InicioPOLÍTICAMarta Abal reclama desbloquear a concesión do servizo de auga en Santiago...

Marta Abal reclama desbloquear a concesión do servizo de auga en Santiago ante unha rede “crítica e insostible”

A concelleira socialista sinala ao PP e ao goberno local como responsables do atraso nun investimento cifrado en arredor de 100 millóns de euros para renovar abastecemento e saneamento

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira do Grupo Municipal Socialista en Santiago, Marta Abal, advertiu este martes en rolda de prensa da situación “crítica e insostible” da rede de abastecemento e saneamento da capital galega, e instou a desbloquear de forma inmediata a fórmula de xestión para acometer a súa renovación integral.

Segundo expuxo, a cidade conta cunha infraestrutura “caduca” e con roturas constantes, con tubaxes que superan os 50 anos de antigüidade e con depósitos principais que, nalgúns casos, teñen máis de 90 anos. Abal insistiu en que o problema non afecta unicamente ao casco urbano, senón que tamén impacta no rural compostelán, onde —segundo os datos achegados— sete de cada dez núcleos carecen dalgún dos servizos e arredor do 40% non dispón nin de saneamento nin de abastecemento. “Estamos ante un fallo grave dun servizo esencial. Cada día que pasa sen decisións é máis risco, máis avarías e máis desigualdade”, afirmou.

A edil socialista puxo cifras á situación da rede municipal. No ano 2021, segundo indicou, rexistráronse arredor de 326 avarías que afectaron a máis de 17.000 fogares, mentres que en 2022 foron máis de 307 incidencias, con impacto en máis de 14.000 vivendas.

A este respecto, solicitou ao Goberno municipal que actualice os datos correspondentes aos anos 2024 e 2025. Entre os episodios recentes mencionou a rotura dunha tubaxe en agosto de 2025 na zona de Os Pejigos, así como a incidencia rexistrada en xaneiro dese ano no Outeiro do Castiñeiriño, que deixou sen subministración durante máis de nove horas a 77 fogares. Tamén lembrou a rotura dun conduto xeral de fibrocemento en xuño de 2024, que provocou inundacións e afectou a máis de 3.200 persoas en áreas como As Cancelas, Fontiñas, San Lázaro, Paredes, Amio e Piñeiro.

Abal cualificou a situación como “un ritmo de rotura de case unha tubaxe ao día”.

INVESTIMENTO ELEVADO E DEFENSA DA CONCESIÓN

Desde o PSdeG, a concelleira reiterou que a solución pasa pola concesión do servizo a unha empresa especializada, argumentando que o investimento necesario para modernizar a rede ascende a arredor de 100 millóns de euros, unha cantidade que considerou “inasumible” con cargo exclusivo ao orzamento municipal.

Segundo explicou, a Comisión do Ciclo Integral da Auga avalou esta opción co voto favorable do PSdeG e tamén do PP. A socialista sinalou que, ademais do financiamento, o servizo require “capacidade técnica especializada, innovación constante e resposta inmediata”, aspectos que, ao seu xuízo, poden achegar empresas do sector.

Isto non vai de dogmas ideolóxicos, vai de actuar con sentido común e dar unha solución realista axustada á realidade económica, xurídica e técnica de Santiago”, sostivo.

CRÍTICAS AO PP E AO GOBERNO LOCAL

Na súa intervención, Abal responsabilizou tanto ao Partido Popular como ao goberno municipal —integrado por BNG e Compostela Aberta— da situación actual. Ao PP acusouno de bloquear en 2022 a proposta de concesión presentada polo anterior executivo socialista, malia que agora, segundo indicou, recoñece esa fórmula como válida.

En relación ao goberno local, sinalou que a alcaldesa está a dilatar a decisión por discrepancias internas co seu socio. “Pedimos responsabilidade e que se desloquee dunha vez esta situación”, afirmou.

A concelleira referiuse tamén á posibilidade aberta pola alcaldesa de tomar un tempo de reflexión para analizar outras alternativas. Abal asegurou que, ao seu xuízo, a municipalización está descartada polo volume de investimento requirido e que a sociedade de economía mixta non conta cunha análise económica, xurídica e técnica adaptada á realidade compostelá.

“A única solución é concesión”, reiterou, aínda que admitiu que, desde o punto de vista administrativo, podería existir a opción de continuar coa tramitación sen pasar polo pleno, a través da xunta de goberno. En todo caso, considerou que calquera decisión debería respectar os acordos plenarios adoptados previamente.

O Grupo Municipal Socialista solicitou finalmente ao resto das forzas da corporación unha “fronte común” para resolver o que cualifican como unha situación estrutural que afecta tanto á cidade como ao rural compostelán.

ÚLTIMAS

Santiago conmemora o 8M cunha campaña centrada en Begoña Camaño e actividades participativas en toda a cidade

O Concello de Santiago presentou este martes o programa de actividades co gallo do...

Borja Verea acusa a Goretti Sanmartín de “enfadarse por gañar” e pídelle que vote a favor da concesión da auga

O portavoz do Partido Popular no Concello de Santiago, Borja Verea, cargou este luns...

A ANPA do CEIP Santiago Apóstol denuncia o “bloqueo” ao cambio de nome do centro: “Ignoraron dous anos de diálogo”

A ANPA do CEIP Santiago Apóstol denunciou o “bloqueo” por parte do pleno do Concello...

O Goberno local adxudica o asesoramento para redefinir a xestión das instalacións deportivas e amplía o prazo do novo contrato de transporte urbano

A portavoz do Goberno municipal e concelleira de Turismo, Míriam Louzao, deu conta este...

Borja Verea acusa a Goretti Sanmartín de “enfadarse por gañar” e pídelle que vote a favor da concesión da auga

O portavoz do Partido Popular no Concello de Santiago, Borja Verea, cargou este luns...

O Goberno local adxudica o asesoramento para redefinir a xestión das instalacións deportivas e amplía o prazo do novo contrato de transporte urbano

A portavoz do Goberno municipal e concelleira de Turismo, Míriam Louzao, deu conta este...

Alfonso Rueda evita confirmar a Paula Prado como candidata en Santiago e afirma que o PPdeG elixirá “os mellores”

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, foi preguntado este luns...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here