A maior parte dos facultativos dos servizos de Xinecoloxía e Obstetricia, Cirurxía Vascular e Cirurxía Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago comunicaron este martes á Consellería de Sanidade que deixarán de realizar peonadas mentres continúe a folga autonómica do persoal médico. A medida, segundo trasladou o sindicato O’Mega, responde á negativa da Xunta a negociar as condicións laborais que permitirían avanzar cara á desconvocatoria do paro.
As chamadas peonadas consisten en consultas ou intervencións cirúrxicas realizadas fóra da xornada ordinaria, a partir das 15:00, e están destinadas a complementar a actividade asistencial habitual. Estas sesións adoitan atender pacientes cun estado clínico menos urxente e, nas últimas semanas, estaban a empregarse para asumir parte das consultas que quedaran suspendidas a raíz das mobilizacións médicas.
De acordo coa información facilitada polo sindicato, a decisión dos facultativos conta cun apoio practicamente unánime en varios servizos do centro hospitalario compostelán. No caso de Cirurxía Pediátrica, o 100% do persoal médico comunicou que deixará de realizar estas actividades extraordinarias mentres se manteña o conflito laboral. Nos servizos de Cirurxía Vascular e Xinecoloxía e Obstetricia, a porcentaxe sitúase arredor do 90% dos facultativos.
Nos escritos remitidos polos especialistas a través de rexistro oficial, os profesionais sinalan que “non desexan ser utilizados como parche para liquidar as suspensións de actos clínicos derivados destas folgas” e reclaman que a Consellería de Sanidade retome as conversas co colectivo médico para buscar unha saída ao conflito.
Pola súa banda, o sindicato O’Mega instou á Administración autonómica a retomar unha negociación “construtiva” baseada no respecto mutuo, co obxectivo de acadar un acordo que permita poñer fin ás mobilizacións. Segundo sinalan, a prolongación do conflito ten repercusión directa na atención sanitaria, con consecuencias que afectan cada día a miles de pacientes en Galicia.

