InicioPOLÍTICAO Concello pagará as horas extra a Bombeiros e Policías coa abstención...

O Concello pagará as horas extra a Bombeiros e Policías coa abstención do PP e os concelleiros non adscritos

O expediente cobre gardas entre novembro de 2024 e maio de 2025 e o traballo en festivos ata setembro, coa abstención do PP e dos non adscritos

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Concello de Santiago aprobou este venres, nun pleno extraordinario, o pagamento das horas extraordinarias pendentes da Policía Local e do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento correspondentes a novembro e decembro de 2024, xaneiro a maio de 2025 e ás festividades de xaneiro e setembro de 2025. O importe global do expediente ascende a 2.172.487,76 euros.

O punto saíu adiante coa maioría do goberno e o voto favorable do PSOE, mentres que o PP e os concelleiros non adscritos optaron pola abstención. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, abriu a sesión cun único asunto na orde do día: a ratificación das gratificacións por servizos extraordinarios en ambos corpos municipais.

Na defensa do expediente, o concelleiro de Facenda e Persoal, Manuel César Fernández, explicou que o pleno debía pronunciarse ao superarse os límites inicialmente previstos no orzamento para este tipo de compensacións. Segundo sinalou, a necesidade de levar o acordo á corporación responde a un problema estrutural de persoal que obriga a cubrir quendas e reforzos con horas fóra de xornada. César enmarcou a situación na caída de efectivos nos últimos anos, vinculándoa ás restricións da taxa de reposición nas administracións locais. No debate lembrou que, malia esa limitación, o actual goberno incrementou as prazas dispoñibles, pasando de 59 a 64 bombeiros e de 154 a 162 policías no cadro de persoal, e afirmou que o executivo manterá o compromiso de seguir reforzando estes servizos.

O edil subliñou tamén que os procesos para incorporar novos profesionais son longos e dependen de procedementos de selección e formación, polo que, mentres non se complete esa ampliación, “continúan sendo necesarios servizos extraordinarios”. Engadiu que o expediente permitirá que as cantidades se abonen na nómina do mes en curso.

Pola súa banda, o concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños iniciou a súa intervención recoñecendo a “profesionalidade e responsabilidade” de bombeiros e policías, pero cargou contra o goberno municipal pola xestión do atraso nos pagos e pola situación de falta de efectivos. Muíños atribuíu a acumulación de máis de dous millóns en horas extra a unha “xestión neglixente dos recursos humanos” e criticou que non se convocasen prazas pendentes dende ofertas de emprego anteriores. Aínda así, xustificou a abstención do seu grupo para permitir que o persoal municipal cobre polos servizos xa realizados.

Desde o PSOE, Marta Abal confirmou o apoio ao expediente ao considerar que as horas extraordinarias “están realizadas, xustificadas e acreditadas” e que son imprescindibles para manter o funcionamento operativo dos servizos esenciais. A edil socialista coincidiu en que existe un déficit estrutural de persoal tanto en bombeiros como na Policía Local, non exclusivo de Santiago, e advertiu de que, mentres non se cubran vacantes, as quendas mínimas dependen destas gardas. Ao tempo, reclamou ao goberno que acelere a convocatoria das prazas previstas, especialmente no corpo de bombeiros.

O portavoz do PP, Borja Verea, anunciou a abstención do seu grupo, vinculándoa ao respecto aos profesionais, pero mantivo unha crítica dura cara ao executivo pola situación dos servizos de emerxencia. Verea asegurou que o expediente chega tras “un ano de nóminas atrasadas” e responsabilizou politicamente á alcaldesa e ao concelleiro de Facenda pola falta de previsión e pola dependencia das horas extra para cubrir o operativo diario.

No peche do debate, Manuel César agradeceu o respaldo da corporación e pediu desculpas polo atraso no pagamento, indicando que o expediente é semellante a outro aprobado en 2022, aínda que con máis explicacións e compromisos de reorganización. O concelleiro reiterou que o goberno seguirá traballando para reducir a necesidade de horas extraordinarias mediante a incorporación de persoal e unha nova organización dos servizos.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here