InicioPOLÍTICAO PP critica a María Rozas por “menosprezar” as súas declaracións sobre...

O PP critica a María Rozas por “menosprezar” as súas declaracións sobre unha posible moción de censura

María Baleato reprocha á concelleira do BNG a falta de respecto ao voceiro popular Borja Verea e ao conxunto da cidadanía

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira popular en Santiago, María Baleato, acusou este xoves á edil do BNG, María Rozas, de non amosar respecto nin ao voceiro do PP, Borja Verea, aos votantes populares, nin tampouco ao conxunto dos veciños da cidade. Baleato referíase ás palabras que Rozas utilizara onte ao responder ás declaracións de Verea e do secretario provincial do PP, Evaristo Ben, sobre unha eventual moción de censura en Compostela.

Así, a representante de Compostela Aberta e primeira tenente de alcaldesa, asegurou que a idea dunha moción de censura por parte do Partido Popular na cidade eran tan só “soños húmidos de Borja Verea”.

Segundo a representante popular, “a expresión empregada pola señora Rozas é inaceptable e moi desafortunada” e engadiu que “imaxinemos que esa mesma expresión fose utilizada polo líder popular para referirse a ela, que pasaría?”.

Baleato considerou “sorprendente” que dende o goberno se recorra ao menosprezo nun debate sobre a gobernabilidade municipal. “Preocúpame aínda máis que este sexa o espectáculo que trasladamos á cidadanía de Santiago”, afirmou.

A edil lembrou que a moción de censura está recollida na Lei Electoral e, polo tanto, é un mecanismo democrático lexítimo. “Acusarnos de ser incapaces de asumir as normas democráticas é un grande erro pola súa parte. As normas hai que respectalas non só cando che benefician, senón tamén cando non o fan”, subliñou.

Baleato aproveitou para criticar a xestión municipal actual, citando cuestións como a “deficiente” limpeza, a falta de avances nos contratos de transporte e da auga, os problemas en urbanismo ou os atrasos no pago de facturas. “Non só llo dicimos nós, tamén llo lembran os seus socios de goberno”, apuntou.

En relación ás palabras da alcaldesa Goretti Sanmartín sobre o futuro político da cidade, a concelleira popular replicou que “no 2027 xa veremos quen ten os apoios para gobernar, porque iso decidirano os composteláns nas urnas e non ela coas súas predicións”.

RESPOSTA DE MARÍA ROZAS

Rozas asegurou que a reacción do PP ás súas palabras non debe entenderse como un feito illado, senón como parte dunha estratexia máis ampla. Segundo explicou, a oposición popular “leva dende maio de 2023 empregando a descualificación continua” contra membros do executivo municipal, ao tempo que utiliza “o insulto e o menosprezo” cara a súa organización política. Por iso, considerou que a polémica xerada arredor da expresión que utilizou non se debe a unha cuestión de linguaxe, senón á vontade do PP de situarse por riba do resto de forzas políticas.

A concelleira de Compostela Aberta insistiu en que nunca recorreu a ataques persoais contra os populares e que, pola contra, ela e os seus compañeiros teñen soportado en numerosos plenos comentarios ofensivos procedentes do grupo municipal do PP. “Todos os partidos políticos merecemos educación e respecto, mais non o recibimos por parte das concelleiras populares”, afirmou. Nese sentido, cualificou de “cortina de fume” a polémica xerada, coa intención, dixo, de evitar falar do asunto de fondo: a posibilidade dunha moción de censura en Santiago.

Rozas lembrou ademais que o propio voceiro popular, Borja Verea, manifestara hai apenas cinco meses no pleno do mes de abril que non quería os votos de determinados concelleiros, aos que cuestionara abertamente. “Agora resulta que se fala de negociar unha moción de censura precisamente co apoio desas mesmas persoas”, engadiu, reclamando ao PP claridade interna. “O que teñen que aclarar é se Evaristo Ben fala por libre ou se responde a directrices, e de quen. Porque, se cadra, a moción de censura non é contra este goberno, senón que a teñen dentro da súa propia organización”, concluíu.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here