InicioECONOMÍASantiago reunirá en novembro expertos internacionais para debater sobre os retos dos...

Santiago reunirá en novembro expertos internacionais para debater sobre os retos dos orzamentos participativos

O VIII Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos celebrarase do 9 ao 11 de novembro con preto de medio cento de relatores de España, Portugal e outros países

Publicado o

Xornal de Compostela

Santiago de Compostela converterase durante tres días nun punto de encontro para responsables municipais, especialistas e entidades vinculadas á participación cidadá coa celebración do VIII Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos, previsto para os días 9, 10 e 11 de novembro. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou este martes un avance da programación acompañada de Maica Freire, integrante da organización, e Manuel Fernández, técnico municipal.

O encontro reunirá na capital galega preto de medio cento de relatores e representantes de municipios de España e Portugal, ademais de especialistas internacionais en democracia participativa. A programación distribuirase ao longo de tres xornadas con paneis, mesas de debate, relatorios e obradoiros formativos centrados nas dificultades e posibilidades que afrontan actualmente os procesos de participación cidadá.

Rozas vinculou a elección de Compostela como sede coa recuperación neste mandato dos orzamentos participativos na área de Xuventude. Segundo explicou, o Concello pretende aproveitar a cita tanto para dar a coñecer a experiencia desenvolvida na cidade como para coñecer modelos aplicados noutros territorios. “É unha oportunidade para aprender”, sinalou a concelleira, que defendeu a necesidade de consolidar ferramentas que permitan á cidadanía intervir nas políticas públicas máis alá dos procesos electorais.

Entre os asuntos que se abordarán figuran a desafección política, a transformación dixital, a incorporación da infancia e das persoas maiores aos procesos participativos, as novas tecnoloxías e o impacto da desinformación. O encontro está organizado desde a Concellería de Xuventude xunto co Observatorio Internacional de Democracia Participativa, Coglobal e a Rede de Autarquías Participativas Portugal Participa.

REPRESENTANTES MUNICIPAIS E EXPERTOS INTERNACIONAIS

A programación contará con experiencias procedentes de concellos como Barcelona, Logroño, Alcoi, Cartaxena, Sant Cugat del Vallès, Torres Vedras e Cascais, entre outros. Xunto cos representantes institucionais participarán especialistas universitarios, entidades sociais e profesionais relacionados coa democracia participativa, que analizarán os distintos modelos implantados e os retos que presentan estas ferramentas.

O relatorio inaugural correrá a cargo de Diana Dayer, integrante da xunta directiva de People Powered e responsable de participación cidadá da Fundación Corona de Colombia, ademais de profesora da Universidade dos Andes. Rozas destacou a súa experiencia en iniciativas públicas e privadas relacionadas co fortalecemento dos mecanismos de participación.

Tamén están previstas as intervencións de Luís Cordeiro, da plataforma dixital Coparticipation OneSource; Oliver Escobar, da Universidade de Edimburgo; e Adrián Bua, da Universidade Pompeu Fabra. No apartado institucional participarán, entre outros, o secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez, e a directora xeral do Instituto da Xuventude, Margarita Guerrero, así como representantes portugueses vinculados ás redes de participación municipal.

O congreso estará aberto á cidadanía, aínda que será necesario inscribirse previamente debido á existencia de actividades cun número limitado de participantes, como os obradoiros formativos. Maica Freire explicou que a convocatoria está dirixida a cargos electos, persoal das administracións locais, comunidade universitaria, investigadores e público xeral. Manuel Fernández incidiu, pola súa banda, na oportunidade de coñecer perspectivas galegas, estatais e portuguesas e experiencias de municipios cunha longa traxectoria neste tipo de procesos.

ROZAS VINCULA A PARTICIPACIÓN CIDADÁ COAS MOBILIZACIÓNS POLA VIVENDA

Ao remate da presentación, María Rozas aproveitou a temática do encontro para referirse ás mobilizacións pola vivenda que tiveron lugar nos últimos días en Santiago, entre elas as concentracións na Alameda e na estación intermodal deste pasado luns. A concelleira considerou estas protestas outra expresión da participación cidadá e situou o acceso á vivenda entre os principais problemas sociais que deben afrontar as administracións.

Rozas defendeu a posición de Compostela Aberta de considerar a vivenda como un dereito que debe ser accesible e sinalou que o Concello leva anos adoptando medidas para limitar o uso turístico dos inmobles. Tamén reclamou unha maior intervención das diferentes administracións e dirixiu especialmente as súas demandas á Xunta, como administración con competencias autonómicas nesta materia.

A concelleira referiuse en concreto ás 24 vivendas construídas en Lamas de Abade e considerou insuficiente ese volume de promoción pública ante as dificultades actuais de acceso á vivenda. “As administracións públicas teñen que estar á altura para atender esta situación”, afirmou Rozas, que reclamou incrementar o parque público e sostivo que a vivenda “non pode ser un negocio de fondos financeiros”.

ÚLTIMAS

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Subirats reivindica en Santiago máis capacidade para os concellos ante a interconexión das crises

O profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Barcelona e exministro de Universidades...

A mercería Algui e a Asociación Compostelá de Diabetes protagonizan en outubro ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’

A campaña municipal '12 Comercios, 12 Sensibilidades' dedicará o mes de outubro á colaboración...

A CIG reclama ao Concello que rescinda o contrato do SAF e asuma directamente o servizo

A CIG reclamou ao Concello de Santiago a rescisión inmediata do contrato coa empresa...

Wizz Air abrirá en decembro a súa base en Santiago cun avión permanente e sete rutas

Wizz Air porá en funcionamento o próximo 17 de decembro a súa nova base...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here