InicioMOV. SOCIAISO Concello de Santiago lanza a campaña do 25N centrada na violencia...

O Concello de Santiago lanza a campaña do 25N centrada na violencia dixital entre a mocidade

Baixo o lema ‘Non é un trend, é violencia dixital’, o Goberno local aposta por visibilizar e combater as novas formas de control e humillación nas redes sociais

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago presentou este venres a súa campaña polo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha iniciativa centrada na prevención da violencia dixital entre a xente moza. Baixo o lema ‘Non é un trend, é violencia dixital’, o Goberno local busca combater a frivolización e normalización das condutas machistas nas redes sociais, espazos que a alcaldesa Goretti Sanmartín definiu como “novos escenarios de control, humillación e desigualdade”.

A rexedora explicou que o obxectivo principal é chegar á mocidade, un grupo no que se detecta “unha involución preocupante nos valores de igualdade” e no que se repiten patróns de acoso e control a través de plataformas dixitais, aplicacións de mensaxería ou videoxogos en liña. “Determinados comentarios ou imaxes que parecen humor son, en realidade, formas de violencia que humillan e degradan ás mulleres”, subliñou.

Segundo datos do informe ‘Generación expuesta. Jóvenes frente a la violencia sexual digital’, o 60,6% da mocidade recoñece ter sufrido algunha forma de violencia sexual dixital, con especial incidencia entre as mulleres: o 28,7% recibiu contido sexual non solicitado e o 23,6% padeceu tres ou máis tipos distintos de agresións en liña. En moitos casos, apuntou Sanmartín, “o agresor é unha persoa coñecida”, o que converte estas situacións “nun cóctel perigoso de control e vulnerabilidade”.

A alcaldesa tamén destacou que, segundo os datos do Centro de Información das Mulleres (CIM), as rapazas novas son o grupo que menos recorre aos servizos municipais de atención, representando só o 0,45% das usuarias menores de 18 anos e o 10,9% entre 19 e 25 anos. “É necesario intensificar a difusión destes recursos e axudar a que identifiquen as situacións de violencia”, sinalou.

A campaña desenvolverase ao longo de catro semanas, con contidos específicos nas redes sociais, mupis e traseiras de autobuses urbanos. O Concello aposta por unha mensaxe directa e adaptada á linguaxe da mocidade, con exemplos reais de expresións e dinámicas que perpetúan a desigualdade.

Pola súa banda, Teresa Furelos, xefa de servizo do CIM, explicou que o reparto de material da campaña —cartelería e camisetas da edición anterior— terá lugar do 10 ao 24 de novembro. O material poderá recollerse no CIM, de 08:30 a 14:30, e na Casa Xohana Torres, con varios horarios: os días 10 e 14, de 09:45 a 13:00, e os días 17, 19, 21 e 24, co mesmo horario de mañá, ademais do martes 18, de 16:00 a 19:30.

Toda a información sobre a campaña estará dispoñible nas redes sociais do Concello e da área de Igualdade, así como nos perfís da Casa Xohana Torres.

O día 25 de novembro, o Concello celebrará a lectura da declaración institucional aprobada no último pleno e chamará á participación nas mobilizacións feministas convocadas na cidade, nunha xornada que, en palabras da alcaldesa, “debe servir para facer visible a violencia que segue presente e reforzar o compromiso colectivo para erradicala”.

MINUTO DE SILENCIO

Despois da presentación oficial da campaña do 25N tivo lugar un minuto de silencio na Praza do Obradoiro, fronte ao Pazo de Raxoi, pola muller asasinada na provincia de Zaragoza. Neste acto simbólico participaron, ademais da alcaldesa e os membros da campaña do 25N, a concelleira socialista Marta Abal, a popular María Baleato, a nacionalista Míriam Louzao e a edil non adscrita Mercedes Rosón.

Minuto de silencio pola muller asasinada en Zaragoza, vítima de violencia machista – Xornal de Compostela

ÚLTIMAS

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

A mocidade socialista de Compostela convoca unha protesta de urxencia polo adianto electoral

A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) convocou para este luns unha mobilización de urxencia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here