O Concello de Santiago presentou este mércores as actividades correspondentes ao mes de marzo da campaña ‘12 Comercios, 12 Sensibilidades’, unha iniciativa municipal que busca dar visibilidade ao labor de entidades sociais da cidade a través da colaboración co pequeno comercio. Nesta ocasión, a proposta xunta á tenda especializada en xogos de mesa Chafarís coa asociación Down Compostela.
Na presentación participaron a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, a xerente de Chafarís, Cristina Neira Veiga, e o presidente de Down Compostela, Juan Martínez.
Durante a súa intervención, Rozas destacou que esta colaboración permite achegar á cidadanía o traballo que realizan entidades sociais con longa traxectoria na cidade. “Esta campaña é unha oportunidade para darlle máis visibilidade ao traballo que fai Down Compostela, que mellora a vida de moitas familias e cumpre un papel fundamental na sociedade”, sinalou.
A concelleira subliñou tamén o valor do pequeno comercio local e o papel educativo do xogo, destacando que os xogos de mesa poden favorecer a creatividade, a imaxinación e as relacións sociais, ademais de constituír unha alternativa ao ocio vinculado ás pantallas.
A programación desenvolverase ao longo de marzo no establecemento Chafarís, onde se instalará un punto informativo sobre Down Compostela e sobre o seu proxecto educativo vinculado ao uso do xogo como ferramenta de aprendizaxe.
Segundo explicou a súa xente, Cristina Neira Veiga, dende a tenda entenden o seu espazo “non só como un lugar onde se venden xogos, senón como un punto de encontro onde as persoas comparten tempo e crean vínculos”. Nesa liña, destacou que o xogo pode converterse nun recurso útil para promover a inclusión, xa que “cando xogamos desaparecen as etiquetas e o importante pasa a ser a diversión e a participación”.
Entre as actividades previstas inclúese un xogaparate temático dedicado á inclusión, que permitirá ás persoas visitantes participar en pequenos retos e sorteos relacionados cos xogos de mesa. Ademais, o 11 de marzo un grupo de formación laboral vinculado a Down Compostela visitará o establecemento para coñecer de primeira man o funcionamento dun pequeno comercio.
A programación culminará o 26 de marzo cunha xornada de xogos aberta ao público, prevista inicialmente entre as 17:30 e as 18:30, na que persoas usuarias da entidade presentarán materiais e compartirán partidas con quen se achegue ao local. Se as condicións meteorolóxicas o permiten, a actividade poderá trasladarse ao exterior para facilitar a participación.
O PROXECTO ‘EN XOGO’ DE DOWN COMPOSTELA
Durante o acto, o presidente da asociación explicou tamén o funcionamento do programa ‘En xogo’, unha iniciativa baseada na aprendizaxe a través dos xogos de mesa que a entidade desenvolve desde o ano 2021.
Segundo indicou Martínez, o proxecto inclúe formación para analizar e adaptar xogos, elaboración de materiais accesibles e dinamización de actividades lúdicas, coa colaboración de profesionais e do propio comercio Chafarís. Actualmente participan 27 persoas adultas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual, e xa se realizaron adaptacións en 15 xogos diferentes.
“Os xogos permiten traballar habilidades de aprendizaxe e tamén favorecer a participación das familias e dos centros educativos”, explicou, engadindo que a entidade está a recibir solicitudes de colexios interesados en empregar estas adaptacións nos seus procesos educativos.
A colaboración coincide ademais coa conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra o 21 de marzo. Con motivo desta data, Down Compostela organizará a súa tradicional gala anual de premios, prevista para o 20 de marzo ás 19:30 no Auditorio de Galicia.

