O Partido Popular de Santiago cualificou este luns de “dramática” e “gravísima” a situación do Parque de Bombeiros, que na noite do domingo quedou sen servizo operativo ao contar só con tres efectivos nunha quenda. Así o denunciaron os concelleiros José Ramón de la Fuente e Olaya Otero, que ofreceron unha rolda de prensa para advertir da “neglixencia grave” que, ao seu xuízo, supón deixar a capital de Galicia sen medios propios para atender unha emerxencia.
Segundo De la Fuente, o Plan de Emerxencias Municipal establece un mínimo de nove bombeiros por quenda, sendo o ideal doce, pero “a día de hoxe hai tres, e isto é Santiago de Compostela, capital de Galicia, con só tres bombeiros e un policía local de garda”. O edil subliñou que, ante calquera incidente, sería necesario solicitar apoio a parques doutros concellos como Lalín, Ordes ou Padrón, unha situación que “xa ocorreu o sábado pasado, cando unidades destes municipios tiveron que desprazarse a Santiago para atender dous incendios simultáneos”.
Os populares acusan o Goberno local, encabezado por Goretti Sanmartín (BNG), de “non tomar conciencia da gravidade” e de manter unha política “de parálise e inacción”. Tamén reprochan ao executivo a súa falta de resposta ás demandas do corpo de bombeiros, que leva “meses cubrindo carencias por responsabilidade, facendo horas extra que non se pagan desde hai máis dun ano”.
O grupo municipal lembra que a falta de persoal afecta tanto aos bombeiros como á Policía Local, e denuncia que o Concello “non só non incorpora novos efectivos, senón que atrasa o pagamento das horas extraordinarias, castigando a quen sostén o servizo público co seu esforzo”.
De la Fuente asegurou que o Goberno “prioriza a propaganda” fronte á xestión real, lembrando que “anunciou a comarcalización do parque pero non presentou ningún proxecto de construción”. “Cando se trata da seguridade e das emerxencias, a indolencia convértese en neglixencia”, afirmou o portavoz popular, que preguntou directamente á alcaldesa “se pode durmir tranquila sabendo que Santiago non ten recursos para responder ante unha urxencia”.
Pola súa banda, Olaya Otero cualificou a situación de “gravísima” e insistiu en que “é necesario pagar de inmediato as horas extra debidas, reorganizar os departamentos e activar os procedementos de selección para cubrir as prazas vacantes”. A concelleira lembrou que a normativa estatal permite priorizar a reposición de persoal en servizos de emerxencia e seguridade, “pero o Concello está limitándose ao mínimo que lle permite a lei”.
Os populares reclaman que se prioricen as prazas de bombeiros e policías locais nas ofertas de emprego público, e acusan o executivo de Compostela Aberta e BNG de “desprezar” estes servizos. “A cidade non pode permitirse seguir así nin un día máis”, concluíu De la Fuente.
O PSOE INSTA AO CONCELLO A ACTUAR CON CELERIDADE
REACCIÓN DE UCIN SANTIAGO
O partido UCIN Santiago de Compostela cualificou tamén o sucedido de “gravísimo e sen precedentes”, asegurando que a falta de persoal operativo no parque “deixa completamente desprotexida a capital de Galicia fronte a calquera emerxencia”.
O seu coordinador local, Diego Adrián Mallo Cao, reclamou a dimisión inmediata do concelleiro de Seguridade Cidadá, Xan Duro (Compostela Aberta), e pediu explicacións urxentes á alcaldesa. “O que pasou hoxe é intolerable. Santiago non pode quedar sen bombeiros nin por un só turno. Isto é consecuencia dunha xestión política nefasta e dun abandono total do servizo público”, declarou.
UCIN demanda un informe oficial de servizo, unha revisión integral da xestión do parque e un plan de reforzo inmediato de quendas e efectivos, lembrando que o corpo de bombeiros leva tempo advertindo da falta de persoal, do impago das horas extra e da precarización das quendas.

