InicioMOV. SOCIAISTensións entre o Concello, os veciños e a xerencia da Sala Malatesta...

Tensións entre o Concello, os veciños e a xerencia da Sala Malatesta tras o peche do local

Hai máis dun mes, o Concello pechaba a Sala Malatesta a raíz dunhas medicións de ruído recollidas a partir da denuncia de varios veciños da rúa San Lourenzo

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A noticia do peche inmediato da Sala Malatesta, un dos espazos culturais máis emblemáticos de Santiago de Compostela, provocou unha gran controversia entre veciños e empresarios do ocio nocturno.

O Concello de Santiago emitiu a finais de marzo unha orde de clausura do local situado na rúa San Lourenzo, tras realizar varias medicións acústicas en vivendas e na vía pública que resultaron desfavorables para o establecemento. Estas accións responden a denuncias presentadas por residentes da área, que se queixaron do exceso de decibelios xerado pola sala, ademais doutros inconvenientes como lixo e altercados na rúa.

A decisión foi tomada despois de detectarse que os niveis de ruído superaban os límites legais permitidos, tanto no interior dos domicilios afectados como no ambiente exterior. A medida, segundo o Concello, busca corrixir as deficiencias que estiveron causando esta situación e espera que a sala poida resolver estas irregularidades canto antes.

REACCIÓN DENDE A SALA MALATESTA

A dirección da Sala Malatesta non tardou en responder a esta acción, cualificándoa de “medida ilegal” e expresando a súa intención de demandar ao Concello por considerar que a orde de peche inmediato se basea nunha medición “totalmente irregular”. Desde a sala afírmase que se superaron con éxito todas as probas e medicións acústicas solicitadas previamente polo Concello, incluíndo dúas medicións con sonógrafo que demostraron o cumprimento dos límites de ruído.

A través dun comunicado nas súas redes sociais, a Sala Malatesta relata unha serie de “feitos salientables” que marcaron o inicio do ano, entre os que se inclúen controis policiais continuados e a obriga de realizar custosas medicións de sonógrafo, as cales foron superadas. A situación culminou cunha notificación de peche inmediato recibida un venres ás 23:00 horas, baseada nunha medición de ruídos efectuada polo Concello nun domicilio próximo, a cal a sala considera irregular e un acto de indefensión total.

A sala anuncia que, tras entregar os resultados do sonógrafo e realizar un novo estudo acústico que confirma a orde dos datos coa súa licenza, solicitará a nulidade das medidas impostas polo Concello e emprenderá accións legais polas irregularidades sufridas desde a concesión da licenza de apertura. Ademais, destaca a presión constante e os obstáculos encontrados durante os nove anos de actividade, acusando ao Concello de intentar afogar a súa proposta cultural.

AS NOITES NA RÚA SAN LOURENZO

A recente orde de peche da sala levantou unha onda de opinións contrapostas entre os veciños da rúa San Lourenzo, que se atopan no epicentro da controversia. Unha veciña da zona, que vive a só dous portais do local, comparte con este medio unha perspectiva que engade matices importantes ao debate xurdido arredor da situación da sala de concertos.

A pesar de residir moi preto da Sala Malatesta, a tan só dous portais, esta veciña sinala que a música do local non constitúe unha fonte de molestia para ela nin para algúns dos seus veciños máis próximos. “Case non a escoitamos dende a nosa casa”, asegura, destacando que mesmo residentes situados aínda máis cerca do local “nin se enteran” do ruído.

Non obstante, subliña que unha parte considerable dos veciños exprime o seu descontento non tanto polo ruído, senón polas consecuencias indesexables da actividade nocturna. A aparición de lixo, vómitos e ouriños nos portais das vivendas polas mañás constitúe, segundo ela, o núcleo do problema. Esta situación levou a que os veciños recollesen sinaturas hai máis dun ano na tentativa de atopar unha solución.

Ademais, relata incidentes específicos que axudaron a agudizar a tensión, como a aparición de coches con danos, incluíndo espellos retrovisores rotos, un deles pertencente a unha parella que reside a catro portais da sala e que foi a que decidiu denunciar esta situación.

Ante este panorama, esta veciña da rúa San Lourenzo propón unha solución que busca mellorar a convivencia entre o local e os residentes: modificar a saída da Sala Malatesta para que o público se dirixa cara á parte traseira do edificio. A súa idea é que as persoas que saen do local e desexen continuar coa festa facendo “botellón” o fagan no Campus Universitario, un espazo libre de veciños, reducindo así as tensións na rúa.

Preguntada sobre os motivos polos que considera que se pechou o local, ela cre que o exceso de ruído non é o motivo, como si aseguran dende a Concellería de Urbanismo do Concello, senón a presión exercida polos veciños.

Pola súa banda, a xerencia da Sala Malatesta expresou a Xornal de Compostela a súa desconformidade e preocupación fronte ás circunstancias que rodean o recente peche do seu local. “Non tivemos constancia no momento da medición, nin ao rematala”, afirmaron, poñendo en dúbida a validez do proceso empregado pola empresa contratada polo Concello de Santiago para avaliar os niveis de ruído. Segundo a súa percepción, as medicións foron tratadas como se proviñesen dunha casa colindante, o que, segundo eles, dista da realidade.

Ademais, destacaron unha serie de anomalías que, ao seu xuízo, comprometen a fiabilidade dos resultados obtidos. “Non se fan referencia ás condicións meteorolóxicas no momento da medición. Sabemos que chovía, e na lexislación pon expresamente que non se poden tomar medicións exteriores se chove”.

Tamén sinalaron deficiencias no informe técnico, especificamente a presentación de só un rexistro de ruído de fondo, cando a normativa esixe un mínimo de tres rexistros, tanto para o ruído de fondo como para o nivel sonoro da actividade.

“Quen asina o feche é o concelleiro de Urbanismo e a técnica do concello. Nós sabemos que cumprimos a legalidade. Xa entregamos dúas lecturas de sonógrafos e un novo estudo acústico da sala. Cumprimos a legalidade conforme á nosa licenza”, alegan con firmeza dende a xerencia do local.

A suposta falta de comunicación por parte do Concello tamén foi motivo de descontento para a dirección do local. “O concello non nos informou de nada. Non sabemos o que queren que fagamos. Seguimos á espera”, expresan. Ademais, denunciaron a presenza constante de forzas policiais e acusaron a algúns veciños de “exaxerar deliberadamente a situación, cun claro fin: destruír a vida nocturna e cultural da cidade”. Segundo eles, o verdadeiro problema reside en “quen está disposto a permitilo”.

INFORME DO CONCELLO

Asimesmo, dende a Concellería de Urbanismo do Concello de Santiago comunicouse a este medio que as análises acústicas realizadas por unha entidade externa amosaron niveis de ruído superiores aos estipulados pola normativa. Estas análises, segundo explicaron desde o propio departamento, enfocáronse exclusivamente no ruído xerado polas instalacións do establecemento.

“Segundo o informado pola compañía encargada, os niveis non respectan os límites establecidos, tanto no interior como no exterior dos dous fogares examinados”, declararon desde Urbanismo. Tamén sinalaron que o problema deriva directamente do local e non da contorna adxacente. “O informe detalla que se descartou calquera tipo de ruído externo que puidese alterar os resultados da medición”, comunicaron. Así mesmo, recalcaron que a responsabilidade sobre os problemas que procedan de fóra do local recaería na Policía Local e non no departamento de Urbanismo nin na propia Sala Malatesta.

Por outra banda, indicaron que actualmente a Sala Malatesta ten un prazo para presentar obxeccións ao expediente aberto, o cal levou ao peche temporal das súas instalacións.

INCENDIO EN OUTUBRO

A Sala Malatesta xa pasara recentemente por un punto de inflexión na súa relación coas autoridades e a veciñanza cando o pasado mes de outubro se viu envolta noutro incidente. Un incendio, desatado por un posible curtocircuíto no cableado que pasaba polo interior do falso teito, obrigou a evacuar a 150 persoas que se atopaban no interior desfrutando dunha actuación musical. Afortunadamente, non houbo que lamentar feridos, mais o suceso deixou unha densa nube de fume e unha forte preocupación tanto entre os asistentes como na comunidade local.

Os propietarios da sala, en declaracións posteriores a este suceso, aseguraron tamén cumprir con todas as normativas vixentes e ter todo en orde, mencionando que se estaba “magnificando todo”. “Seguimos as inspeccións periodicamente. Temos todo correcto”, insistían.

Porén, este incidente non fixo máis que reavivar un conflito latente coa veciñanza, que xa levaba tempo queixándose de molestias relacionadas co ruído e outras incomodidades derivadas da actividade do local.

O incendio non só supuxo unha alarma en canto á seguridade dos espazos de lecer nocturno da cidade, senón que tamén motivou ao Concello de Santiago a inspeccionar máis detidamente estes establecementos, buscando asegurar o cumprimento das normativas de prevención de incendios e seguridade.

Mentres, os veciños de San Lourenzo expresaran a súa frustración coa situación: “Levamos semanas avisando de que ía pasar algo”, advertían mentres pedían solucións efectivas para unha convivencia harmoniosa entre o ocio nocturno e a vida residencial.

ÚLTIMAS

O Monbus Obradoiro supera ao Inveready Gipuzkoa nun axustado encontro en Donosti

O Monbus Obradoiro acadou unha nova vitoria na sexta xornada da liga de Primeira...

Os Bonos Corazón 2024 de Santiago abren a inscrición para comerciantes e a descarga para usuarios

O programa de Bonos Corazón do Concello de Santiago volve en 2024 con novidades...

O Concello organiza unha recollida de produtos para os afectados pola DANA

O Concello de Santiago anunciou a posta en marcha dunha campaña de recollida de...

Ames organiza un partido solidario para apoiar os campamentos saharauís afectados polas inundacións

O Concello de Ames acollerá o domingo, 10 de novembro, un partido solidario no...

As traballadoras de Beatriz Seijo S.L. suspenden a folga e solicitan mediación no Consello Galego de Relacións Laborais

As traballadoras de Beatriz Seijo S.L. decidiron suspender temporalmente a folga indefinida que mantiñan...

Profesorado e familias protestan en Santiago contra os recortes educativos da Xunta

Este sábado, profesorado, alumnado e asociacións de pais e nais saíron ás rúas de...

USO-AENA denuncia a falta de iluminación no aparcamento de longa estancia do Aeroporto de Santiago

A Sección Sindical de USO-AENA no Aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro alertou...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here