Os concelleiros socialistas Marta Abal e Gumersindo Guinarte reclamaron esta mañá unha reacción “inmediata” do Goberno local ante a situación de falta de efectivos na Policía Local e no Servizo de Extinción de Incendios de Santiago. A formación esixe que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, asuma directamente a negociación sindical, ao considerar que na mesa actual “non hai un interlocutor axeitado”.
Abal avanzou que o grupo socialista remitirá un escrito á Alcaldía e á Comisión Informativa de Facenda para que o Concello aproveite “sen perda de tempo” a oportunidade que se abre co traspaso da Unidade Municipal de Atención ás Drogodependencias (UMAD) ao Sergas, un punto que será analizado este mércores na devandita comisión. Segundo explicou, ese traspaso deixará 12 prazas vacantes na estrutura municipal, e o PSOE pide que se reconviertan en postos para bombeiros e policías, segundo as necesidades de cada servizo. A concelleira lembrou que estas prazas “xa forman parte da plantilla” e advertiu que “non se poden amortizar”.
A edil insistiu en que o reforzo de persoal é “prioritario”, e criticou o atraso na activación das ofertas de emprego público de 2023 e 2025, lembrando que “as bases de 2023 están aprobadas desde o ano pasado” e que só faltaba a súa fiscalización e publicación. “Pasou máis dun ano e non temos constancia de que se convocasen”, lamentou.
O precedente de Ferrol e as vías legais para incrementar efectivos
Abal instou ademais o Executivo local a explorar a vía utilizada polo Concello de Ferrol na súa OEP de 2024 para aumentar o número de bombeiros, unha opción que considera “plenamente legal” e “aplicada noutros municipios”. Defendeu que Santiago pode recorrer a esta fórmula amparándose no Plan Municipal de Emerxencias, que establece un mínimo de 12 bombeiros por quenda, unha cifra que, segundo dixo, “a día de hoxe nin sequera se achega” en determinados turnos.
A concelleira subliñou que esta vía pode activarse “sen necesidade de agardar ao Parque Comarcal de Montouto”, e que está avalada pola normativa vixente: “Temos unha cláusula legal e unha norma interna que obriga a cumprir ese mínimo de persoal”.
DEMANDAS LABORAIS E SENTENZAS FAVORABLES
Ademais da cobertura de prazas, Abal reiterou que o Concello debe atender as reivindicacións laborais dos dous corpos, asegurando que existen sentenzas recentes do Tribunal Supremo que avalan o recoñecemento de determinados complementos —como o de festividade— dentro do específico singularizado. Tamén lembrou que hai “maioría sindical favorable” a estas peticións e que noutros concellos e na Xunta “xa se aplican solucións intermedias” sen necesidade de abordar unha RPT completa, como propón o Goberno local.
Sobre as horas extra, precisou que, aínda que descoñece se hai xurisprudencia específica sobre esta cuestión, “ten lóxica que se pague polo menos o mesmo por traballar voluntariamente nunha necesidade estrutural”.
GUINARTE CHAMA A RETOMAR A NEGOCIACIÓN
Pola súa banda, Gumersindo Guinarte subliñou que se trata dun conflito laboral que debe resolverse exclusivamente mediante a negociación colectiva. Rebateu o argumento do Goberno municipal que afirma que non existe unha lei nin unha sentenza que obrigue a aceptar as reivindicacións: “Se existise unha resolución así, non sería obxecto de negociación, habería que cumprila. Aquí o que toca é sentarse e buscar unha solución pactada”.
Guinarte concluíu que o Executivo local “non pode usar como excusa a ausencia de sentenzas vinculantes” e reclamou que retome o diálogo para achegar posicións e garantir un acordo “satisfactorio para ambas partes”.

