InicioPOLÍTICASanmartín e Rego reclaman ao Estado fondos para impulsar o Orbital e...

Sanmartín e Rego reclaman ao Estado fondos para impulsar o Orbital e a estación de mercadorías da Sionlla

BNG e Goberno local sitúan ambos proxectos como eixos dunha nova etapa en infraestruturas para Santiago de Compostela

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Goretti Sanmartín e o deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, reclamaron ao Goberno central financiamento para distintos proxectos municipais, entre os que destacaron a continuidade do Orbital e a construción da estación de mercadorías da Sionlla, dúas actuacións que consideran estratéxicas para o futuro da capital galega e da súa comarca.

Durante a súa intervención, Sanmartín explicou que o Executivo local pretende abrir unha “nova etapa” en materia de infraestruturas, apoiada en proxectos que cualificou como “grandes actuacións estruturais” e que o Concello quere ver reflectidas nos próximos Orzamentos Xerais do Estado. “Hai que abrir novos camiños de apostas que son básicas e de apostas que queremos que estean na axenda dos orzamentos do Estado”, sinalou.

A demanda da continuidade do Orbital prodúcese despois da inauguración do seu primeiro tramo e mentres se agarda pola dotación económica que permita iniciar as obras da ligazón coñecida como Orbitaliño. A alcaldesa precisou que esta prolongación xa está recollida no planeamento urbanístico municipal e que se estendería desde a estrada da Coruña cara ao oeste, coincidindo coa área na que se atopa en fase final a construción da plataforma loxística de mercadorías.

Segundo explicou a rexedora, esta extensión do Orbital contribuiría a reforzar o papel de Santiago como nodo loxístico, especialmente no ámbito do transporte de mercadorías. Un obxectivo que, segundo engadiu, se vería completado coa posta en marcha da estación ferroviaria de mercadorías da Sionlla, un proxecto que, afirmou, conta co respaldo de todas as forzas representadas na corporación municipal.

Pola súa banda, Rego cualificou a estación da Sionlla como unha iniciativa “clave” para o desenvolvemento económico de Santiago de Compostela no futuro. O deputado nacionalista subliñou que esta infraestrutura permitiría completar o Eixo Atlántico de mercadorías e advertiu da necesidade de que Galicia non quede atrás respecto a outros corredores estratéxicos do Estado. “Estamos preocupados por que non quede atrás do Corredor Mediterráneo”, apuntou.

OUTRAS DEMANDAS EN MATERIA DE MOBILIDADE

Alén destes dous proxectos, o deputado do BNG reiterou a necesidade de que as infraestruturas xa existentes se poñan “ao servizo da cidadanía e dos movementos económicos da cidade”, citando entre elas grandes vías de comunicación que atravesan Galicia. Rego insistiu tamén na importancia do ferrocarril como “o modo de mobilidade do futuro”, tanto para persoas como para mercadorías.

Neste contexto, lembrou que o Goberno central está a elaborar un estudo para a conexión ferroviaria entre Santiago e Lugo, así como outro para a implantación dun sistema de proximidade ferroviaria en Galicia. Segundo indicou, o BNG manterá a presión política para que os proxectos relacionados con Santiago conten con partidas específicas nas contas estatais, aínda que recoñeceu que resulta “dubidoso” que se materialicen a curto prazo.

“Pero si é verdade que igual que o Goberno, cando quere, por exemplo, sacar dun día para outro 1.400 millóns de euros para gasto militar, pode facer modificacións orzamentarias para que ningún destes proxectos se paralice”, concluíu o deputado nacionalista.

ÚLTIMAS

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Convocan unha mobilización en Santiago contra o colapso sanitario: “Ou nos mobilizamos ou a sanidade seguirá destruída”

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha concentración para o domingo 1 de febreiro...

O Concello de Santiago adxudica a Eulen o contrato de dinamización da rede de centros socioculturais

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a adxudicación do contrato de...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio de Meixonfrío

O Concello de Santiago de Compostela aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou,...

O PSdeG anuncia unha interpelación no pleno de xaneiro pola situación dos Centros Socioculturais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno do mes de xaneiro unha...

Verea reclama medidas urxentes para apoiar a industria turística de Santiago

O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, mantivo unha xuntanza con arredor de...