InicioMOV. SOCIAISO Concello de Santiago impulsará nos institutos o programa educativo ‘Compostela en...

O Concello de Santiago impulsará nos institutos o programa educativo ‘Compostela en Igualdade’ para promover relacións respectuosas entre a mocidade

O proxecto inclúe seis sesións formativas ao longo de 2026 e un consultorio anónimo por WhatsApp para resolver dúbidas do alumnado

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago porá en marcha a partir deste mes o proxecto educativo ‘Compostela en Igualdade’, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO coa que se pretende fomentar relacións baseadas na igualdade, o respecto e a prevención das violencias machistas. O programa foi presentado este xoves pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, acompañada pola directora da área municipal de Igualdade, Clara Ortega, e pola nova directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rita Barreiro.

Segundo explicou o goberno municipal, a proposta desenvolverase nos institutos composteláns que se inscriban unha vez aberto o prazo de participación. Nesta primeira edición poderán participar tres centros, nos que a formación se impartirá a un único curso por instituto, con contidos adaptados á idade do alumnado.

Durante a presentación, Sanmartín subliñou que o obxectivo da iniciativa é traballar co alumnado na construción de relacións afectivas baseadas na igualdade e no respecto á diversidade. “A idea é, neste caso, promover esas relacións igualitarias e libres buscando fomentar a igualdade de xénero, o respecto á diversidade e, sobre todo, desenvolver habilidades de comunicación emocional e de resolución de conflitos”, explicou.

A alcaldesa sinalou tamén que a elección do alumnado destas idades responde a un momento clave no proceso educativo e social. Segundo indicou, é unha etapa na que “se está xustamente forxando a personalidade” e na que comezan a consolidarse determinadas crenzas relacionadas co amor, os roles de xénero, os celos ou o consentimento.

SESIÓNS REPARTIDAS AO LONGO DE TODO O ANO

O programa estrutúrase nun itinerario formativo de seis sesións, impartidas por especialistas e distribuídas ao longo de todo o ano 2026. As tres primeiras terán lugar entre marzo e xuño, mentres que as restantes desenvolveranse entre setembro e decembro, co propósito de ofrecer continuidade ao proceso formativo e avaliar a evolución das aprendizaxes.

As actividades combinarán explicacións teóricas con dinámicas de grupo, análise de casos e exercicios participativos, co fin de facilitar a reflexión do alumnado sobre cuestións como os estereotipos de xénero, as dinámicas de control nas relacións de parella, a violencia de xénero ou o papel das redes sociais.

Ademais, o programa incluirá un consultorio dixital anónimo a través de WhatsApp, pensado para que o alumnado poida formular preguntas ou expresar preocupacións relacionadas cos contidos tratados nas sesións. “Non todas as cuestións poden tratarse en grupo, así que é lóxico deixar un espazo de consultoría dixital”, indicou Sanmartín.

O Concello prevé enviar ao longo deste mesmo día as invitacións aos institutos da cidade, tanto públicos como concertados, para que poidan sumarse a esta primeira edición do proxecto educativo. O goberno local enmarca esta iniciativa nas políticas municipais orientadas á promoción da igualdade e á prevención das violencias machistas entre a mocidade.

ÚLTIMAS

As vítimas de Angrois vinculan o sinistro de Toledo coa falta dunha investigación independente do accidente de 2013

O portavoz da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, considera que a falta dunha...

O Concello destinará 1,2 millóns de euros á rehabilitación do Palacete do Espiño para usos públicos

O Concello de Santiago de Compostela investirá preto de 1,2 millóns de euros na...

Santiago acollerá por primeira vez a Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas o 22 de novembro

Santiago de Compostela incorporarase este ano á Carreira das Cidades contra o Cancro de...

Santiago realiza un simulacro de accidente con catro feridos e un vehículo incendiado no túnel do Hórreo

O túnel do Hórreo foi escenario este martes, 27 de outubro, dun simulacro de accidente...

A CIG concéntrase en Santiago contra o “acoso laboral” en Monbus e reclama a readmisión de seis traballadores

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizouse este martes, 27 de outubro, diante da estación...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...