InicioPOLÍTICAMila Castro pide retomar o contrato da auga e acusa BNG, PP...

Mila Castro pide retomar o contrato da auga e acusa BNG, PP e PSOE de antepoñer cálculos electorais aos problemas de Santiago

A concelleira non adscrita reclama que o expediente volva ao pleno municipal e chama aos grupos a centrarse en “sacar adiante os proxectos que a cidade necesita”

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira non adscrita Mila Castro reclamou que o contrato da auga volva ao pleno municipal para desbloquear a súa aprobación e criticou a actuación dos diferentes grupos políticos na corporación, aos que acusou de antepoñer os intereses electorais á resolución dos problemas da cidade.

Castro afirmou que durante os últimos días quedaron evidentes “dúas cousas”: por unha banda, que o BNG sente “remordemento de conciencia” polo bloqueo do contrato, e por outra que PP e PSOE estarían xa en clave electoral a máis dun ano das eleccións municipais previstas para 2027.

A edil referiuse ás explicacións ofrecidas pola alcaldesa tras o pleno no que non saíu adiante a renovación da concesión do servizo de auga. Segundo indicou, resultaba “complicado de entender” que se acusase ao Partido Popular de bloquear o contrato pola súa abstención cando o acordo non prosperou polos votos en contra do grupo nacionalista.

Castro sostivo que os votos favorables á proposta non quedaron sen efecto pola abstención de once concelleiros, senón “polo voto en contra dos seis concelleiros do BNG”, polo que considerou que a responsabilidade do bloqueo non pode atribuírse á oposición.

A concelleira tamén criticou a postura do Grupo Popular, ao que atribuíu “posicións cambiantes e erráticas” respecto ao contrato da auga. Lembrou que a formación votou en contra da concesión en setembro de 2022, apoiouna na comisión de estudo celebrada a comezos de febreiro e finalmente optou pola abstención no pleno.

Segundo Castro, estas variacións responden a que os partidos municipais “entraron xa en campaña electoral”, unha dinámica que, ao seu xuízo, afecta especialmente ao Partido Popular pero tamén ao Partido Socialista.

REFERENCIA Á SITUACIÓN INTERNA NO PSOE

Na súa intervención, a edil aludiu tamén a un acto celebrado en Santiago no que participaron cargos socialistas doutros municipios. Segundo sinalou, nel interviñeron representantes de Carballo, Ferrol e Pontedeume falando sobre a situación interna do socialismo compostelán.

Castro afirmou que mentres se fala de “feridas pechadas”, no partido continúa o debate sobre quen será o candidato ás eleccións municipais de 2027. “Se as feridas do socialismo están pechadas, será algo que dirán as nosas veciñas e veciños nas urnas”, apuntou.

CHAMAMENTO A PRIORIZAR OS PROBLEMAS DA CIDADE

Ante esta situación, a concelleira fixo un chamamento aos grupos municipais para centrar a actividade política nos asuntos pendentes da cidade, entre eles o propio contrato da auga.

Castro pediu que o expediente volva ao pleno municipal e reclamou ao BNG que permita a súa aprobación mediante unha abstención. Tamén instou ao Partido Popular a abandonar o que cualificou como “xogos” arredor deste asunto.

Menos cálculo electoral e máis compromiso con Santiago”, afirmou, advertindo de que sería “un desastre para Santiago que a campaña electoral comece xa”, xa que, segundo dixo, iso podería provocar “bloqueos arbitrarios, crispación e titulares baleiros”.

A edil concluíu lembrando que a corporación municipal foi elixida en 2023 “non para facer campaña permanente, senón para sacar adiante os proxectos que a cidade necesita”.

ÚLTIMAS

Rosa Crujeiras e Maite Flores cruzan reproches sobre continuidade e equipo nun cara a cara da segunda volta

O debate electoral organizado este venres polo Consello de Estudantado, a Asemblea de Investigadoras...

Rueda anuncia investimentos en estradas e servizos sociais tras reunirse co alcalde de Boqueixón

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mantivo esta semana unha reunión co...

Maite Flores cuestiona a designación de Juanatey na candidatura de Rosa Crujeiras á Reitoría da USC

A candidata á Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Maite Flores, cuestionou a...

As obras de accesibilidade do Pazo de Raxoi avanzan para eliminar barreiras arquitectónicas e facilitar o acceso cidadán

O Concello de Santiago continúa coa execución das obras destinadas a mellorar a accesibilidade...

O PSOE reclama habilitar un paso de peóns na rúa Concepción Arenal para mellorar a seguridade viaria xunto ao colexio da Inmaculada

A concelleira do Grupo Municipal Socialista de Santiago, Marta Abal, reclamou ao goberno local...

Santiago acolle un debate internacional sobre a polarización política e os retos da democracia no século XXI

Santiago de Compostela será escenario este luns, 9 de marzo, dun encontro académico internacional...

O PP de Santiago acusa ao Goberno municipal de ocultar información sobre os fondos destinados a Ryanair

A concelleira do Partido Popular no Concello de Santiago, María Baleato, denunciou este venres...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here