A sala de usos múltiples da á sur do Museo do Pobo Galego acolleu este venres a primeira sesión de deliberación do xurado do concurso internacional de ideas convocado para a transformación do denominado Conector Central de Santiago. O ámbito de actuación abrangue arredor de 46.000 metros cadrados entre San Clemente e Santa Clara, un espazo chamado a converterse nunha das principais arterias urbanas da capital galega.
Na xuntanza participaron tamén a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, que posaron xunto aos membros do tribunal avaliador. O xurado deberá examinar máis dunha vintena de propostas recibidas nesta convocatoria.
DÚAS FASES DE SELECCIÓN
Segundo o procedemento establecido, nesta primeira etapa seleccionaranse cinco iniciativas, que deberán ser desenvolvidas ata o nivel de anteproxecto. Esas cinco candidaturas pasarán a unha segunda avaliación da que sairá a proposta definitiva que marcará o futuro deseño do espazo. O fallo correspondente á primeira fase está previsto para próximas datas.
O xurado está integrado por nove profesionais de distintas disciplinas técnicas e urbanísticas. Presídeo o arquitecto e urbanista José María Ezquiaga, profesor titular de Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid e responsable do Grupo de Investigación “Nuevas Técnicas, Arquitectura, Ciudad”. Ao longo da súa traxectoria recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio Nacional de Urbanismo (2005) e o Premio Europeo de Urbanismo (2012).
Exerce como secretario José Manuel González García, secretario xeral do Pleno do Concello de Santiago. Como vogais participan Antonio Ranedo Santillana, Esther Sánchez Espiñeira, Idoia Camiruaga Osés, Manuel María Chaín Pérez, Ignacio Cerrada Gonzalo, Miguel Fernández Solís e María Fandiño Iglesias, representantes de servizos municipais, do Consorcio de Santiago, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e de colexios profesionais.
UN NOVO MODELO URBANO PARA O CENTRO DA CIDADE
O proxecto do Conector Central persegue unha redefinición integral do espazo público, tanto desde o punto de vista da mobilidade como da organización dos usos urbanos. O ámbito configura un corredor lonxitudinal entre o norte e o sur da cidade, flanqueado por equipamentos públicos e privados, e serve tamén de conexión transversal entre o recinto histórico intramuros —a coñecida améndoa—, barrios como San Pedro ou Sar e o Ensanche.
O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, sinalou que o concurso permitirá avanzar cara a un modelo centrado na calidade de vida e explicou que o espazo “configura unha concatenación de espazos públicos con diferentes características pero todos eles con moito potencial, que deben ser pensados en conxunto”.
Un dos obxectivos é superar o actual carácter de vía de paso para o tráfico particular, reducindo a circulación considerada superflua e ampliando as zonas destinadas ao uso peonil. Esta reordenación busca equilibrar as distintas funcións do espazo público.
SUSTENTABILIDADE E INFRAESTRUTURA VERDE
A intervención inclúe tamén actuacións vinculadas á sustentabilidade ambiental e á adaptación ao cambio climático. Entre as liñas de traballo figuran a mellora da xestión do ciclo da auga mediante sistemas de drenaxe sostible e pavimentos permeables, así como a creación dunha infraestrutura verde que contribúa á mellora do ambiente urbano e da calidade do aire.
Tamén se contempla a renovación estética e funcional dos pavimentos e do mobiliario urbano. En palabras do edil, “trátase de definir un novo modelo urbano que reorganiza os usos do espazo público para garantir a multifuncionalidade da cidade”, ao tempo que lembrou que “a circulación é unha das funcións do espazo público, pero non a única”.
O Concello salientou ademais que o elevado número de propostas presentadas obrigou a ampliar o prazo inicial da convocatoria, o que evidencia o interese xerado arredor dunha actuación que pretende transformar de maneira estrutural unha das áreas centrais de Santiago de Compostela.

