InicioPOLÍTICAMarta Abal cuestiona tamén a instalación de novos radares e pide un...

Marta Abal cuestiona tamén a instalación de novos radares e pide un enfoque preventivo

A concelleira socialista considera que a medida non forma parte dunha estratexia integral de seguridade viaria e reclama estudos públicos que xustifiquen a súa implantación

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira do Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago, Marta Abal, manifestou o seu desacordo co anuncio do Goberno local sobre a instalación de novos radares fixos e dun semáforo con cámara na cidade. A edil asegurou que esta decisión “non responde a unha estratexia integral de seguridade viaria”, senón a unha política que, ao seu xuízo, “prioriza a sanción fronte á prevención e deseño seguro das rúas”.

As declaracións foron realizadas a través dun audio remitido aos medios de comunicación, no que Abal defendeu que a seguridade viaria debe basearse nunha “orde lóxica de actuación”. Segundo explicou, esa secuencia debería comezar polo deseño urbano das rúas, continuar cunha xestión intelixente do tráfico e accións de concienciación, e só incorporar a sanción en puntos concretos e conflitivos, sempre sustentada en datos públicos que avalen a súa necesidade.

Neste contexto, a concelleira socialista indicou que na actualidade “non consta a existencia dun estudo público e actualizado que xustifique a colocación destes dispositivos viarios”. Engadiu que, de existir esa documentación, o seu grupo solicita que “o Goberno a faga pública” para permitir unha avaliación transparente da medida.

Abal tamén puxo o foco na situación dalgunhas vías da cidade que, pese a contar con menor volume de tráfico e límites de velocidade máis reducidos, presentan unha maior perigosidade, especialmente “aquelas con alta presenza peonil”. Ao seu entender, estas circunstancias deberían ser prioritarias á hora de definir actuacións en materia de mobilidade e seguridade.

A edila lembrou ademais que a actual alcaldesa defendía no ano 2020 a necesidade de impulsar campañas de sensibilización e un cambio na política de mobilidade urbana. Por iso, cualificou de “contraditorio” que agora se aposte pola instalación de radares como medida principal, fronte a outras accións preventivas e educativas que daquela se consideraban esenciais.

Para concluír, Marta Abal sostivo que a seguridade viaria debe construírse con “planificación, datos e coherencia política”, e non a través do que definiu como “multas masivas”, reiterando a necesidade dun enfoque global e fundamentado para mellorar a mobilidade e a protección das persoas en Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...