O concelleiro do grupo municipal do Partido Popular en Santiago, José Ramón de la Fuente, visitou o lugar de Vilamaior, na parroquia de Sabugueira, para comprobar sobre o terreo o estado das obras de pavimentación realizadas ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal. Segundo trasladou, durante a visita mantivo un encontro con veciñas e veciños que lle expuxeron as incidencias detectadas tras a execución dos traballos.
De la Fuente afirmou que as actuacións presentan “deficiencias facilmente comprobables a simple vista” e sinalou que, en días de choiva, a configuración da pendente estaría a dirixir a auga cara ás entradas de vivendas e propiedades particulares. “Un día de choiva a pendente leva, claramente, as augas pluviais á entrada das vivendas e propiedades dos veciños, problema que antes non tiñan e que, nalgún caso, tiveron que solucionar polos seus propios medios”, indicou.
O edil popular tamén apuntou que os fallos na planificación e execución das obras estarían a provocar asolagamentos en diversas fincas con precipitacións de escasa intensidade. “Hai sitios polos que non se pode transitar polas pozas xeradas pola deficiente planificación e execución das obras”, engadiu.
No que respecta aos accesos ás parcelas, o concelleiro sinalou que en varias fincas non se restituíu adecuadamente a entrada previa. Segundo explicou, mentres nalgúns casos se habilitaron accesos pavimentados, noutros quedou simplemente terra, o que, co paso das semanas, se converteu nunha superficie de lama que dificulta o tránsito.
De la Fuente asegurou que trasladou estas cuestións tanto ao Goberno municipal, integrado por BNG e CA, como á empresa contratista, e lamentou que “os nacionalistas fan oídos xordos e se negan a afrontar unha solución”.
Para o representante popular, resulta necesario que o Executivo local adopte medidas para resolver a situación, xa que, ao seu xuízo, “non é de recibo que, logo de facer unha intervención que tiña por obxecto mellorar os accesos ao núcleo de Vilamaior, moitos teñan agora peor mobilidade que antes”.
O concelleiro tamén cuestionou o alcance do proxecto executado, ao considerar que se limitou á reposición do firme existente sen introducir cambios nas dimensións nin nas rasantes da vía. Segundo indicou, existen treitos de dobre sentido que non permiten o cruzamento simultáneo de dous vehículos. “O PP lamenta a escasa ambición do proxecto de obras, que se limitaron só a recuperar o acabado do firme actual, sen modificar dimensións, nin rasantes, quedando algún vial de moito tránsito cun ancho que, a pesar de ser de dobre sentido, non permite a circulación de dous automóbiles a un tempo”, sinalou.

