InicioMOV. SOCIAISO Sindicato de Vivenda de Compostela ve insuficientes os decretos do Goberno...

O Sindicato de Vivenda de Compostela ve insuficientes os decretos do Goberno e mantén as mobilizacións

O colectivo abandonou este martes a estación intermodal tras pasar a noite no recinto e convocou unha asemblea aberta ás 19:00 na praza do Obradoiro para decidir os seguintes pasos

Publicado o

Xornal de Compostela

O Sindicato de Vivenda de Compostela considera insuficientes os dous reais decretos aprobados este martes polo Consello de Ministros en materia de vivenda. O colectivo sostén que as medidas “non son sequera un achegamento” ás súas reivindicacións, aínda que valorou que “se estean dando, por fin, algúns pasos que chegan moi tarde”.

Os portavoces do sindicato, Daniel e Nuria, pronunciáronse ás portas da estación intermodal de Santiago, onde parte dos participantes nas mobilizacións pola vivenda pasaron a noite tras a protesta celebrada este luns na cidade. Á primeira hora da mañá, segundo explicaron, axentes da Policía Nacional comunicáronlles que debían abandonar o interior das instalacións.

Os participantes trasladáronse entón ao exterior da intermodal, onde elaboraron pancartas que posteriormente colocaron nas escaleiras de acceso. Entre elas podían lerse mensaxes como “Todas somos Maricarmen”, “Nós temos as chaves da cidade” ou “Nin alugueres polas nubes nin salarios polo chan”.

A reacción do colectivo produciuse despois de coñecerse as medidas acordadas polo Goberno central. Os seus portavoces acusaron a “maior parte dos políticos” de manter unha posición de “pasividade” ante os problemas relacionados co acceso á vivenda e reclamaron como punto de partida a aprobación do que denominan “verdadeiro decreto Maricarmen”.

Con esta expresión, o Sindicato de Vivenda de Compostela fai referencia ás cinco medidas formuladas polo Sindicato de Inquilinas de Madrid no marco das protestas desencadeadas tras o desafiuzamento de Mari Carmen, a muller de 87 anos expulsada da súa vivenda na capital española a pasada semana. O colectivo compostelán reclama que esas propostas sexan asumidas na súa integridade: “Nada menos, nin unha soa coma cambiada”, sinalaron os seus portavoces.

A MOBILIZACIÓN CONTINÚA NO OBRADOIRO

O sindicato confirmou ademais a súa intención de manter as acampadas e as accións de protesta que se están desenvolvendo en diferentes cidades. Daniel e Nuria aseguraron sentirse “desbordados e contentos” pola resposta que están tendo as mobilizacións en Galicia.

Finalmente, os participantes abandonaron a contorna da estación intermodal minutos despois das 13:00. A seguinte convocatoria en Santiago será este mesmo martes, cunha asemblea aberta á cidadanía ás 19:00 na praza do Obradoiro, na que está previsto analizar a situación e decidir como continuará a mobilización.

As protestas en Compostela forman parte dunha sucesión de accións arredor do acceso á vivenda e dos desafiuzamentos que tamén chegarán este martes a outras cidades galegas. Ourense e Lugo teñen convocadas mobilizacións ás 20:00.

O portavoz da Plataforma Vivenda Xa, Andrés López, sostivo neste contexto que a sociedade “xa non aguanta máis” e afirmou que en Galicia se producen “dous desafiuzamentos diarios”. López apuntou tamén ás particularidades do problema da vivenda na comunidade e sinalou que a presenza dos fondos voitre ten un peso menor que noutros territorios, aínda que existen outras dificultades específicas.

“En Galicia hai unha casuística particular. Aquí, os fondos voitre non teñen unha incidencia tan notable como noutros territorios, pero si temos outras problemáticas”, explicou o portavoz da plataforma, que enmarcou as convocatorias previstas para esta tarde en Ourense e Lugo na mobilización contra os desafiuzamentos e pola situación da vivenda.

ÚLTIMAS

Sanmartín acusa a Xunta de obstaculizar a zona tensionada e reclama máis datos para avaliar os seus efectos

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, cuestionou este venres a actuación da...

A alcaldesa lamenta a morte de Beiras e chama a divulgar o seu legado entre as novas xeracións

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, expresou este venres o seu pesar...

Mercedes Rosón e as non adscritas apoian a oposición veciñal ao parque empresarial de Lavacolla

As concelleiras e o concelleiro non adscritos do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, Mila...

Santiago concederá case 2.000 bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, 145 máis que o curso pasado

O Concello de Santiago de Compostela prevé conceder un total de 1.989 bolsas de...

“A morte de Maricarmen é un asasinato da violencia rentista”, din os acampados en Compostela

As persoas mozas acampadas na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, atribúen á...

O PSOE de Santiago solicita un minuto de silencio pola morte de Maricarmen Abascal

O Grupo Municipal Socialista de Santiago solicitou á alcaldesa, Goretti Sanmartín, a convocatoria dun...

A acampada pola vivenda no Obradoiro pide pesas, palés e vigas para reforzar as súas estruturas

As persoas que permanecen acampadas na Praza do Obradoiro para protestar pola crise da...