A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, participou este 8 de abril no acto institucional con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, celebrado no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, onde puxo en valor o papel histórico da cidade como espazo de acollida e convivencia entre culturas.
Durante a súa intervención, Sanmartín cualificou a xornada como “un día feliz, un día de reivindicación” e subliñou que Santiago “sempre foi un concello de acollida, un lugar onde houbo intercambio de culturas e coñecementos”. Neste sentido, relacionou esta tradición coa identidade do pobo xitano, destacando a súa capacidade de manter a súa cultura ao tempo que se integra na sociedade.
A alcaldesa fixo referencia tamén á presenza histórica da comunidade xitana na península e á súa vinculación con Santiago como destino, lembrando que a cidade figura en documentos como un dos lugares de acollida desta colectividade.
No plano institucional, Sanmartín destacou o “consenso absoluto” existente na Corporación municipal arredor da defensa dos dereitos do pobo xitano. “Todas as organizacións e todos os grupos políticos están de acordo na necesidade de avanzar no respecto polas diferentes culturas e na garantía de dereitos”, afirmou.
Entre as liñas de actuación prioritarias, mencionou o acceso ao emprego, á vivenda, á educación e ás ferramentas dixitais, incidindo na importancia de reducir a fenda dixital e garantir a igualdade de oportunidades. Neste contexto, salientou o programa Promociona como unha iniciativa clave para combater o abandono escolar entre a poboación xitana. “É fundamental conseguir que os nenos e as nenas xitanas estean nas escolas, estuden e cheguen a ser o que queiran”, indicou.
A alcaldesa puxo especial énfase no papel das mulleres e das nenas, animando a que poidan acceder a estudos superiores e a ocupar espazos de responsabilidade institucional. “Sería magnífico que no futuro poidan estar aquí exercendo como concelleiras ou mesmo como alcaldesas”, sinalou.
Outro dos eixos do discurso foi a necesidade de combater os discursos de odio e os estereotipos. Sanmartín advertiu da importancia de evitar “reducionismos” que limiten as expectativas das persoas e defendeu unha sociedade baseada na igualdade de dereitos e na diversidade cultural.
Finalmente, a rexedora reafirmou o compromiso do Concello de Santiago coa inclusión e a convivencia, asegurando que a Administración municipal continuará traballando para que “ninguén quede atrás”. A intervención concluíu cunha referencia simbólica ao himno xitano, “Gelem Gelem”, como representación dun camiño colectivo cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.

