InicioPOLÍTICAOs edís non adscritos de Santiago descartan a moción de censura e...

Os edís non adscritos de Santiago descartan a moción de censura e anuncian novas liñas de traballo centradas na taxa turística e nos fondos europeos

Mercedes Rosón insiste en que as súas prioridades son "a mellora dos servizos municipais e un Santiago mellor", tras rexeitar a proposta do PP de encabezar unha moción de censura

Publicado o

Xornal de Compostela

Os catro concelleiros non adscritos do Concello de Santiago —Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez— presentaron este xoves as súas liñas de traballo para os próximos meses, co obxectivo de “pasar páxina” do debate político arredor dunha posible moción de censura.

A través dun vídeo difundido nas súas redes e dun comunicado, o grupo indicou que centrará a súa acción en cuestións como a xestión dos fondos europeos destinados á zona norte do municipio e a gobernación do recadado pola taxa turística. A iniciativa chega o mesmo día en que o Partido Popular se amosou disposto a apoiar unha moción de censura encabezada por Mercedes Rosón, unha posibilidade que a exedil socialista rexeitou de forma rotunda.

Muíños iniciou a intervención criticando que o debate político “leve máis dunha semana centrado en soños húmidos, en lugar de falar de políticas municipais e mellorar os servizos públicos”. Pola súa parte, Marta Álvarez lembrou a importancia de vixiar a execución dos proxectos europeos vinculados a Entre Sar e Sarela, entre eles o barrio verde de Pontepedriña e a renaturalización das lagoas de Cornes e do Auditorio.

Álvarez advertiu que “a mala xestión xa provocou a perda de dous millóns de euros para a Praza de Abastos no que levamos de mandato”, polo que insistiu en manter unha fiscalización activa sobre estes investimentos.

Tamén Mila Castro puxo o foco na taxa turística e anunciou que o grupo comezará nos vindeiros días unha rolda de encontros con asociacións locais “para garantir unha boa gobernación destes fondos, imprescindibles para que o turismo contribúa ao mantemento do concello”.

Pola súa parte, Mercedes Rosón subliñou que o grupo orientará o seu traballo a mellorar o mantemento das rúas, impulsar o cumprimento dos acordos orzamentarios e fomentar investimentos nos barrios e no rural, sen deixar de lado as políticas sociais. “As nosas prioridades son outras e os nosos soños tamén. Nós soñamos cun Santiago mellor”, afirmou, engadindo que “é o que ten estar afiliadas só a Santiago”.

Os edís non adscritos lembraron, ademais, a súa proposta de 12 medidas que o goberno local debería executar antes de rematar o ano, formulada xa no mes de setembro, e reafirmaron a súa intención de centrarse na “xestión e mellora da cidade”, afastándose das especulacións políticas sobre cambios no goberno municipal.

ÚLTIMAS

A USC mantén o seu lugar entre as 600 mellores universidades do mundo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantén a súa posición no tramo 501-600...

Galicia, responsable coa eclipse: non se rexistran polo momento grandes lesións oculares

Os galegos mostraron unha elevada responsabilidade na protección ocular durante o eclipse solar visible...

O PP acusa o Goberno central de chegar tarde á preparación do Xacobeo 2027 e reclama máis investimentos para Santiago

O Partido Popular realizou este venres un balance da colaboración do Goberno de España...

O PP acusa o Goberno central de chegar tarde á preparación do Xacobeo 2027 e reclama máis investimentos para Santiago

O Partido Popular realizou este venres un balance da colaboración do Goberno de España...

O PSdeG de Santiago atribúe o novo colapso das Urxencias á falta de planificación da Xunta e reclama responsabilidades

O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, denunciou un novo episodio de...

O PP reclama unha reforma integral do cemiterio de Boisaca e cuestiona o seu mantemento

O Partido Popular de Santiago reclamou unha actuación de maior alcance no cemiterio municipal...