O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, manifestou o seu “máximo respecto” pola iniciativa promovida pola ANPA do CEIP Apóstolo Santiago para cambiar o nome do centro, ao tempo que reivindicou a decisión adoptada no último Pleno municipal, no que a proposta foi rexeitada.
Verea sinalou que calquera colectivo da cidade ten dereito a formular propostas e defendelas publicamente, e considerou que este tipo de iniciativas forman parte do funcionamento normal dunha sociedade democrática. Nese sentido, recoñeceu o papel das asociacións de nais e pais como integrantes activos da comunidade educativa.
Con todo, o portavoz popular subliñou que o colexio é un equipamento municipal que pertence ao conxunto da cidadanía, polo que as decisións sobre cuestións estruturais como a súa denominación non poden depender exclusivamente dun colectivo concreto. Segundo indicou, “un colexio municipal pertence a toda a cidade de Santiago, non a unha asociación nun momento determinado”.
Durante a súa valoración, Verea insistiu en que o ocorrido no último Pleno do Concello constitúe “un exercicio de democracia”, ao ser o órgano que representa ao conxunto da cidadanía o encargado de tomar a decisión. A proposta para modificar o nome do centro foi finalmente rexeitada cos votos en contra do Partido Popular e a abstención das concelleiras non adscritas.
Segundo explicou o líder popular, nun asunto que cualificou de “cargado de simbolismo e historia”, o máis axeitado é que a decisión sexa adoptada polo Pleno municipal, ao tratarse do espazo institucional onde se expresa a representación política da cidade.
ADVERTENCIA SOBRE O CUESTIONAMENTO DOS ACORDOS
Verea advertiu tamén de que poñer en dúbida os acordos adoptados polo Pleno podería abrir un precedente problemático para o funcionamento das institucións. Ao seu xuízo, cuestionar a validez das decisións cando non coinciden coas posicións dun colectivo implicaría “sentar un precedente perigosísimo para calquera decisión que se adopte no futuro”.
Finalmente, o dirixente do PP lamentou que no comunicado difundido pola ANPA non se fixese referencia ao sucedido durante a sesión plenaria, e asegurou que tampouco se produciu, segundo indicou, ningunha explicación sobre un incidente ocorrido no Pleno. Neste sentido, afirmou que “tampouco escoitamos aínda ningunha desculpa por chamar ‘puto sinvergüenza’ a un concelleiro durante o Pleno”, polo que considerou que sería oportuno pronunciarse tamén sobre esa cuestión.

