InicioPOLÍTICARaxoi critica "o fondo e a forma" da taxa turística, pero asegura...

Raxoi critica “o fondo e a forma” da taxa turística, pero asegura que traballa para pola en marcha

A portavoz do goberno local de Santiago, Míriam Louzao, critica que "non ten sentido que unha lei se aprobe cunha emenda do PP a outra lei"

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz do goberno local de Santiago, Míriam Louzao, insistiu en criticar “o fondo e a forma” da lei autonómica que habilitará a taxa turística, pero asegurou que o consistorio municipal traballa para pola en marcha. A preguntas dos medios este luns en rolda de prensa, Louzao manifestou que o executivo de Goretti Sanmartín é “coherente” e mantén o devandito “desde o primeiro momento”: “Non falamos dun imposto que sexa só para Santiago, a idea é que o poidan pór en marcha todos os concellos que así o decidan”.

Por iso, a portavoz municipal reiterou que “o lóxico” sería que fose a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) a encargada de recadar o imposto. Así, lembrou que na súa proposta inicial, o Concello sinalaba que unha parte fose para “un fondo galego que poña en marcha unha política turística, que ten que ser de país” e, a outra, para que cada concello “decidise en que se investía”. Nesta liña, cualificou de “curiosa” a forma do articulado, xa que, na súa opinión, “non ten sentido que unha lei se pretenda aprobar cunha emenda do PP a outra lei, que nin sequera é a lei do imposto de estancia”. “Iso non ten sentido de ningún tipo”, remarcou.

Neste sentido, sinalou que no seu momento xa insistiran en que a lei “puidese ser debatida no Parlamento”, pero agora, engadiu, “é imposible”, xa que “non ten sentido emendar unha emenda”. “Insistimos en que o lóxico é que se presente unha lei concreta. Se o fan de maneira urxente pode estar en marcha nun ou dous meses e que, por tanto, se poida falar no Parlamento”, manifestou antes de apuntar que “o lóxico” tamén sería que os demais concellos “poidan pronunciarse”. Ademais, criticou tamén “o fondo” do propio articulado no que “aparecen unha serie de deberes aos concellos claramente excesivos”. “Chega a dicir que temos que formar unha comisión para redactar a ordenanza”, reprochou. En todo caso, asegurou que o Concello “seguirá traballando para poder pola en marcha”, pero “denunciando” que non lles parece “nin a forma nin o fondo”.

NEGOCIACIÓNS PRESUPOSTOS

Por outra banda, cuestionada sobre as negociacións co PSOE para os orzamentos do próximo ano, Míriam Louzao apuntou que realizarán unha proposta “ao grupo municipal socialista”, agás se eles “deciden outra cuestión”. “Se deciden que sexan outras persoas, acatarémolo”, sinalou en referencia á agrupación local, debido ao conflito aberto entre a dirección e o grupo municipal. “Estamos a acabar esa proposta e nos próximos días haberá noticias respecto diso. Falaremos co grupo municipal socialista; se o grupo municipal nos traslada outra cuestión, valorarémolo, pero non estamos nesa situación”, resolveu.

ÚLTIMAS

O Concello reduce ao imprescindible o uso municipal da auga ante a redución continuada do caudal do Tambre

O Concello de Santiago reduciu ao imprescindible o uso municipal de auga e anima...

Buscan ao sospeitoso de provocar un incendio este martes á beira do cemiterio de Boisaca

A Policía Local de Santiago de Compostela busca ao sospeitoso de orixinar un incendio xunto ao...

O CHUS defende o aumento de ambulancias ante as queixas

O complexo hospitalario universitario de Santiago de Compostela (CHUS) defendeu o aumento de ambulancias...

A onda de calor actual “non supera a marca rexistrada” en Santiago de 40º en 1990

O coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de...

O Concello de Santiago rexeita as “escusas” para non declarar a cidade zona tensionada

A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago de Compostela,...

As concelleiras non adscritas de Santiago esixen aclaracións sobre o freo á zona tensionada

As concelleiras non adscritas de Santiago de Compostela pediron "explicacións detalladas" do proceso polo...

O PP reclama a limpeza da fonte e lavadoiro de Aradas e acusa o goberno local de desleixo no rural

A concelleira do Partido Popular en Santiago de Compostela, Yolanda Otero, reclamou este mércores...