InicioPOLÍTICAO Pleno aproba unha moción do PP para activar medidas de choque...

O Pleno aproba unha moción do PP para activar medidas de choque ante a inseguridade

A iniciativa saíu adiante cos votos do PP e dos concelleiros non adscritos e coas abstencións do BNG, Compostela Aberta e PSOE, tras un debate no que o goberno defendeu a coordinación policial e a oposición advertiu da percepción de inseguridade en varios barrios

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou este xoves, 30 de outubro de 2025, a moción presentada polo PP para poñer en marcha medidas de choque fronte ao incremento de pelexas, trapicheo de drogas e problemas de convivencia en distintos puntos da cidade. A votación saldouse cos votos a favor do PP e dos concelleiros non adscritos, mentres que BNG, Compostela Aberta e PSOE optaron pola abstención.

O voceiro popular Borja Verea centrou a súa intervención en criticar a xestión municipal da seguridade e dos servizos de emerxencias. Asegurou que “é vostede unha neglixente” dirixíndose á alcaldesa Goretti Sanmartín, e vinculou esta “neglixencia” co peche “inoperativo” do Parque de Bombeiros e coa falta de efectivos da Policía Local: “Nunca pasou na historia de Santiago que o parque estivese pechado nin que un único policía tivese que patrullar toda a cidade”. Verea reclamou máis presenza policial nas rúas, activar e ampliar a videovixilancia —“o noso goberno activará a gravación das cámaras e instalará máis”— e reprochou ao executivo local que “negue que exista un problema de seguridade”.

Desde o grupo dos non adscritos, Gonzalo Muíños sostivo que a percepción cidadá de inseguridade aumentou e que os datosreflexan ese incremento na delincuencia”, propoñendo recuperar un pacto local pola seguridade e a convivencia con participación da Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil, servizos sociais e asociacións veciñais. Aínda así, advertiu contra os discursos alarmistas: “Cómpre atallar a cuestión con rigor para evitar alimentar a alarma social”.

En nome de Compostela Aberta, o concelleiro de Convivencia Xan Duro afirmou compartir a preocupación veciñal, pero acusou o PP de mesturar realidades distintas e alimentar discursos de odio: “Cando falamos de persoas sen fogar falamos de persoas vulnerables”. Duro defendeu que a Policía Local e a Policía Nacional actúan de forma coordinada e citou intervencións recentes contra puntos de venda de drogas en Rodríguez de Viguri e Laraño. Tamén aclarou unha polémica sobre a “alarma” xerada pola presenza policial: “Nunca se dixo que a policía nas rúas xere alarma; referíame a un incidente concreto no que a acumulación de vehículos chamou a atención”.

Pola banda do PSOE, Gumersindo Guinarte pediu diferenciar tres ámbitos que a moción “mistura”: senfogarismo, ocio nocturno e drogas. Defendeu facer cumprir as ordenanzas de horarios, aforos e consumo na vía pública, e apelou á responsabilidade institucional: “Os datos acreditan que Santiago é unha cidade segura”. Nunha segunda quenda, cualificou de “extraordinariamente preocupante” a situación do parque de bombeiros e da policía local, e instou o goberno municipal a aproveitar as vías xudiciais abertas para resolver o conflito laboral.

A concelleira non adscrita Marta Álvarez avanzou o apoio á proposición, pero tamén reclamou non mesturar o senfogarismo con narcopisos ou trapicheo: “Son problemas diferentes que requiren ferramentas distintas”. Sinalou que a intervención social con persoas que viven na rúa “esixe tempo e confianza” e criticou accións mediáticas que, ao seu xuízo, poden romper ese vínculo.

Pechou o debate a alcaldesa Goretti Sanmartín, quen afirmou que existe “constante colaboración” entre Policía Local e Policía Nacional e defendeu que os “datos obxectivos” avalan a seguridade de Santiago: “Os corpos e forzas de seguridade dirán que Santiago é unha cidade segura; iso non quita que en determinados momentos faga falta reforzo policial”. Sanmartín fixo balance da evolución dos cadros de persoal, indicando que se pasou “en poucos anos de 75 a 53 bombeiros e de 177 a 123 policías”, e asegurou que o executivo traballa para incorporar efectivos, abonar as horas extra pendentes e abrir unha mesa de negociación co persoal. “Seguiremos traballando para que Santiago sexa a cidade máis segura posible e con máis efectivos”, concluíu.

Coa aprobación da moción, o Concello queda emprazado a intensificar as medidas de seguridade e convivencia. Segundo as intervencións, esas actuacións combinarán operativos policiais, vixilancia en zonas de conflito, coordinación interadministrativa e respostas sociais diferenciadas para o senfogarismo e para as actividades ilícitas vinculadas ás drogas. O goberno local insiste en evitar o alarmismo, mentres a oposición reclama resultados palpables nos barrios citados polos grupos durante a sesión.

ÚLTIMAS

Enfermeiros protestan en Santiago ante unha decisión “unilateral” do Sergas de ampliar a xornada do persoal de PAC

Enfermeiros e enfermeiras, baixo unha convocatoria do sindicato estatal (Satse), protestaron este venres fronte...

A alcaldesa asegura que o Concello vixiará que a sala Malatesta cumpra a normativa de ruído tras a súa reapertura

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou que o Concello continuará supervisando que se...

O Concello de Santiago lanza a campaña do 25N centrada na violencia dixital entre a mocidade

O Concello de Santiago presentou este venres a súa campaña polo 25 de novembro,...

A Asociación de Pacientes do CHUS insta ao Sergas a eliminar o sistema de “axendas dinámicas” por incumprir a normativa

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS mantivo o pasado 4 de novembro...

O PSdeG critica o atraso do párking do CHUS e acusa a Xunta de “incumprir os prazos comprometidos”

O secretario xeral do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza, anunciou esta mañá que o...

Revés xudicial aos edís expulsados do PSOE de Santiago, a Audiencia Provincial rexeita o seu recurso

A Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso de apelación do non adscritos do...

O PSdeG reclama explicacións á Xunta polo colapso das urxencias do CHUS

O Grupo Parlamentario Socialista reclamará mañá á Xunta de Galicia que dea explicacións polo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here