InicioPOLÍTICAA comisión municipal da auga avanza unha nova reunión para pechar unha...

A comisión municipal da auga avanza unha nova reunión para pechar unha proposta de xestión do ciclo integral

A oposición solicita máis información para poder decidir o "mellor modelo": "Hai máis dúbidas que certezas"

Publicado o

Xornal de Compostela

A comisión municipal para o estudo do modelo de xestión do ciclo integral da auga de Santiago volverase reunir nas próximas semanas co obxectivo de formular unha proposta concreta que poida ser elevada ao Pleno do Concello. Así o trasladaron fontes do Goberno local tras a reunión celebrada este venres no Pazo de Raxoi.

Segundo explicou o executivo municipal, o encontro estivo centrado na análise da fórmula considerada “máis sustentable e eficiente” para a xestión da auga, unha vez presentado o pasado 31 de outubro, neste mesmo órgano, o diagnóstico elaborado pola Cátedra da Auga da Universidade da Coruña. Durante a sesión, algúns integrantes da comisión manifestaron a necesidade de contar con aclaracións adicionais antes de fixar unha posición definitiva, polo que se acordou que os servizos internos do Concello dean resposta a estas dúbidas nunha próxima convocatoria.

Desde o Goberno local avanzan que a intención é pechar os traballos da comisión nun curto prazo para poder trasladar ao Pleno unha proposta definida sobre o futuro modelo de xestión do ciclo integral da auga en Santiago.

A OPOSICIÓN RECLAMA MÁIS DATOS

Desde o Grupo Municipal Popular, o concelleiro José Antonio Constenla trasladou que, tras a reunión, persisten “máis dúbidas que certezas” arredor do modelo de empresa mixta que defende o executivo compostelán. Ao seu xuízo, unha lectura detida da documentación non permite concluír de forma clara que esta opción sexa a máis axeitada para a cidade.

Constenla apuntou, ademais, que os prazos de constitución e posta en marcha desta fórmula resultan “confusos, complicados e longos”, nun contexto no que, segundo indicou, Santiago non pode permitirse demoras. Tamén advertiu de que o informe presentado non entra de maneira específica na realidade concreta do municipio e puxo sobre a mesa exemplos doutras experiencias de empresas mixtas que, segundo afirmou, están a xerar sobrecustes. Neste sentido, reclamou seguridade para a veciñanza e unha actualización das previsións económicas, lembrando que xa en 2021 se falaba dun investimento próximo aos 100 millóns de euros.

Na mesma liña, o portavoz do Grupo Municipal Socialista, Sindo Guinarte, sinalou que o seu grupo tampouco dispón aínda de información suficiente para adoptar unha decisión “fundamentada e razoable” sobre cal debe ser o modelo de xestión. Nun audio difundido aos medios, o representante do PSdeG indicou que xa trasladaron a necesidade de contar con máis informes técnicos e económicos que permitan avaliar a viabilidade da empresa mixta, as súas condicións e as posibles repercusións para o Concello. Segundo apuntou, confían en que esta documentación sexa achegada na próxima reunión da comisión para poder fixar unha posición baseada en datos obxectivos.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...