InicioMOV. SOCIAISA mobilización contra o proxecto de Altri volverá percorrer Santiago este domingo...

A mobilización contra o proxecto de Altri volverá percorrer Santiago este domingo con saída da Alameda

A protesta, convocada por plataformas sociais e ecoloxistas, aspira a repetir a asistencia da marcha de 2024 e culminará na Praza do Obradoiro cunha acción simbólica arredor do bosque autóctono

Publicado o

Xornal de Compostela

Santiago de Compostela acollerá este domingo, a partir das 12:00, unha nova mobilización contra o proxecto industrial de ‘Altri’ previsto en Palas de Rei (Lugo). A convocatoria, promovida por diferentes plataformas sociais e ecoloxistas, pretende repetir a dimensión da protesta celebrada no mesmo período do ano pasado, cando miles de persoas se manifestaron polas rúas da capital galega.

A marcha desenvolverase baixo o lema ‘Polas que somos e as que virán’ e iniciará o seu percorrido na Alameda, para rematar na Praza do Obradoiro. Neste espazo está prevista unha acción simbólica coa recreación dun bosque autóctono mediante paraugas decorados con follas de carballos e castiñeiros, como elemento central da protesta deste ano.

A organización explica que, fronte á simboloxía do río empregada na mobilización de 2024, nesta ocasión o foco estará posto no bosque, co obxectivo de expresar o rexeitamento ao uso do eucalipto, unha especie que, segundo alertan colectivos ecoloxistas, sería clave para o funcionamento da futura factoría. O presidente da Plataforma ‘Ulloa Viva’, Juan Pedro Sánchez, defendeu que “entendemos que o eucalipto non é a solución. O bosque que protexe, con carballos e castiñeiros, é o que nos deu vida e vainos a seguir dando vida”.

A convocatoria está impulsada por ‘Ulloa Viva’, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e outras entidades integradas na mesa de coordinación nacional contra o proxecto. Estas organizacións subliñan que a mobilización chega nun contexto distinto ao do pasado ano, marcado por diversos obstáculos na tramitación da iniciativa industrial. Entre eles, salientan a exclusión do proxecto das axudas á descarbonización e a falta de autorización estatal para a subestación eléctrica, coñecida no pasado mes de setembro.

O proxecto continúa pendente da Autorización Ambiental Integrada (AAI), que corresponde tramitar á Xunta de Galicia. Sobre este punto, o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, manifestou recentemente que esta autorización pasou a ter un carácter “secundario” tras o rexeitamento do Goberno central aos fondos europeos e á planificación eléctrica asociada.

DESPRAZAMENTOS ORGANIZADOS DENDE DISTINTOS PUNTOS DE GALICIA

Para facilitar a asistencia á mobilización, a Plataforma ‘Ulloa Viva’ habilitou un dispositivo de buses con saída desde diferentes localidades galegas, previa inscrición a través da súa páxina web. Un dos autocares percorrerá municipios da comarca da Ulloa —Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla—, lugar de orixe do movemento contra ‘Altri’, e continuará por Agolada e Lalín.

Tamén haberá saídas desde outras zonas como Melide, Santiso, Arzúa e Boiro, na provincia da Coruña; San Clodio, en Ourense; e Vila de Cruces, Cambados, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa, en Pontevedra. Ademais, as parroquias vilagarciás de Carril e Vilaxoán contarán con transporte propio.

RESPALDO POLÍTICO DA OPOSIÓN GALEGA

A mobilización conta co apoio dos principais partidos da oposición no Parlamento galego. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou á cidadanía a participar nunha protesta que definiu como “masiva” e cualificou de “gran marcha da dignidade”. Pola súa banda, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, chamou á militancia socialista a sumarse ao que describiu como “un novo exercicio de dignidade colectiva” fronte a un modelo industrial que, ao seu xuízo, non responde ás necesidades sociais nin aos obxectivos dun desenvolvemento sustentable.

ÚLTIMAS

Santiago gardará un minuto de silencio no Obradoiro polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

O Concello de Santiago de Compostela convocou para este mércores, 28 de outubro, ás...

As vítimas de Angrois vinculan o sinistro de Toledo coa falta dunha investigación independente do accidente de 2013

O portavoz da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, considera que a falta dunha...

O Concello destinará 1,2 millóns de euros á rehabilitación do Palacete do Espiño para usos públicos

O Concello de Santiago de Compostela investirá preto de 1,2 millóns de euros na...

Santiago acollerá por primeira vez a Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas o 22 de novembro

Santiago de Compostela incorporarase este ano á Carreira das Cidades contra o Cancro de...

A CIG concéntrase en Santiago contra o “acoso laboral” en Monbus e reclama a readmisión de seis traballadores

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizouse este martes, 27 de outubro, diante da estación...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...