InicioPOLÍTICAO Concello defende que o parque de bombeiros “non está pechado” e...

O Concello defende que o parque de bombeiros “non está pechado” e anuncia reforzos inmediatos de persoal

A portavoz municipal 'Míriam Louzao' explica que a quenda mínima é de nove efectivos, admite dependencia de horas extra e confirma o pago de atrasos en novembro mentres se cobren 12 prazas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Goberno local de Santiago sostén que o parque de bombeiros “non está pechado”, malia a denuncia feita polo colectivo durante a fin de semana, e asegura que a situación responde á coincidencia de baixas e á falta de persoal acumulada durante anos. Así o explicou este luns a portavoz municipal, Míriam Louzao, tras a reunión da Xunta de Goberno Local, na que aproveitou para detallar o estado do servizo e as medidas que o Concello está a aplicar para reforzalo.

Louzao aclarou que o mínimo operativo no parque é de nove efectivos por quenda, o que permite dispoñer de dúas dotacións de catro persoas e unha persoa na central. Non obstante, nesta xornada só había dispoñible un equipo de catro, debido a unha baixa de última hora. A portavoz indicou que o cadro ideal para garantir o servizo con marxe sería de 65 efectivos, mentres que actualmente o parque conta con 56 postos operativos, fronte aos 53 que existían cando o actual goberno tomou posesión. “Chegou a haber 75 postos noutros momentos, pero esa cifra reduciuse por decisións de gobernos anteriores”, lembrou.

A responsable municipal indicou que o Concello está en proceso de cubrir 12 prazas máis, tres delas de carácter inmediato, e que para compensar as carencias de persoal se está a recorrer ás horas extraordinarias, ás que recoñeceu depender de maneira transitoria. Louzao confirmou que as horas atrasadas quedarán pagadas na nómina de novembro, ata o mes de maio deste ano, e destacou que xa se realizou un primeiro pago a comezos de 2025.

Respecto ás reivindicacións salariais presentadas por bombeiros e Policía Local, explicou que están en proceso de negociación coa Concellería de Persoal, tanto no relativo ao complemento específico como á compensación de horas extra, e recordou que xa se aplicaron melloras derivadas da promoción interna dos C2 a C1, o que supuxo “un incremento económico importante este ano”.

Louzao tamén pediu “responsabilidade co conxunto da cidadanía” ao colectivo, ao considerar que a súa decisión de non completar as quendas con horas extra “non é responsable” e “crea alarma innecesaria”. Afirmou que o goberno municipal leva semanas en contacto cos representantes dos bombeiros e que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, mantivo este luns unha reunión co corpo para avaliar a situación e pedirlle colaboración. “É unha problemática prolongada no tempo, pero este goberno está a facer esforzos para mellorar as condicións e reforzar o servizo”, engadiu.

A portavoz apuntou que a situación actual é consecuencia de anos de restricións e amortizacións de prazas, así como das limitacións legais na reposición de efectivos e na cobertura de baixas nun servizo con alta especialización. “Non se poden facer substitucións como noutros postos da administración, e iso complica moito a xestión das quendas”, indicou.

Louzao reiterou que o executivo local é o primeiro que eleva a taxa de reposición ao 125%, o máximo permitido pola lei, e insistiu en que o obxectivo é acadar “un parque de bombeiros dotado de forma suficiente e estable”.

ASUNTOS APROBADOS POLA XUNTA DE GOBERNO

A portavoz aproveitou a súa comparecencia para repasar tamén os principais asuntos tratados na Xunta de Goberno Local. Entre eles, destacou a concesión de tres licenzas de obra maior: unha para a construción dunha vivenda unifamiliar illada en Cortos, na parroquia de Marantes; outra para a reforma da cuberta dun inmoble na rúa do Castiñeiriño, 72; e unha terceira destinada ao acondicionamento enerxético da fachada dun edificio na rúa de Teo, 37.

No ámbito da contratación, o Concello autorizou a licitación dun servizo de apoio ás actuacións de gobernanza e participación do proxecto Eco-Bosque Río Sar, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea. O contrato, cun orzamento base de 67.793,88 euros, ten un prazo de execución de catro meses e abrangue tarefas de asistencia técnica, organización de mesas temáticas, talleres, rutas e actividades de voluntariado, ademais da elaboración de enquisas, informes e material didáctico.

Este proxecto inclúe actuacións de restauración do ecosistema fluvial do río Sar, como a estabilización de marxes, a recuperación da vexetación de ribeira, a eliminación de especies invasoras e a potenciación da diversidade faunística, así como a conservación do Carballo de Conxo.

Tamén se aprobou convocar unha nova licitación para a naturalización da Lagoa do Auditorio e a restauración fluvial do río Corgo, dentro do programa ‘Entre Sar e Sarela’, cun orzamento de 826.965,69 euros (IVE incluído). Louzao explicou que o anterior concurso quedara deserto e que, ao exceder o prazo de execución o exercicio actual, o expediente tramítase como anticipado de gasto con condición suspensiva, á espera de que a Fundación Biodiversidade confirme a prórroga dos fondos europeos solicitada polo Concello.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación do contrato mixto de iluminación de Nadal por dous anos á empresa ‘Iluminación Santiago SSL’, por un importe de 568.700 euros, e que inclúe melloras como once arcos luminosos, dezaseis elementos singulares e doce iluminacións de árbores naturais adicionais aos previstos inicialmente.

Ademais, o executivo local solicitará unha subvención de 12.500 euros á Deputación da Coruña para o mantemento da Escola Municipal de Música, no marco do programa provincial de axudas a conservatorios e escolas de danza municipais.

No apartado de urxencias, ampliouse ata o 15 de novembro o prazo de xustificación do convenio de colaboración coa Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA).

Por último, Louzao anunciou a apertura do período de inscrición da 17ª edición do concurso gastronómico Santiago(é)tapas, que se celebrará entre o 19 de febreiro e o 8 de marzo de 2026, e que chega con novas categorías e criterios de valoración. O certame dividirase en tres modalidades —tradicional, creativa e doce— e contará con cinco premios adicionais, entre eles os de mellor tapa vexetariana ou vegana e mellor tapa elaborada con produto con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida de Galicia.

As novidades explicaranse nun café informativo o martes 25 de novembro, dirixido aos establecementos interesados en participar, co obxectivo de consolidar e mellorar o certame gastronómico máis emblemático da cidade.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here