InicioMOV. SOCIAISA asociación de pacientes do CHUS denuncia 39 persoas nos corredores de...

A asociación de pacientes do CHUS denuncia 39 persoas nos corredores de Urxencias e alerta do impacto dos recortes de persoal

O colectivo asegura que a situación volveu ser "insostible" este 25 de xuño e reclama á xerencia que manteña abertas as camas necesarias e garanta a dotación de enfermaría durante o verán

Publicado o

Xornal de Compostela

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou unha nova situación de saturación no servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, tras varios días consecutivos con persoas enfermas situadas nos corredores de acceso e zonas próximas á área asistencial. Segundo a entidade, este xoves 25 de xuño, ás 17:38, había 39 pacientes graves, a maioría en padiolas, agardando en corredores e espazos adxacentes a seren atendidos nas zonas previstas para ese fin.

A asociación asegura que a acumulación de pacientes chegaba ata a contorna dos ascensores e da unidade de hemodinámica. Nesa mesma franxa horaria, engade, outras 29 persoas co ingreso xa asinado permanecían á espera de traslado a planta. Para o colectivo, o episodio supón unha repetición dunha práctica que consideran contraria aos dereitos das persoas atendidas e que, ao seu xuízo, converte áreas de paso en espazos de espera e atención sanitaria.

A entidade lembra que esta situación xa foi obxecto de denuncias públicas e tamén dun pronunciamento da Valedora do Pobo, a través dunha recomendación emitida o 11 de xaneiro de 2017. A pesar diso, sostén que a xerencia do hospital mantén o peche de 111 camas hospitalarias e non as pon a disposición cando os facultativos solicitan os ingresos. A asociación considera que esta decisión contribúe a que pacientes con dor ou deterioración física permanezan nos corredores, nunhas condicións que, segundo denuncia, afectan á súa intimidade e dignidade.

O colectivo tamén advirte de que a situación pode agravarse durante o período de vacacións pola falta de substitucións de persoal. Segundo a información que asegura ter recibido, a xerencia prevé suprimir nas próximas datas un equipo de enfermaría formado por un enfermeiro ou enfermeira e un auxiliar, baixo o argumento de que non existe persoal cualificado dispoñible para a contratación.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS cuestiona esa explicación e sostén que, se a medida chega a aplicarse, terá consecuencias directas sobre o funcionamento das Urxencias. Entre elas, apunta ao bloqueo temporal de boxes pola falta de persoal auxiliar para acondicionalos, ao incremento de pacientes nos corredores e a atrasos en coidados básicos como a hixiene, os cambios posturais ou a subministración de cuñas. Tamén alerta de posibles demoras na administración de tratamentos e na vixilancia continuada unha vez realizado o diagnóstico provisional.

Para a entidade, esta situación suporía un aumento da precariedade asistencial, da vulneración dos dereitos das persoas enfermas e da carga física e psicolóxica do persoal sanitario. Por iso, reclama que non se execute a supresión prevista e que se manteña a dotación necesaria para garantir a atención no servizo.

A asociación tamén chama a atención sobre os datos publicados no ‘Pulso do CHUS’, segundo os cales nas 24 horas comprendidas entre as 08:00 do 25 de xuño e a mesma hora do día 26 foron atendidas 449 persoas en Urxencias, producíronse 41 ingresos e o grao de ocupación das camas situouse no 56%, con 668 camas dispoñibles. O colectivo considera significativo que, malia estas cifras, o servizo presentase unha situación de colapso, e sostén que o nivel de demanda a partir do cal se producen estes episodios descendeu nos últimos anos. Segundo apunta, en 2023 as dificultades deste tipo aparecían cando se superaban os 500 pacientes.

A entidade vincula tamén a presión sobre Urxencias coa situación da atención primaria. Segundo a asociación, os servizos de Urxencias convertéronse desde hai anos no “último recurso” para pacientes que non obteñen resposta noutros niveis asistenciais. No caso da área sanitaria de Santiago, asegura ter constatado demoras de ata 20 días para unha consulta presencial en centros de saúde, un prazo que considera incompatible con doenzas que precisan diagnóstico temperán e tratamento en tempos razoables.

Neste contexto, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS reclama que se respecte o dereito das persoas enfermas á dignidade e á intimidade cando solicitan atención sanitaria. O colectivo pide que se poña fin á colocación de pacientes nos corredores de acceso e que se habiliten as camas necesarias no momento en que son demandadas polos facultativos.

A asociación esixe tamén o cumprimento da normativa sanitaria e que as Urxencias respondan á función prevista na Lei 8/2008 de Saúde de Galicia. Así mesmo, advirte de que a supresión dun equipo de enfermaría durante o verán favorecería, ao seu xuízo, o colapso permanente do servizo e a colocación masiva de pacientes nos corredores.

“Esiximos que dita medida non se materialice e que se garanta a dotación de persoal que permita o cumprimento dos fins que o servizo ten legalmente atribuídos”, sinala a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

ÚLTIMAS

Verea acusa a Sanmartín de estar “superada” tras o debate pola seguridade no pleno deste xoves

O portavoz do Partido Popular en Compostela, Borja Verea, asegurou este venres que o...

Santiago aumenta a 100.000 euros as bolsas para tratamentos terapéuticos de menores e para nenas e nenos celíacos

O Concello de Santiago aprobará unha nova convocatoria de bolsas municipais para menores con...

O Pleno aborda a seguridade na cidade entre chamadas ao pacto, avisos contra o alarmismo e reclamacións de máis medios

O Pleno municipal de Santiago aprobou este xoves unha proposta dos concelleiros non adscritos...

A conexión aérea entre Santiago e Jerez reforza a promoción turística entre Galicia e Cádiz

A nova conexión aérea directa entre Santiago de Compostela e Jerez da Frontera centrou...

Compostela Accesible lanza unha campaña para denunciar barreiras arquitectónicas en Santiago

A Plataforma Compostela Accesible, detrás da que está o partido político UCIN, puxo en...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

As traballadoras da limpeza de Lacera volven á folga este martes nos colexios en Santiago

As traballadoras de limpeza e conserxería dos colexios públicos de Santiago de Compostela, servizo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here