A concelleira do Partido Popular no Concello de Santiago, María Baleato, denunciou este venres nunha rolda de prensa que o Goberno municipal está a “obstaculizar a nosa labor de oposición, impedindo o acceso á información e ocultando a información que lle solicitamos” en relación cos fondos públicos destinados a compañías aéreas que operan no aeroporto compostelán.
Segundo explicou Baleato, o grupo popular solicitou ao executivo local datos sobre as cantidades que a empresa municipal de turismo Incolsa destinou ás compañías aéreas nos anos 2023, 2024 e 2025, especialmente no caso de Ryanair, tras a retirada dalgunhas conexións que operaban desde o aeroporto de Santiago. A petición foi rexistrada o 15 de decembro e, segundo indicou, a resposta do Concello chegou o 13 de febreiro, “un mes fóra de prazo” e sen incluír a información solicitada.
A concelleira afirmou que a resposta municipal se limitou a indicar os créditos iniciais previstos nos orzamentos de Incolsa para campañas de promoción turística, tanto en Europa como en mercados específicos como Reino Unido, Italia ou Alemaña, datos que, segundo dixo, o grupo popular xa coñecía. “O que verdadeiramente queriamos saber é canto destinou o Concello de Santiago a financiar a compañía Ryanair”, explicou.
Baleato relacionou esta petición coa situación do aeroporto de Santiago e coa perda de conexións aéreas nos últimos meses. Segundo indicou, citando datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), rexistráronse 16.033 visitantes menos, o que situou a ocupación no 30,38% fronte ao 41,60% do mesmo período de 2025, unha caída de máis de dez puntos.
A edil lembrou tamén que a propia concelleira de Turismo, Míriam Louzao, relacionara recentemente o descenso do turismo coa retirada de voos de Ryanair. Baleato sinalou que no inicio de 2025 existían sete conexións estatais que actualmente xa non operan, polo que considerou relevante coñecer os recursos públicos destinados a apoiar a actividade da aeroliña.
RECLAMACIÓN DO DEREITO DE ACCESO Á INFORMACIÓN
Durante a comparecencia, a representante popular sostivo que os concelleiros teñen dereito a acceder á información necesaria para exercer a súa función de control ao Goberno municipal. Baleato argumentou que a negativa a facilitar estes datos “vulnera o noso dereito fundamental” como membros da corporación.
Segundo explicou, a alcaldía xustificou a falta de detalle na resposta alegando a necesidade de manter discreción nas negociacións con compañías aéreas, mais a concelleira considerou que este argumento non se sostén, xa que a información solicitada se refire a exercicios xa pechados.
“Estamos diante de información relativa a actos de xestión administrativa con repercusión económica ou orzamentaria, contratos, convenios, subvencións ou axudas públicas concedidas”, afirmou Baleato, quen insistiu en que o seu grupo só solicita coñecer os importes finalmente executados, e non as previsións iniciais dos orzamentos.
POSIBLES MEDIDAS
Ante esta situación, o grupo popular advertiu de que podería adoptar novas medidas se o Goberno municipal non facilita a información solicitada. Entre as opcións que mencionou Baleato figuran acudir ao Valedor do Pobo ou iniciar accións xudiciais para reclamar o acceso aos datos.
A concelleira reiterou que o obxectivo do seu grupo é coñecer “que se formalizou en contratos, subvencións ou convenios” con cada compañía aérea, incluída Ryanair, e comprobar así o destino dos fondos públicos destinados á promoción turística e á conectividade aérea da cidade.
RESPOSTA DA ALCALDESA
Tras as críticas do grupo popular, o Goberno municipal remitiu unha resposta escrita na que defende que os orzamentos de Turismo de Santiago–Incolsa son públicos e poden consultarse na área de transparencia da web do Concello, onde se detallan as accións previstas cada ano para a promoción turística.
Segundo explica o executivo local, no ano 2023 o Concello prorrogou os orzamentos de 2022, o que implicou tamén a prórroga das partidas de promoción turística de Incolsa. Nese exercicio incluíanse dúas partidas para campañas de márketing en colaboración con compañías aéreas: unha campaña de promoción en Europa cun importe de 363.000 euros (IVE incluído) e outra campaña de márketing en liña dirixida ao Reino Unido e Italia por 726.000 euros (IVE incluído).
Para os anos 2024 e 2025, os orzamentos recolleron igualmente dúas partidas para este tipo de accións, cun importe total de 1.089.000 euros anuais (IVE incluído). En ambos exercicios, 363.000 euros destináronse a campañas de márketing en Europa e 726.000 euros a accións de promoción en liña nos mercados de Reino Unido, Italia e Alemaña.
O Goberno municipal subliña tamén que as negociacións coas compañías aéreas para desenvolver campañas de márketing colaborativo son complexas e dependen de múltiples factores, e que os acordos que se asinan con estas empresas teñen carácter confidencial. Neste sentido, defende que “a discreción é unha virtude necesaria para poder negociar acordos con cantidades realistas e asumibles”.
Finalmente, o executivo lembra que o grupo municipal do Partido Popular conta con representación no Consello de Administración de Turismo de Santiago, órgano que considera o espazo axeitado para tratar este tipo de cuestións, dado que algunhas delas están suxeitas á confidencialidade propia das negociacións con compañías aéreas.

