A Xunta de Galicia acusou á alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, de actuar con “deslealdade e irresponsabilidade” tras facer público o anuncio da candidatura da cidade para ser elixida capital europea da ciencia en 2028. Segundo o Goberno galego, a rexedora realizou este anuncio de maneira “unilateral”, a pesar de tratarse dun proxecto que se estaba a desenvolver “con discrección” por parte da Administración autonómica.
Nun comunicado remitido este venres, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reprocha que a alcaldesa dese a coñecer unha iniciativa que se encadra no programa europeo ‘Science Comes to Town’, ao considerar que se vulneraron compromisos de confidencialidade asumidos cos socios internacionais implicados. O departamento autonómico advirte de que esta actuación podería “facer inviable” a proposta ao tratarse dun proceso competitivo no ámbito europeo.
A Xunta sinala que o Concello de Santiago era coñecedor da necesidade de manter a reserva sobre o proxecto e subliña que o seu papel dentro da candidatura “limítase a manifestar o seu apoio”. A proposta, segundo recolle o comunicado, chegou á Administración local a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), organismo dependente da Xunta.
Neste contexto, o Goberno galego acusa a Sanmartín de “tentar capitalizar” a iniciativa cunha “clara intencionalidade política e de notoriedade”, ao facer público o anuncio antes de tempo. A Consellería considera que as declaracións realizadas rompen a necesaria relación de confianza e a lealdade institucional que debe presidir este tipo de proxectos compartidos.
Finalmente, a Xunta advirte de que, no caso de que a candidatura decaia pola desconfianza dos socios europeos ou por outras posibles implicacións derivadas do anuncio público, a responsabilidade recaerá “exclusivamente” na alcaldesa de Santiago de Compostela.

