InicioMOV. SOCIAISÓscar Antón Pérez (BNG): "Ánxel Casal foi unha figura poliédrica que resumiu...

Óscar Antón Pérez (BNG): “Ánxel Casal foi unha figura poliédrica que resumiu as múltiples facetas do galeguismo antes do golpe do 36”

O concelleiro do BNG en Teo destaca a importancia do editor e alcalde compostelán, asasinado en 1936, e reivindica o seu legado cultural, político e educativo

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro do BNG en Teo, Óscar Antón Pérez, participará este martes nos actos de homenaxe a Ánxel Casal, que foi alcalde de Santiago e editor nacionalista asasinado o 19 de agosto de 1936 en Cacheiras. Os grupos do BNG de Teo e Compostela estiveron presentes tanto na ofrenda floral diante da estatua erixida na capital galega, xunto á Biblioteca Pública que leva o seu nome, como no acto posterior no monólito de Montouto (Teo), no lugar onde apareceron os corpos de Casal e do tamén represaliado José Devesa Areosa, coñecido como Pepiño.

Nunha conversa co Xornal de Compostela, o edil destacou a relevancia dunha figura que, segundo afirmou, “representa un personaxe total, polifacético, que resume todas as facetas que tivo o galeguismo antes do golpe de Estado de 1936”.

Por que consideras que Ánxel Casal é unha figura fundamental para entender a historia de Santiago e de Galicia?

Casal foi un político notable, non só a nivel municipal, senón tamén galego, como fundador do Partido Galeguista e alcalde de Compostela. Participou na elaboración do primeiro Estatuto de Autonomía, que levou a Madrid, pero ao mesmo tempo era editor e un gran defensor da cultura galega. Co seu traballo impulsou publicacións da xeración Nós e manuais para introducir o galego na escola, nun momento no que a lingua estaba minorizada”.

Castelao dixo que Casal fixo por Galicia máis que todos nós”. Que quere dicir esa frase?

Resume perfectamente a súa traxectoria. Foi editor, mestre particular para poder sobrevivir, un home de orixes humildes comprometido coa mellora e o progreso de Galicia. Para el era fundamental que o coñecemento estivese dispoñible para o pobo. Procurou conservar e ampliar o capital cultural de Galicia e deixalo accesible a toda a sociedade.

Casal foi asasinado en Teo, xunto con Pepiño Areosa. Que simboliza este feito?

Non foi unha casualidade. Os asasinatos foron masivos. No caso de Casal, reivindicamos o seu compromiso coa cultura, coa lingua e coa política galeguista. A súa figura segue a ser esencial para entender a historia recente e o golpe contra unha democracia lexitimada polas urnas. Por iso é tan importante non caer na equidistancia: non foi un enfrontamento entre irmáns, foi un golpe de Estado contra un réxime democrático e Casal foi vilmente asasinado, coma tantos outros.

Que significa para o BNG de Teo participar nestes actos cada 19 de agosto?

É fundamental. Supón reivindicar o seu labor editorial, educativo e político, pero tamén chamar a atención sobre a memoria das vítimas da represión. Houbo quen quixo instalar un discurso de que esa etapa estaba superada, pero non é certo. Nós entendemos que cómpre seguir lembrando a Casal e a todas as persoas represaliadas polo franquismo”.

Consideras que Compostela fixo suficiente por manter viva a memoria de Casal?

Nos últimos anos houbo máis interese, pero nas décadas anteriores fíxose pouco, non só en Compostela senón en Galicia en xeral. Mesmo hoxe, determinadas figuras seguen a resultar incómodas para algúns partidos. Deberiamos ter superado xa esa situación. Non se trata de vinganza, senón de recuperar as memorias e valorar a quen representaba a vontade popular”.

Que risco ves hoxe para esa memoria?

Preocúpame o avance de discursos revisionistas, especialmente de sectores da extrema dereita. A propia historiografía desmonta esas visións, pero hai quen insiste en fabricar unha realidade falsa. Por iso é tan importante a labor das asociacións de memoria histórica e o compromiso da sociedade. A democracia debe ser forte para evitar que eses discursos negacionistas gañen terreo”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

Santiago homenaxeará a Rosa Bassave dando o seu nome ao espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes

O espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes pasará a levar oficialmente o nome...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here