O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, denunciou no Parlamento de Galicia que o BNG compostelán “está a cuestionar e a atacar publicamente a celebración do Son do Camiño ata o punto de dar a entender que non o queren en Santiago”. As declaracións producíronse durante unha intervención na Cámara autonómica, na que tamén estivo presente o director xeral de Turismo.
Verea cualificou de “irresponsabilidade absoluta” que o grupo nacionalista realizase críticas ao festival nun foro institucional e advertiu de que, ao seu xuízo, se está a trasladar unha mensaxe de rexeitamento cara a un evento que se celebra na capital galega. “Se non queren O Son do Camiño en Santiago, que o digan claramente. Que expliquen se o que pretenden é que marche para Ferrol, A Coruña, ou para calquera outra cidade galega”, manifestou.
Segundo o portavoz popular, o festival supón unha ferramenta de promoción exterior para a cidade. “O Son do Camiño sitúanos no mapa internacional como unha cidade aberta, moderna e dinámica. É un evento que proxecta Santiago ao mundo e que nos posiciona como capital cultural e musical. O modelo do BNG é xusto o contrario: pecharse, poñer límites e dicir non a todo”, afirmou.
O tamén deputado autonómico fixo referencia ao contexto turístico actual e sinalou datos que cualificou de preocupantes. Indicou que no primeiro trimestre se rexistrou unha caída do 12% na facturación hoteleira e que no segundo trimestre as reservas están un 7% por debaixo das do ano anterior. Neste escenario, asegurou que “os propios profesionais recoñecen que os días do Son do Camiño son os que están a salvar parcialmente a tempada”.
Verea sostivo que resulta contraditorio, ao seu xuízo, criticar un evento que considera consolidado mentres os indicadores económicos presentan descensos. Ademais, lembrou que Santiago pasou, segundo indicou, do top 10 de cidades receptoras de congresos ao posto 35 nun prazo de dous anos, situación que atribuíu a un modelo turístico que definiu como “errático e ideoloxizado”.
“O BNG ten que decidir se está do lado da cidade, da súa proxección internacional e do emprego, ou se prefire seguir instalado no non permanente. Santiago non pode permitirse un goberno que cuestiona incluso os eventos que a sitúan no mundo”, concluíu.

