InicioPOLÍTICAO pleno rexeita unha factura de 400.000 euros do autobús urbano mentres...

O pleno rexeita unha factura de 400.000 euros do autobús urbano mentres medran as críticas polo novo contrato

A débeda coa empresa concesionaria quedou sen aprobar nunha sesión centrada no cambio de modelo do transporte público

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno do Concello de Santiago non aprobou este martes un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 402.093,27 euros vinculado aos gastos do servizo de autobús urbano durante o ano 2024. A débeda está relacionada coa liña 7, operada pola empresa Rías Baixas S.L., e correspóndese coa liquidación anual desta ruta.

A proposta foi rexeitada por 11 votos en contra do PP, catro abstencións dos concelleiros non adscritos –anteriormente do PSOE– e 9 votos a favor do BNG, Compostela Aberta e PSOE. A falta de maioría impediu a aprobación do punto número 5 da orde do día, nun debate que acabou centrado non tanto na factura senón no recente anuncio do novo contrato do transporte público urbano, que pasará de ser unha concesión a un contrato de servizos.

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, atribuíu o atraso no pagamento á reestruturación interna do departamento de Tráfico, que estaría xa “achegándose a unha situación de normalidade”. Indicou que a factura pendente tiña que regularizarse a través deste mecanismo extraordinario e que responde a prestacións efectivamente realizadas.

Con todo, o debate derivou rapidamente cara ao modelo de xestión do transporte público, tras a presentación da nova licitación. O PP, o PSOE e os edís non adscritos aproveitaron o momento para cuestionar o cambio impulsado polo goberno local, acusando ao executivo de “improvisación” e de falta de diálogo cos grupos da oposición.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, replicou que as críticas non estaban relacionadas co punto que se trataba e reprochou aos grupos que centrasen o debate na futura licitación en lugar de avaliar unha débeda concreta e puntual. “Non é lóxico que se utilice este recoñecemento de crédito para unha discusión que é doutro ámbito”, sinalou.

O novo contrato de transporte urbano, que se presentará nas próximas semanas, prevé modificacións no modelo de xestión, melloras na cobertura das liñas e actualizacións tecnolóxicas, segundo explicou o executivo nunha rolda de prensa anterior. Porén, o seu anuncio provocou xa tensión política no seo do pleno, anticipando un debate máis amplo sobre a mobilidade na cidade nas vindeiras semanas.

Mentres, a factura da liña 7 queda pendente de resolución, á espera de que o goberno local volva presentar o expediente ou busque novos apoios para a súa validación.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...