InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO equipo xurídico municipal relata como Santiago recuperou as estatuas de Ezequiel...

O equipo xurídico municipal relata como Santiago recuperou as estatuas de Ezequiel e Xeremías do Mestre Mateo

Os tres responsables da asesoría xurídica que participaron no proceso explicaron no Museo do Pobo Galego as claves dunha reclamación que rematou coa devolución das pezas á cidade tras oito anos de percorrido xudicial

Publicado o

Xornal de Compostela

O proceso que permitiu ao Concello de Santiago recuperar as estatuas de Ezequiel e Xeremías, atribuídas ao Mestre Mateo, foi “unha anomalía” dentro do sistema xudicial, segundo expuxeron os responsables da asesoría xurídica municipal que participaron na reclamación das pezas á familia Franco. A afirmación foi realizada por Manuel Cutrín, antigo responsable deste servizo, durante unha conferencia celebrada no Museo do Pobo Galego.

No encontro interviñeron tamén Xaquín Monteagudo, predecesor de Cutrín no cargo, e Guillermo Tato, actual responsable da asesoría xurídica municipal. Os tres repasaron un procedemento que se prolongou durante oito anos e que, segundo coincidiron, foi posible en boa medida pola decisión do Concello de contar cunha asesoría xurídica propia, fronte ao modelo anterior de servizo externalizado.

“Foi a clave, se non, sería moi difícil facelo”, sinalou Monteagudo, que destacou a necesidade dunha coordinación interna continuada para manter unha estratexia xurídica ao longo de varias etapas municipais. A posta en marcha da asesoría xurídica institucionalizada coincidiu no tempo coa exposición sobre o Mestre Mateo no Museo do Prado, momento no que o Concello tivo coñecemento de que as dúas esculturas estaban en poder da familia Franco.

A partir dese dato, o equipo municipal iniciou un traballo orientado a reconstruír a traxectoria das pezas, acreditar a súa pertenza ao Concello e reclamar a súa restitución. O proceso, con todo, acumulou inicialmente resolucións contrarias aos intereses municipais, que os participantes cualificaron como sentenzas “demoledoras” antes de que o caso chegase ao Tribunal Supremo.

Monteagudo explicou que a documentación municipal conservaba un expediente administrativo de 1948 no que constaba a compra das esculturas por parte da corporación compostelá. Segundo relatou, ao non estar discutida a adquisición municipal, un dos principais riscos era que a propiedade puidese considerarse prescrita polo paso do tempo a través da figura da usucapión.

Para facer fronte a ese escenario, o equipo xurídico formulou dúas vías de argumentación. A primeira consistía en defender que as esculturas formaban parte do dominio público por extensión do status do Pazo de Raxoi. A segunda apoiábase na idea de que, aínda que este tipo de bens podían pasar de mans particulares a administracións públicas, non podían ser transmitidos desde unha institución pública a particulares. “Isto foi o que triunfou”, indicou Monteagudo.

O antigo responsable da asesoría xurídica explicou que esta tese se apoiou nun Real Decreto de 1926, vixente ata 1985, que recollía ese principio. Segundo lembrou, a defensa da familia Franco chegou a negar a existencia desa figura, mais o equipo municipal localizou a norma e incorporouna á súa estratexia.

A demanda foi rexeitada en primeira instancia nos xulgados de Madrid. Monteagudo referiuse ás dificultades atopadas nesa fase e afirmou que a actitude da xuíza fora “moi hostil durante o xuízo”. Tamén sostivo que a resolución non valorou axeitadamente a proba histórica presentada por Ramón Yzquierdo Perrín, experto na obra do Mestre Mateo. “A sentenza en primeira instancia era para chorar, eu perdín a fe”, afirmou.

Tras esa primeira derrota, o Concello presentou unha apelación que, segundo os participantes, estaba “moi ben fundamentada”. A nova sentenza tamén foi desfavorable, aínda que Monteagudo sinalou que introducía elementos relevantes para a fase posterior. Segundo explicou, o fallo recoñecía que os bens foran adquiridos polo Concello e que tiñan carácter imprescritible, pero cuestionaba a súa identificación concreta. Esa mesma liña argumental acabaría sendo utilizada máis adiante para reforzar o recurso.

O salto ao Tribunal Supremo presentaba unha dificultade engadida, xa que non resultaba habitual que un recurso destas características fose admitido a trámite. Os responsables da asesoría xurídica municipal optaron entón por centrar a reclamación nun erro patente na valoración da proba, alegando que se vulnerara o dereito á tutela xudicial efectiva.

O recurso apoiouse en documentación gráfica das nove esculturas coñecidas do antepórtico do Pórtico da Gloria. Segundo explicou o equipo xurídico, esas imaxes permitían defender que as únicas dúas figuras sedentes e identificables como profetas eran precisamente as que se atopaban en poder da familia Franco.

“Fomos de derrota en derrota ata a vitoria final”, resumiu Manuel Cutrín, quen destacou que as sentenzas contrarias tamén serviron para ir afinando o recurso posterior. “Hai que deixar falar á xente, porque canto máis falen, e máis escriban, máis se atan”, afirmou.

Cutrín indicou que a clave foi presentar o caso ante o Supremo como un erro de valoración e non como unha actuación intencional. “Puxémoslle fácil estimar o recurso sen desestimar todo o sistema, porque can non come can”, sinalou durante a súa intervención.

Segundo os datos achegados na conferencia, arredor do 90% dos casos que chegan ao Supremo pérdense, e só unha porcentaxe moi reducida dos recursos cunha argumentación semellante á empregada neste caso son admitidos a trámite. “Hoxe, o Concello é propietario dunhas estatuas incribles porque somos o 1% dun sistema. Somos unha anomalía, unha excepción”, afirmou Cutrín.

Na parte final do encontro, Guillermo Tato explicou que, unha vez avaliadas as distintas opcións existentes tras a resolución favorable, o Concello optou por abrir unha negociación coa familia Franco para facer efectiva a devolución das esculturas. Ese proceso culminou en decembro de 2025 coa restitución das pezas.

Os participantes lembraron ademais que a reclamación atravesou distintas etapas políticas no Concello de Santiago, con gobernos locais de Compostela Aberta, PSOE e BNG. Na actualidade, o Consorcio de Santiago traballa nunha publicación sobre o percorrido xurídico e institucional que fixo posible a recuperación das esculturas.

ÚLTIMAS

O PSOE acusa o Goberno local de presentar un plan de vivenda sen medidas concretas para aumentar a oferta residencial

A concelleira socialista Marta Abal cuestionou este mércores o contido do Plan de medidas...

O PP defende que Santiago aproveite a relación con Portugal para atraer talento e investimento

O PP de Santiago defendeu a necesidade de reforzar a dimensión internacional da capital...

O Festival Ateneo Barroco programa seis concertos e actividades arredor dos instrumentos da música antiga

O Ateneo de Santiago presentou este mércores a oitava edición do Festival Ateneo Barroco,...

Vueling lanza unha promoción con voos desde Santiago a partir de 23 euros ata decembro

Vueling puxo en marcha unha promoción especial vinculada ao 'Yellow Day' que inclúe voos...

O Concello leva o patrimonio das parroquias de Santiago á hostalaría e aos centros educativos

O Concello de Santiago puxo en marcha o proxecto 'Compostela Iconográfica. Patrimonio Vivo nas...

O PSOE leva ao pleno o estado da Alameda e reclama un mantemento “activo, continuado e rigoroso”

O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno ordinario de xuño a situación da Alameda...

O arquitecto Fernando Cobos defende o “rigor” da intervención no Hostal dos Reis Católicos

O arquitecto Fernando Cobos, responsable da execución da obra de intervención no Hostal dos...