InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOUn estudo da USC identifica as primeiras formas de pena de morte...

Un estudo da USC identifica as primeiras formas de pena de morte no noroeste peninsular entre os séculos VIII e XII

A investigación analiza a aplicación da xustiza penal no tránsito da Antigüidade á Idade Media, con numerosos casos vinculados ao Reino de Galicia

Publicado o

Xornal de Compostela

Unha investigación desenvolvida na Universidade de Santiago de Compostela vén de identificar as primeiras formas documentadas de pena de morte no noroeste da península ibérica entre os séculos VIII e XII. O estudo recolle prácticas como a forca, o lume, a precipitación, a decapitación e a crucifixión, nun período de transformación das estruturas políticas e xudiciais tras o final da Antigüidade.

O traballo foi realizado por Abel de Lorenzo Rodríguez, investigador da Facultade de Historia e do Instituto de Investigación de Humanidades da USC, no marco da súa investigación doutoral, publicada pola editorial Comares no libro ‘A forca e o lume. Unha historia social da pena de morte en Hispania (700-1200)’.

Segundo explica a USC, o estudo baséase nunha análise documental exhaustiva que permite reconstruír, en numerosos casos, as identidades das persoas executadas e dos verdugos, así como os contextos nos que se producían estas condenas. A investigación sitúa boa parte destes episodios no noroeste ibérico, con especial presenza de casos procedentes do Reino de Galicia, nun tempo marcado pola consolidación dos reinos cristiáns peninsulares.

A investigación céntrase en como a xustiza actuaba sobre os corpos dos condenados e en como se foi configurando o fundamento das execucións capitais neste período histórico. O autor analiza tamén os perfís sociais das persoas sometidas a este tipo de penas e as circunstancias que rodeaban a súa condena, atendendo tanto ás motivacións que conducían á execución como aos conflitos e negociacións sociais que atravesaban a xustiza penal.

Tal e como sinala o propio investigador, o estudo aborda estes procesos desde unha perspectiva social, atendendo a factores como a relixión, a posición social, o xénero ou a consideración criminal á hora de determinar o tipo de castigo aplicado. Ademais, examina a evolución das formas de execución ao longo do tempo, o paso dunhas prácticas a outras e o papel que xogaban a memoria colectiva e a percepción social destas penas na súa aplicación.

A obra contribúe así a ampliar o coñecemento sobre a historia da xustiza penal medieval no ámbito peninsular e achega novas claves para comprender os mecanismos de poder e control social nos primeiros séculos da Idade Media.

ÚLTIMAS

Rosa Crujeiras aparta a Luis Míguez da súa candidatura por comentarios “homófobos” de hai 20 anos

A candidata a reitora da USC Rosa Crujeiras anunciou este martes que o catedrático...

Pacientes e traballadores denuncian deficiencias no transporte sanitario do CHUS e reclaman a súa desprivatización

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o comité de empresa da...

Investigadores da USC denuncian limitacións “ilegais” nas axudas posdoutorais da Xunta

Dous investigadores da Universidade de Santiago de Compostela acusaron á institución de "impor unilateralmente"...

A Xunta reclama axilidade ao Concello para avanzar na vivenda protexida de Compostela

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta, María Martínez Allegue, pediu...

A Xunta de Goberno Local aproba a rehabilitación dun edificio histórico nas Casas Reais,19 para uso institucional privado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns a concesión...

O CIFP Compostela transformou en compost case 10 toneladas de residuos orgánicos ao longo de 2025

O CIFP Compostela transformou durante o ano 2025 un total de 9.750 quilos de...

O Museo Catedral de Santiago pecha 2025 cun novo récord de visitantes

O Museo Catedral de Santiago pechou o ano 2025 cun total de 446.518 visitantes,...