InicioMOV. SOCIAISFADEMGA reclama máis apoio institucional no seu Encontro de Familias celebrado en...

FADEMGA reclama máis apoio institucional no seu Encontro de Familias celebrado en Santiago

O presidente da entidade cualifica o acto como “un espazo de forza social” e pide garantías de futuro para as máis de 7.000 prazas que xestionan as súas entidades

Publicado o

Xornal de Compostela

Preto dun centenar de persoas vinculadas a familias con membros con discapacidade intelectual reuníronse este sábado no Hotel ‘Los Abetos’ de Santiago de Compostela no marco do Encontro de Familias organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia. A xornada, baixo o lema “Un camiño compartido”, tivo como obxectivo principal reforzar a unión familiar, poñer voz ás persoas con discapacidade e reclamar avances nas políticas públicas de atención e inclusión.

O acto de apertura contou coa presenza de representantes da Xunta de Galicia, do Parlamento galego e das entidades sociais, que coincidiron en sinalar o valor do traballo colectivo das familias e das organizacións do terceiro sector. O presidente de FADEMGA, Eladio Fernández, abriu a xornada cunha mensaxe clara: “Esta xornada non é só un espazo de encontro, é un acto de forza social”, dixo, lembrando que FADEMGA xestiona “máis de 7.000 prazas públicas” e advertindo da incerteza que pesa sobre o seu futuro: “Non podemos seguir vivindo baixo a espada de Damocles”.

Na súa intervención, Fernández fixo un chamado directo á Administración para recoñecer e escoitar o traballo do movemento asociativo, destacando o seu papel como axente esencial no sistema público de coidados e atención á discapacidade. “Queremos —e debemos— esixir que a Administración nos dea resposta”, afirmou.

Entre as representantes políticas presentes estivo Patricia Iglesias, deputada do PSdeG-PSOE, quen insistiu na necesidade de reforzar o modelo centrado na persoa e apostar pola educación e o emprego inclusivos. Iglesias defendeu tamén a figura do concerto social como ferramenta para garantir servizos públicos de calidade ofrecidos polas entidades do terceiro sector. Pola súa banda, a deputada do BNG Ariadna Fernández mostrou o seu apoio á labor de FADEMGA e fixo un chamamento a “políticas e actitudes de cambio”.

En representación do Goberno galego, Begoña Abeijón, directora xeral de Discapacidade da Xunta, recoñeceu “a valentía das familias” e expresou o compromiso da Administración coas liñas de traballo prioritarias no eido da discapacidade: atención temperá, accesibilidade, educación inclusiva e acceso ao emprego público. “Seguiremos apostando porque as persoas con discapacidade intelectual poidan vivir a vida que elixan vivir”, asegurou.

O programa da xornada estruturouse en torno a dúas mesas principais. Na primeira, titulada “Voces que importan”, tomaron a palabra persoas con discapacidade intelectual, como os autoxestores Jesús Cabo e Alberto Seoane, xunto coa experta en ética e conduta Carmen Márquez, para reflexionar sobre dereitos, autonomía e participación social. A segunda sesión, “Acompañando ás familias”, contou coa intervención de Laura Fernández e Isabel Fragueira, da entidade Redeiras Solidarias, centrada nos apoios emocionais que precisan as familias ao longo do ciclo vital.

Con esta xornada, FADEMGA consolida o seu Encontro de Familias como un espazo clave de reivindicación, apoio mutuo e planificación de futuro, no que as voces das persoas con discapacidade e das súas familias buscan seguir tendo presenza activa no deseño das políticas públicas en Galicia.

ÚLTIMAS

Sanmartín acusa a Xunta de obstaculizar a zona tensionada e reclama máis datos para avaliar os seus efectos

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, cuestionou este venres a actuación da...

A alcaldesa lamenta a morte de Beiras e chama a divulgar o seu legado entre as novas xeracións

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, expresou este venres o seu pesar...

Mercedes Rosón e as non adscritas apoian a oposición veciñal ao parque empresarial de Lavacolla

As concelleiras e o concelleiro non adscritos do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, Mila...

Santiago concederá case 2.000 bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, 145 máis que o curso pasado

O Concello de Santiago de Compostela prevé conceder un total de 1.989 bolsas de...

“A morte de Maricarmen é un asasinato da violencia rentista”, din os acampados en Compostela

As persoas mozas acampadas na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, atribúen á...

O PSOE de Santiago solicita un minuto de silencio pola morte de Maricarmen Abascal

O Grupo Municipal Socialista de Santiago solicitou á alcaldesa, Goretti Sanmartín, a convocatoria dun...

A acampada pola vivenda no Obradoiro pide pesas, palés e vigas para reforzar as súas estruturas

As persoas que permanecen acampadas na Praza do Obradoiro para protestar pola crise da...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here