InicioPOLÍTICAO PP acusa a alcaldesa de actuar de forma unilateral no refuxio...

O PP acusa a alcaldesa de actuar de forma unilateral no refuxio de Bando e pide a readmisión inmediata do voluntariado

Adrián Villa reprocha ao Goberno local a ausencia de protocolos claros, a falta de información ao Padroado e as consecuencias derivadas do peche de acceso ao persoal voluntario

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro do Partido Popular en Santiago, Adrián Villa, reclamou este luns que o Concello reverta de inmediato a decisión que impide ao voluntariado acceder ao refuxio de Bando. O edil denunciou que desde finais de outubro estas persoas non poden realizar tarefas básicas de apoio, unha situación que, segundo explicou, repercute directamente no coidado dos máis de cincocentos animais acollidos nas instalacións.

Villa lembrou que o PP leva dous anos advertindo da situación do centro, primeiro polo aviso dunha “situación crítica” en xaneiro de 2024 e, un ano despois, por novos informes con incidencias trasladadas polo persoal. Segundo o concelleiro, estas condicións derivaron nun episodio no que un traballador resultou ferido polo ataque dun can, “un feito que, ao seu xuízo, non responde á agresividade do animal, senón á falta de recursos e protocolos adecuados”.

O edil tamén fixo referencia ao recente sacrificio de Gosu, cuxo proceso de adopción —apuntou— non foi trasladado ao Padroado. Villa asegurou que existían “informes favorables” para unha posible recondución do animal e culpou ao Goberno local de impedir que esa alternativa se chegase a valorar en tempo e forma.

A cuestión central da comparecencia foi, porén, o funcionamento do Padroado do refuxio, órgano do que forman parte representantes de varios concellos e entidades. Villa criticou que as últimas decisións se adoptasen “sen coñecemento dos catorce membros” e acusou á presidenta do Padroado, a alcaldesa Goretti Sanmartín, de actuar “sen consultar” e sen asistir presencialmente ás reunións.

Segundo explicou, na sesión celebrada o 5 de novembro, que se prolongou preto de tres horas, non se pecharon asuntos pendentes e quedou en suspenso unha nova convocatoria da que, indicou, aínda non teñen data. Por iso, anunciou que o Grupo Popular solicitará formalmente unha nova xuntanza.

Villa advertiu da repercusión do cambio de pechaduras, efectuado o 28 de outubro, medida que —afirmou— deixou ao voluntariado sen acceso ao recinto e fixo que desde media tarde ata primeira hora do día seguinte “non haxa ninguén que poida detectar incidencias nin atender necesidades básicas dos animais”.

O concelleiro concluíu pedindo ao Goberno local “transparencia e respecto institucional” e reiterou que o PP “non consentirá represalias contra persoas que realizan un labor altruísta”. A formación reclama que se restablezan de inmediato as condicións previas e que o Padroado recupere o seu funcionamento ordinario.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

O PSdeG esixe incorporar a VOLABAN ao Padroado do Refuxio de Bando tras máis dun ano de demora

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Os non adscritos retiran a demanda contra o PSOE pola súa expulsión

Os catro concelleiros non adscritos de Santiago de Compostela --Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Milagros...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here