InicioMOV. SOCIAISO alumnado do IES Lamas de Abade denuncia condicións deficientes no centro:...

O alumnado do IES Lamas de Abade denuncia condicións deficientes no centro: “A profesora ten que gastar do seu propio peto para comprar material”

Os estudantes do instituto compostelán aseguran que carecen de profesores en varias materias e que sofren graves carencias no mobiliario e espazos

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O IES Lamas de Abade, centro público de Santiago que ofrece estudos de ESO, Bacharelato e varios ciclos formativos, enfróntase a unha situación crítica debido á falta de profesorado, a saturación de alumnando e o mal estado das infraestruturas. Estudantes de diferentes niveis e modalidades denuncian que as condicións actuais están a prexudicar gravemente o desenvolvemento do curso académico.

Un dos principais problemas que denuncian os estudantes é a falta de profesorado en materias clave. “Ata este luns non tiñamos profesor de lingua castelá, e estamos a depender do persoal que xa está saturado co resto de cursos”, informou a Xornal de Compostela un alumno de 3º de ESO. Esta situación tamén afecta aos ciclos formativos, onde, segundo unha estudante de Próteses Dentais, “non hai profesor de inglés, nin de FOL, nin titor”. Tampouco o alumnado de 1º de ESO conta con titores nas tres clases existentes, o que engade máis dificultades á xestión das aulas.

En palabras doutra estudante de FP, a situación docente está a prolongarse no tempo e non se percibe unha solución próxima: “A dirección parece máis centrada en papeleos e trámites administrativos que en resolver este problema. O alumnado non pode quedar sen profesores, pero parece que as solucións se están a deixar para segundo plano”, declarou para Xornal de Compostela.

O problema de persoal esténdese tamén á limpeza: “Pasan moito alumnos polas aulas e ao persoal de limpeza non lle dá tempo a pasar outra vez por elas pola tarde”.

Imaxe dunha das aulas desmontada e sucia ao final da xornada – Cedida

Á falta de persoal súmase o problema da saturación de espazos. Segundo denuncian varios estudantes, o aumento do número de alumnos este ano deixou ao centro sen aulas axeitadas para impartir as clases. “Estamos a dar clase na aula de plástica porque non hai sitio”, explica un estudante, que recorreu á coñecida conta de Instagram @salseo_usc para dar a coñecer a problemática. A situación empeora, xa que, asegura, “nin sequera temos cadeiras axeitadas, senón taburetes sen respaldo, que son moi incómodos para pasar tantas horas”, recalca outro alumno. Isto tamén está a afectar ás materias específicas, como Educación Plástica, xa que a ocupación da aula de plástica por outras clases deixou durante varios días sen espazo aos estudantes de 4º de ESO que tiñan esta materia como optativa. Este mesmo luns, un alumno relataba a Xornal de Compostela que, ademais de estar sendo trasladados constantemente de aula, tamén fan uso da biblioteca para dar clases, deixándoa así inhabilitada para o resto de alumnado: “No recreo temos que recoller todo e non podemos deixar as mochilas, porque vai xente e pódennoslas roubar, polo que temos que cargar coas mochilas todo o recreo”.

Un dos taburetes utilizados nas aulas en substitución das cadeiras – Cedida

O malestar entre o alumnado non se limita só ao mobiliario ou ao profesorado. Os estudantes denuncian tamén graves carencias nos materiais e infraestruturas do centro. “As mesas están rotas, algunhas teñen buracos polos que se ve o chan, e as cadeiras están coxas ou sen respaldo”, relata unha estudante de FP. A situación dos laboratorios aseguran que non é mellor: “Hai material roto e escaso, e o pouco que temos moitas veces foi adquirido grazas ao diñeiro que puxeron de seu os profesores”.

No ámbito da formación profesional, un estudante dun ciclo medio criticaba que “non hai profesor de inglés, unha materia que este ano se fixo obrigatoria para todos os ciclos formativos”. “Non entendo como aínda non atoparon a ninguén para cubrila”, sentenciaba. A esta problemática súmase a falta de recursos en moitas áreas, como na formación en estética, onde “faltan produtos para traballar, e o material é moi antigo”. En Educación Física, a falta de material é tal que “a profesora ten que gastar do seu propio peto para comprar material”, denuncian.

Outra das problemáticas que afecta ao alumnado é a mala organización dos horarios e a imposibilidade de realizar cambios de optativas. “Fixeron mal os horarios e mesturaron as optativas. Agora hai estudantes que tiveron que cambiarse de optativa por erros na organización, pero non deixan a ninguén cambiar de clase ou de materias, aínda que foi un erro deles”, relata unha estudante de Bacharelato. Esta situación está a xerar un alto número de reclamacións por parte do alumnado, pero segundo explican, “non dan abasto con tantas queixas”.

A situación de saturación e falta de recursos non só afecta á organización académica, senón tamén ao benestar xeral do alumnado. “A calefacción apenas a poñen en inverno, e a pesar diso abrimos as fiestras, polo que pasamos frío nas aulas”, explica un estudante. Tamén apuntan que as condicións dos baños son deficientes, e que no caso do alumnado que debe quedar no centro durante a xornada de mañá e tarde, aseguran que non se lles dá acceso aos aseos durante o mediodía. “A resposta que nos deron desde a dirección é que temos monte atrás”, queixábase unha alumna.

O estudantado critica tamén que a dirección do centro non ofrece solucións claras nin respostas concretas ante estas demandas. “A xefa de estudos non atende o teléfono cando intentamos contactar para saber como se vai resolver esta situación”. Esta falta de comunicación e resposta por parte da dirección fai que o alumnado se sinta desatendido. “O impacto de todo isto é grave. Se seguimos así, os estudantes imos saír mal preparados para o próximo curso”, advirten.

Aínda que o alumnado non tomou aínda medidas de protesta organizadas, a tensión entre os estudantes é palpable. “A última vez que fixemos unha protesta, a dirección mirou mal aos alumnos que participaron, así que agora a xente é reticente a organizar algo”, afirma unha alumna. Con todo, aínda que nos últimos días si se incorporaron ao cadro de persoal novos profesores, a situación no IES Lamas de Abade aseguran que segue a ser deficiente, e os estudantes piden a intervención da Consellería de Educación para que adopten medidas urxentes que poñan fin ás carencias que están a sufrir. “Necesitamos que isto se visibilice nos medios de comunicación para que as autoridades tomen medidas. Non podemos seguir así, está en xogo o noso futuro”, conclúe un estudante.

ÚLTIMAS

Un novo atropelo en Santiago aviva as demandas veciñais por maior seguridade viaria

Un novo atropelo tivo lugar este mércores na Rúa Frei Rosendo Salvado en Santiago...

Detido no aeroporto de Santiago con 600 gramos de cocaína nunha faixa pegada ao abdome

A Policía Nacional detivo a un home no aeroporto Rosalía de Casto-Lavacolla de Santiago...

O Ateneo de Santiago organiza a presentación do libro de Xavier Coller sobre a teatralización da política en España

O Ateneo de Santiago celebrará esta tarde, ás 19:30, a presentación do libro La...

Un estudo da USC estima que unha xeración libre de tabaco evitaría 1,2 millóns de mortes por cancro de pulmón

Un estudo liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Axencia Internacional para a...

Traballadores do estudio Beatriz Seijo aseguran que a empresa non aceptou ningunha das reivindicacións

Tras 20 días de folga, as traballadoras e traballadores da empresa Beatriz Seijo SL...

Decenas de pensionistas maniféstanse dende Praterías ata O Toural por unha lei que blinde os seus dereitos e reclaman “máis respecto”

A Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT-Galicia (UXP) reuniu a decenas de persoas en Santiago...

Xubilados e pensionistas maniféstanse en Santiago para reivindicar a defensa do sistema público de pensións

Mañá, 1 de outubro, coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores, a Unión de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here