O Grupo Municipal Socialista pediu ao executivo local que active canto antes os traballos acordados polo Pleno en novembro para corrixir as deficiencias do cruce entre a rúa do Hórreo e República Arxentina, unha zona sinalada de maneira reiterada polos colectivos de mobilidade como un dos espazos con peores condicións de accesibilidade en Santiago de Compostela.
A concelleira Marta Abal destacou a importancia do consenso acadado na corporación, mais subliñou que “os acordos hai que cumprilos”, lembrando que o compromiso aprobado fixa a execución das actuacións no ano 2026. Para a edil, o punto presenta problemas que non poden seguir adiándose, nun espazo que soporta un tránsito continuo de persoas.
Segundo o grupo socialista, o enclave concentra desniveis pronunciados, obstáculos no itinerario peonil, ausencia de pavimento podotáctil e un chan deteriorado, elementos que dificultan a mobilidade e incrementan o risco para quen precisa desprazarse con axudas técnicas ou conta con discapacidade.
“Estamos a falar de intervencións básicas que levan demasiado tempo pendentes e que afectan directamente á seguridade e autonomía das persoas”, indicou Abal, quen situou este caso como “un exemplo da falta de control nas obras municipais”.
A formación lembra que esta iniciativa está ligada á proposta presentada en outubro para crear un sistema municipal de verificación da accesibilidade, tamén aprobada polo Pleno, co fin de evitar que novas actuacións incorporen barreiras innecesarias. “Este cruce é unha mostra de por que ese mecanismo é imprescindible”, engadiu a concelleira.
O PSdeG insiste en que o acordo unánime obriga o goberno local a actuar “sen escusas”, ao entender que hai un mandato claro para avanzar na transformación de Santiago nunha cidade inclusiva.
“Celebramos a unanimidade, si, pero agora toca cumprir. O goberno de Goretti ten un mandato claro e non hai escusas”, lembraron desde a bancada socialista, avanzando que farán seguimento da execución e continuarán reclamando un modelo urbano que “non deixe a ninguén atrás”.

