InicioMOV. SOCIAISO Concello de Santiago reitera o seu compromiso co colectivo LGBTIQ+ no...

O Concello de Santiago reitera o seu compromiso co colectivo LGBTIQ+ no acto central do Día do Orgullo

Representantes de todas as forzas municipais participaron na lectura dunha declaración institucional que defende a diversidade, combate os discursos de odio e impulsa políticas públicas inclusivas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago celebrou este venres o acto central con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, cunha lectura pública da declaración institucional aprobada por unanimidade no Pleno do pasado 26 de xuño. A sesión, que tivo lugar na praza do Obradoiro, contou coa participación de representantes das cinco forzas políticas con presenza na corporación, así como da alcaldesa Goretti Sanmartín, que abriu o acto cunha intervención onde reiterou o “compromiso institucional coas persoas e co colectivo LGBTI na defensa do seu dereito a vivirmos en diversidade”.

A declaración foi lida de maneira coral polas concelleiras e concelleiros Mercedes Rosón (non adscrita), Xan Duro (Compostela Aberta), Marta Abal (PSOE), Pilar Lueiro (BNG) e Borja Rubio (PP), pechando a lectura a propia rexedora. O texto lembra a revolta de Stonewall, acontecida en Nova York en 1969, como fito fundacional do movemento LGBTIQ+ moderno e salienta a importancia da memoria colectiva e da mobilización social para a defensa dos dereitos.

Ao longo da lectura, as distintas voces políticas coincidiron na necesidade de facer fronte ao avance da ultradereita e dos discursos de odio, que buscan “facer retroceder as conquistas en materia de dereitos humanos”. A concelleira socialista Marta Abal advertiu sobre “unha nube negra” que ameaza as liberdades conquistadas, mentres Pilar Lueiro (BNG) alertou contra “a deriva ultraconservadora e involutiva” que cuestiona os avances do feminismo e do movemento LGBTIQ+. Pola súa parte, Borja Rubio (PP) reivindicou o “compromiso transformador” do Concello de Santiago e definiu a cidade como “referente na defensa dos dereitos das persoas LGBTIQ+”.

A alcaldesa Goretti Sanmartín destacou finalmente o papel do Servizo de Asesoramento LGBTIQ+, en funcionamento na Casa das Mulleres Xohana Torres, como resposta a unha demanda histórica do movemento asociativo local. A rexedora insistiu en que o Concello está a impulsar políticas ambiciosas e transversais en materia de igualdade, incluíndo áreas como a educación, a saúde, a cultura, a mocidade ou o urbanismo.

O acordo recollido na declaración institucional compromete ao goberno local a apoiar os actos convocados polo movemento LGBTIQ+ o 28 de xuño, garantir unha perspectiva interseccional nas políticas municipais, consolidar o servizo de asesoramento, recuperar a memoria histórica LGBTIQ+ compostelá e desenvolver campañas de sensibilización contra a LGBTIQfobia, tanto na cidade como nas redes sociais. Sanmartín pechou o acto reafirmando que “a liberdade, a diversidade e a dignidade deféndense cada día, nas rúas e nas institucións”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O profesorado axudante doutor da USC denuncia o bloqueo das súas prazas de estabilización e esixe unha solución á Xunta

A Plataforma de Profesorado Axudante Doutor da USC denunciou este martes a situación de bloqueo...

O sindicato estudantil Fervenza celebra en Santiago a súa II Asemblea Nacional e fixa as súas próximas mobilizacións

O sindicato estudantil Fervenza celebrou este pasado sábado, 17 de outubro, a súa II...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here