InicioMOV. SOCIAISUnha vintena de profesionais de Urxencias concéntrase no CHUS para denunciar o...

Unha vintena de profesionais de Urxencias concéntrase no CHUS para denunciar o colapso do servizo

Os facultativos reclaman ao Sergas a revisión das condicións laborais e alertan de que a saturación deixou de ser estacional para converterse nun problema estrutural

Publicado o

Xornal de Compostela

Unha vintena de profesionais médicos do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) realizou este luns unha concentración ás portas das instalacións para denunciar o colapso asistencial que, segundo indican, se vén repetindo de maneira continuada e para esixir ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a revisión das súas condicións laborais.

A mobilización deu comezo arredor das 12:00 e serviu para poñer o foco no papel esencial das Urxencias dentro do sistema sanitario. Durante a protesta, unha das facultativas participantes subliñou que se trata dun servizo que mantén a súa actividade de maneira permanente: “Somos os que sempre estamos”.

Os profesionais alertaron de que a situación de saturación, tradicionalmente asociada aos meses de inverno, pasou a ser case crónica, xa que tamén se rexistran episodios de forte presión asistencial durante o verán. Segundo explicaron, esta realidade responde a múltiples factores, entre eles a falta de capacidade dos hospitais para absorber o volume de pacientes, o que impide axilizar o chamado circuíto de saída e liberar espazos en Urxencias.

Entre as principais reivindicacións figura a demanda de que a Consellería de Sanidade abra un proceso de negociación para actualizar o acordo específico de Urxencias e adaptalo ás actuais dinámicas de traballo. Os médicos sinalan a necesidade de ter en conta a ampliación de persoal, o incremento das entradas de pacientes e unha mellora das condicións retributivas da categoría. Segundo indicaron, en xaneiro de 2024 o departamento autonómico comprometeuse a manter unha reunión para abordar estas cuestións, un encontro que, segundo denuncian, “aínda non se produciu”.

Durante a concentración tamén interveu Manuel González Moreira, membro da Executiva de CIG-Saúde, quen incidiu en que os problemas do sistema sanitario non se circunscriben á Atención Primaria. Ademais do habitual incremento de pacientes con patoloxías respiratorias nesta época do ano, apuntou a unha demanda oncolóxica en aumento e á atención de enfermos considerados fráxiles.

“O que estamos a ver agora son estes tres picos de influencia e o sistema non está ben dimensionado para atender este tipo de novas patoloxías”, sinalou González Moreira, que definiu a situación como consecuencia dun problema de carácter estrutural que afecta ao conxunto do sistema sanitario público.

O representante sindical rexeitou tamén as recentes declaracións do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen asegurara que a situación nas Urxencias estaba “controlada” e que a presión asistencial se atopaba “a diminuír”. Segundo González Moreira, estas afirmacións asumen como normal que haxa corredores cheos de pacientes e esperas de 24, 48 ou mesmo 72 horas en Urxencias á espera dunha cama hospitalaria.

Dende o colectivo insisten en que a principal demanda pasa por axustar os cadros de persoal ás novas necesidades asistenciais. “Isto é o que non escoita a Consellería”, concluíu o representante da CIG-Saúde.

ÚLTIMAS

Santiago gardará un minuto de silencio no Obradoiro polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

O Concello de Santiago de Compostela convocou para este mércores, 28 de outubro, ás...

As vítimas de Angrois vinculan o sinistro de Toledo coa falta dunha investigación independente do accidente de 2013

O portavoz da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, considera que a falta dunha...

O Concello destinará 1,2 millóns de euros á rehabilitación do Palacete do Espiño para usos públicos

O Concello de Santiago de Compostela investirá preto de 1,2 millóns de euros na...

Santiago acollerá por primeira vez a Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas o 22 de novembro

Santiago de Compostela incorporarase este ano á Carreira das Cidades contra o Cancro de...

A CIG concéntrase en Santiago contra o “acoso laboral” en Monbus e reclama a readmisión de seis traballadores

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizouse este martes, 27 de outubro, diante da estación...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...