InicioMOV. SOCIAIS"Non mates as Mates": centenares de persoas denuncian a decisión "inxusta" da...

“Non mates as Mates”: centenares de persoas denuncian a decisión “inxusta” da Xunta de suprimir o máster de Matemáticas da USC

A concentración reclamou que a Xunta declare a súa singularidade para evitar a desaparición do único máster galego que conecta o grao co doutoramento en Matemáticas

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A porta principal do Parlamento de Galicia converteuse esta mañá nunha aula ao aire libre de reivindicación universitaria. Dende as 09:30, máis dun centenar de estudantes, profesorado e persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela concentráronse para reclamar á Xunta a continuidade do Máster en Matemáticas, cuxa desaparición está sobre a mesa por non cumprir os mínimos de matrícula que esixe a normativa autonómica.

A protesta, organizada pola Plataforma en Defensa do Mestrado en Matemáticas da USC, coincidiu co inicio do pleno parlamentario no que BNG e PSdeG formularon preguntas ao conselleiro de Educación sobre a situación do título. Entre pancartas que reclamaban “Non mates ás mates” e consignas como “Somos máis ca números”, os manifestantes denunciaron unha decisión que consideran “inxusta e opaca”, tomada pola Xunta “sen informe técnico que a avale”.

“O mestrado é único en Galicia”, indicaban varios estudantes en declaracións a Xornal de Compostela durante a mobilización. “Sen el, a investigación matemática desaparecería do país”, advertía un alumno, sinalando que a maioría do alumnado que marcha para continuar estudos fóra “non regresa até pasados os 40 ou 50 anos, se é que volve”.

Dende o colectivo organizador incídese en que a figura da singularidade, recollida no marco normativo, permitiría manter vivo o título, ao eximilo dos mínimos de matrícula cando existen razóns académicas e sociais. A USC solicitouna reiteradamente, sen éxito. A última negativa, segundo os manifestantes, chegou o pasado 30 de abril.

“Este máster garante a continuidade da formación en matemáticas puras e é imprescindible para acceder ao programa de doutoramento”, asegurou Ángel, estudante do propio máster, quen tamén destacou que máis do 70% das teses defendidas no programa de doutoramento en Matemáticas da USC na última década foron realizadas por egresados deste mestrado.

O apoio institucional tamén se fixo notar. José Ramón Gómez Besteiro, voceiro socialista, sumouse á concentración minutos antes de entrar ao pleno. “Falamos dunha aposta pola innovación e por unha rama do coñecemento fundamental para o desenvolvemento de Galicia”, afirmou, instando á Xunta a rectificar.

A facultade de Matemáticas e a USC en conxunto tamén amosan respaldo á continuidade do máster. Paula, outra estudante participante na concentración, explicou que a vicerreitoría de titulacións prepara un recurso de alzada contra a resolución da Xunta, e que a totalidade do centro, incluíndo o decanato, apoia a súa continuidade.

“Se a Xunta insiste en suprimir o máster, seguiremos mobilizándonos”, advertiron os asistentes. Entre as posibilidades, contemplan tanto accións no ámbito universitario como novas mobilizacións públicas. “Non queremos que esta decisión sente precedente para outras titulacións con menor demanda”, concluíu un dos portavoces.

APERTURA AO DIÁLOGO CON CONDICIÓNS

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, respondeu hoxe ás críticas pola retirada do mestrado asegurando que a Xunta está disposta a sentar cos responsables da USC para explorar unha posible reformulación do título. Segundo explicou no Parlamento, o obxectivo sería reorganizar o máster para “non perder alumnos” e cumprir os mínimos de matrícula, ao tempo que ratificou a negativa da Xunta a outorgar o carácter de singularidade.

Rodríguez defendeu que as condicións esixidas non son arbitrarias e que foron acordadas entre a Xunta e as tres universidades públicas galegas. “Aquí a Xunta non pecha nada”, afirmou, asegurando que a administración autonómica só actúa en base ao regulado. Insistiu en que é preciso que as titulacións conten cun “mínimo de alumnado” para ter “recoñecemento social” e rexeitou que se trate dunha medida imposta unilateralmente.

En canto ás críticas da oposición, o conselleiro acusou os grupos do PSdeG e do BNG de “sobreactuar”, malia recoñecer que “existe unha problemática” concreta neste caso.

A OPOSICIÓN MANTÉN A PRESIÓN E O ALUMNADO REXEITA A XUSTIFICACIÓN DA XUNTA

Durante o debate parlamentario, os deputados Xullo Abalde (PSdeG) e Daniel Castro (BNG) reiteraron a súa esixencia de que a Xunta reconsidere a decisión e manteña a oferta da titulación o próximo curso. Castro acusou o conselleiro de favorecer o ensino privado en detrimento do público e criticou a falta de transparencia e apoio ao sistema universitario galego. Pola súa banda, Abalde preguntou directamente se o Goberno galego non considera estratéxico o coñecemento matemático para o futuro do país.

Fronte á acusación de sobreactuación, ambos representantes instaron ao conselleiro a explicarlle esa valoración ao estudantado e profesorado que, como nesta xornada, continúa mobilizado fronte ao Parlamento, defendendo a continuidade do máster como única vía para garantir a investigación matemática na comunidade.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

A Asociación de Pacientes do CHUS denuncia unha demora de ata 22 meses para tratar unha lesión grave de xeonllo

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o caso dunha muller de...

Arelas convoca unha concentración en Santiago polo Día Internacional da Visibilidade Non Binaria

A asociación Arelas anunciou a convocatoria dunha concentración en Santiago de Compostela con motivo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here