InicioPOLÍTICAA Xunta atribúe ao Concello de Santiago os erros na solicitude para...

A Xunta atribúe ao Concello de Santiago os erros na solicitude para declarar a cidade como mercado tensionado

Heriberto García Porto asegura que “non hai boicot” e que a falta de declaración débese á documentación incompleta do Concello

Publicado o

Xornal de Compostela

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, negou que exista por parte da Xunta de Galicia ningún “boicot” ás declaracións de mercado tensionado e responsabilizou ao Concello de Santiago de non ter completado correctamente a súa solicitude. Así o manifestou este xoves na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, en resposta a unha pregunta formulada polo BNG, que aludiu á situación de Compostela e da Coruña —esta última xa recoñecida como mercado tensionado—.

Non estamos de acordo e non as declararemos de oficio”, afirmou García Porto, que insistiu en que, ao seu xuízo, este tipo de declaracións “non favorecen o acceso á vivenda”. Con todo, asegurou que a Xunta si as aprobará cando os concellos o soliciten correctamente, presentando “toda a documentación adecuada”.

Neste sentido, indicou que o Concello de Santiago non cumpriu os requisitos e que a súa petición foi “incompleta”. “A responsabilidade non é da Xunta, débese ao traballo e á actitude do propio Concello”, afirmou, engadindo que o Goberno local non respondeu ás peticións de reunión nin achegou o proxecto de plan específico que debía acompañar a solicitude. “Se houbese ese encontro, posiblemente estaría coa declaración aprobada”, engadiu o secretario xeral.

García Porto defendeu tamén a actuación da Xunta en relación co plan estatal de vivenda, fronte ás críticas da deputada do BNG Alexandra Fernández, que denunciou a perda de financiamento estatal. “Non rexeitamos o cofinanciamento, pero se achegamos un 40% queremos que se nos facilite a participación, tanto da Xunta como do sector”, respondeu o representante autonómico.

O secretario xeral rexeitou que o Executivo galego estea a pór trabas aos concellos. “Para vostede regular un procedemento é poñer trabas”, replicou á deputada nacionalista, lembrando que no caso da Coruña a declaración como mercado tensionado tramitouse en dous meses. “Pedimos que se acreditase cal era a situación”, apuntou, en referencia ao parque de vivendas e ás actuacións previstas en materia de rehabilitación no caso compostelán.

Pola súa parte, Alexandra Fernández acusou á Xunta de actuar seguindo “directrices de Xénova”, en alusión á postura do Partido Popular a nivel estatal. “Están a bloquealo, rexeítano por pura oposición política aos concellos”, asegurou, advertindo que Galicia “perderá axudas estatais” destinadas especificamente ás zonas declaradas como tensionadas.

A deputada insistiu en que Santiago cumpre os criterios establecidos pola lei estatal e que a Xunta “se inventa que falta documentación” para xustificar a negativa. “Están a facer o que dixo Xénova que fixesen, e imos perder financiamento”, recalcou, urxindo ao Executivo galego a aprobar a declaración e garantir o acceso á vivenda nas áreas onde os prezos están a subir de maneira significativa.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...