InicioPOLÍTICAO Pleno volve rexeitar o pago do recoñecemento extraxudicial de crédito

O Pleno volve rexeitar o pago do recoñecemento extraxudicial de crédito

Muíños propón repetir este sábado a sesión para votar por separado as facturas de Viaqua das do resto de provedores tras un receso solicitado pola alcaldesa antes da votación

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O pleno extraordinario do Concello deste xoves volveu rexeitar o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito que incluía o pagamento de 119 facturas pendentes, entre elas 26 facturas de Viaqua pola recadación da taxa do lixo. A proposta non saíu adiante polos votos en contra do Partido Popular e pola abstención das tres concelleiras e do concelleiro non adscritos, fronte ao apoio do BNG, Compostela Aberta e PSOE. Trátase da segunda vez que este expediente se somete a debate e votación en sesión plenaria, co mesmo resultado

O concelleiro de Facenda, Manuel César, defendeu o expediente pedindo “o voto favorable” a todos os grupos e apelou á responsabilidade cos 65 autónomos, microempresas, Pemes, cooperativas e asociacións afectados polo atraso nos pagos. Segundo detallou, o documento recollía 119 facturas, maioritariamente de pequenos importes: consumos de gas e gasóleo en dependencias municipais, lavado de vehículos, actividades formativas, mantemento de software e equipamentos do Servizo de Extinción de Incendios, aplicacións informáticas ou accións de promoción do Nadal.

Xunto a estes gastos, o expediente incluía 26 facturas de Viaqua pola xestión da cobranza da taxa do lixo, emitidas entre 2021 e 2025 e que suman, segundo indicou, 992.000 euros. César lembrou que a última factura deste concepto se pagara por última vez en xullo de 2021 e insistiu en que “sempre” se aprobaren en plenos anteriores expedientes semellantes, tanto cando o actual goberno formaba parte da oposición como en mandatos previos.

Pola súa banda, o concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños acusou o goberno local de facer “politiqueo coas facturas pendentes” e considerou que na proposta “hai moi pouco de xestión responsable”. Na súa intervención mantivo que o executivo está a utilizar os pequenos provedores “para as súas batallas co Partido Popular” e reclamou que o expediente se dividise en varios puntos para poder votar por separado.

Muíños defendeu que se podía presentar por un lado un recoñecemento coas facturas de Viaqua, sobre as que o PP xa expresara dúbidas, e, por outro, as facturas vencelladas a contratos menores, servizos recorrentes ou subministracións mal tramitadas, como cascos e material de bombeiros, programación de Nadal, publicidade ou mantemento de aplicacións. “Fíxense que difícil era dar coa clave para pagarlle aos autónomos e pequenos empresarios”, ironizou, antes de reprochar ao goberno que non recuperase a práctica de traer puntos separados con votación independente, como asegurou que se facía no inicio do mandato.

Dende o Grupo Municipal Socialista, a concelleira Marta Abal reiterou o apoio ao pagamento das facturas e lembrou que o PSOE mantén a mesma posición que en anteriores mandatos: “as facturas hai que pagalas”. Abal subliñou que no expediente constan os informes municipais que acreditan que as prestacións se realizaron e que o trámite plenario ten por obxecto subsanar os erros formais detectados na contratación. Para o grupo socialista, “non se pode dar unha bofetada ao goberno na cara dos provedores” e, por iso, confirmou que o voto do PSOE sería favorábel, advertindo ao tempo da necesidade de que o goberno “practique máis diálogo” e busque os apoios necesarios antes de levar estes asuntos ao Pleno.

O Partido Popular, a través da concelleira Rosario Ferreiro, mantivo o voto en contra apoiándose nas dúbidas xurídicas xa expostas no pleno anterior. Ferreiro cualificou o expediente de “xuridicamente complexo” e sostivo que o documento é “un reflexo do desleixo do goberno no cumprimento da normativa de contratación”. No caso das facturas de Viaqua, explicou que se trata de servizos de recadación da taxa do lixo prestados entre 2021 e 2025 sen cobertura contractual específica nin orde formal de continuidade, apoiándose unicamente nun “encargo verbal”.

A edil popular incidiu en que a contratación verbal está prohibida pola Lei de Contratos do Sector Público e que, ao non existir xustificación sobre a adecuación dos prezos ao mercado, o Concello estaría asumindo “case un millón de euros sen cobertura normativa de ningún tipo”. Sobre o resto de facturas, Ferreiro apuntou a un “uso abusivo” dos contratos menores, a prestacións recorrentes que deberan ser licitadas, fraccionamento de contratos e gastos de diverso tipo que, ao seu xuízo, evidencian fallos na planificación e tramitación.

No treito final do debate, Manuel César respondeu que o servizo de recadación incluído nas facturas de Viaqua forma parte do contrato de abastecemento e saneamento dende 2007 e que todo o contrato está en situación de precario dende 2019, non só esta prestación. Lembrou tamén que sucesivos gobernos, de distinta cor política, pagaron facturas semellantes e que agora o que se pretende é regularizar a situación para que a empresa e o resto de provedores poidan cobrar.

A discusión derivou tamén en reproches cruzados entre Muíños e Abal sobre a xestión económica do anterior mandato e sobre o uso político dos expedientes de recoñecemento extraxudicial. A concelleira socialista chamou a aparcar “rencores” persoais e pediu centrarse no “interese xeral do Concello de Santiago de Compostela”, ao tempo que pediu desculpas á cidadanía polo “bochornoso espectáculo” ofrecido no salón de plenos.

Antes da votación, a alcaldesa Goretti Sanmartín interveu para remarcar que, ao seu xuízo, non se trata dun debate ideolóxico senón “dunha cuestión administrativa”. A rexedora lembrou que o Concello “ten obriga de pagar aqueles traballos que se realizan” e que, historicamente, os plenos facilitaron, mediante votos favorábeis ou abstencións, que os expedientes de facturas pendentes saísen adiante. Sanmartín preguntouse “como se xustifica” perante a cidadanía que non se vote a favor de pagar servizos que os informes municipais consideran efectivamente prestados.

Ante a intensidade do debate, a alcaldesa pediu a intervención do secretario municipal, que fixo unha explicación xurídica sobre o marco en que se encadran estas obrigas de pagamento. O secretario lembrou que, cando unha administración concierta unha prestación e esta se realiza, “nace para o provedor un dereito subxectivo” e, en consecuencia, “nace para a administración o deber” de retribuír ese traballo, ben mediante o pagamento da factura, ben recoñecendo unha indemnización para evitar enriquecemento inxusto.

Tamén precisou que a aprobación do pagamento “non implica de ningún xeito convalidar o procedemento” seguido para xerar esa obriga económica, que continúa sendo independente e, no seu caso, obxecto doutras responsabilidades. Posteriormente, e a preguntas do PP, o secretario aclarou que os grupos municipais non están obrigados a votar a favor nin a absterse e que, motivando o sentido do voto, actúan dentro da súa liberdade política.

Despois desta aclaración, Sanmartín pediu un receso de 10 minutos antes de proceder á votación, un xesto pouco habitual que varios concelleiros cualificaron de “histórico” no propio salón de plenos.

Ao retomarse a sesión, e xusto antes de iniciarse a votación, Gonzalo Muíños pediu de novo a palabra para formular unha proposta: a convocatoria dun novo pleno extraordinario en 48 horas, este sábado, no que o goberno presentase dous expedientes separados, un coas facturas de Viaqua e outro co resto de facturas aos pequenos provedores. O concelleiro non adscrito comprometeuse a que el e as concelleiras non adscritas renunciarían á dieta por asistencia a esa nova sesión “para poder desatascar o tema”. A alcaldesa respondeu que o debate xa estaba pechado e deu paso directamente á votación, que resultou, como na ocasión anterior, nos votos en contra do PP, a abstención das non adscritas e o voto favorable do goberno do BNG e Compostela Aberta e do PSOE.

ÚLTIMAS

O Pleno de Santiago aproba por unanimidade o traspaso á Xunta da atención sanitaria en drogodependencias

O Pleno extraordinario celebrado hoxe no Concello de Santiago aprobou por unanimidade o traspaso...

O Concello abre dous meses de exposición pública para as modificacións do Plan Especial do Camiño Francés

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago, Iago Lestegás, anunciou a apertura dun...

Enfócate 2025 reúne na Cidade da Cultura a nova xeración do talento visual galego

A Cidade da Cultura acolleu este mércores Enfócate 2025, unha proposta que reforza o...

O Santiago (é)Tapas volve en febreiro con novas categorías e unha campaña de 65.000 manteliños promocionais

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, presentou esta mañá a campaña de...

O Pleno de Santiago aproba por unanimidade o traspaso á Xunta da atención sanitaria en drogodependencias

O Pleno extraordinario celebrado hoxe no Concello de Santiago aprobou por unanimidade o traspaso...

O PSOE cuestiona as formas do traspaso da UMAD ao Sergas mentres o Goberno defende que segue o procedemento fixado pola comisión mixta

A decisión sobre o traspaso da Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) ao...

O PP acusa a alcaldesa de actuar de forma unilateral no refuxio de Bando e pide a readmisión inmediata do voluntariado

O concelleiro do Partido Popular en Santiago, Adrián Villa, reclamou este luns que o...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here