros, unha actuación que provocou afeccións puntuais ao tráfico na AG-56. Segundo indicou, esta infraestrutura permitirá completar o trazado modificado da senda. En relación coa denuncia do BNG sobre os posibles danos no bosque do Banquete de Conxo, Deza asegurou “non ter constancia” desa situación, aínda que se comprometeu a comprobar se é necesario realizar actuacións de restauración no espazo afectado.

