O Concello de Santiago está a aproveitar o período sen actividade lectiva de xullo e agosto para executar actuacións por 727.652,36 euros na rede de instalacións educativas do municipio. Os traballos afectan máis dunha vintena de centros e inclúen desde reparacións e tarefas de conservación ata intervencións nos pavillóns, comedores, cubertas, zonas de xogo ou sistemas de climatización.
A programación das obras fora trasladada pola concelleira de Educación, Míriam Louzao, ao Consello Municipal de Educación no pasado mes de xuño. O obxectivo é concentrar durante as vacacións escolares unha parte importante dos traballos para reducir o seu impacto sobre a actividade habitual dos centros antes do comezo do curso 2026-2027.
Louzao sinalou que “desde o Concello estamos absolutamente comprometidas coa mellora dos centros educativos e de todos os recintos que usa no seu día a día a comunidade educativa e por iso cada ano facemos un importante esforzo no mantemento e conservación, que é a nosa competencia, pero tamén en investimentos de mellora, sobre todo nos espazos deportivos e nos de comedor”.
A responsable municipal incidiu tamén na continuidade deste tipo de investimentos durante o actual mandato. “Falamos de investimentos de contías moi importantes que se repetiron cada ano durante este mandato e dos que fomos dando conta tamén no Consello Municipal de Educación nun exercicio de transparencia que consideramos necesario e importante para que a comunidade educativa teña os datos”, afirmou.
Entre as actuacións que se desenvolven durante agosto está a reparación e certificación das áreas infantís de quince centros educativos, cun investimento conxunto de 89.415,57 euros.
Os traballos céntranse na renovación e posta a punto destes espazos de lecer para que poidan volver utilizarse coa apertura dos centros no novo curso, unha vez revisadas as instalacións e completadas as intervencións necesarias.
Outra das liñas de actuación do Concello céntrase nos espazos deportivos e de comedor, nos que se mantén o programa de melloras iniciado en exercicios anteriores.
No CEIP Monte dos Postes estase executando unha das obras de maior contía nos pavillóns escolares, cun orzamento de 77.374,48 euros. A intervención permitirá ampliar a capacidade do edificio, incrementar os usos que pode acoller e adaptalo ás esixencias relacionadas coa protección contra incendios e a evacuación.
No CEIP Apóstolo Santiago, pola súa banda, investiranse 5.300 euros para crear un acceso independente ao pavillón.
Durante este verán tamén quedará completada a intervención nas instalacións do Pío XII. Os traballos consisten na impermeabilización da cuberta plana e contan cun orzamento de 98.891,32 euros.
A obra comezou no mes de xuño e está previsto que finalice ao longo deste agosto, completando así as actuacións programadas neste recinto.
No ámbito dos comedores escolares, o Concello está a acometer a insonorización do comedor do CEIP Monte dos Postes. A medida dá continuidade á experiencia realizada anteriormente no CEIP Apóstolo Santiago dentro dun proxecto piloto destinado a mellorar as condicións acústicas destes espazos.
Parte dos investimentos deste verán responden tamén á necesidade de adaptar os centros ás altas temperaturas e ás vagas de calor. O Concello prepara proxectos de obra para dotar as escolas infantís de sistemas definitivos de climatización, pero, mentres esas actuacións non se executan, instalará equipamentos de aire acondicionado como medida provisional.
Durante agosto colocaranse aparellos na EIM de Conxo, cun investimento de 3.774,14 euros, e na EIM de Meixonfrío-Salgueiriños, onde se destinarán 7.548,29 euros. Na EIM das Fontiñas estes equipos xa se atopan en funcionamento.
Louzao explicou que “daremos resposta xa este mesmo verán á situación de altas temperaturas nas escolas infantís da rede municipal colocando aparellos de aire acondicionado nas escolas de Meixonfrío-Salgueiriños e de Conxo, aparellos que xa están funcionando na das Fontiñas, mentres traballamos nos proxectos de obra de climatización definitiva que demorarán aínda uns meses”.
A maior intervención vinculada á adaptación das escolas infantís localízase, con todo, na EIM de Tras Parlamento, onde se está a executar a renovación completa do tellado.
O proxecto comprende tanto a cuberta plana como a zona axardinada e ten como finalidade mellorar a eficiencia enerxética do edificio e solucionar as filtracións de auga detectadas nas instalacións. O Concello destina a estes traballos 251.386,56 euros.
Xunto aos proxectos de maior dimensión, o Concello mantén durante o verán un programa de conservación e reparación que mobiliza máis de 300.000 euros en CEIP, escolas unitarias, escolas infantís e na Ludoteca municipal.
Na rede municipal de escolas infantís, estas actuacións supoñen un investimento global de 5.162,16 euros na EIM de Conxo, 1.447,59 euros na EIM das Fontiñas e 10.683,72 euros na EIM de Meixonfrío-Salgueiriños.
Tamén haberá intervencións noutros centros de educación infantil. Na Escola de Educación Infantil do Tambre destinaranse 3.650,55 euros, mentres que en Tras Parlamento se investirán outros 21.520,40 euros en tarefas de mantemento, á marxe dos 251.386,56 euros correspondentes á renovación da cuberta.
Na EEI San Roque están previstas dúas obras cun investimento conxunto de 26.724,80 euros: a substitución do linóleo do chan da escola e a reposición do toldo do patio exterior.
INVESTIMENTOS NAS ESCOLAS DO RURAL
O programa municipal chega tamén ás escolas unitarias das parroquias rurais, con diferentes intervencións en Marrozos, O Eixo e Laraño.
Na ER Bispo Teodomiro de Marrozos os traballos suman 3.606,76 euros, mentres que na ER do Gaioso-O Eixo están programadas seis intervencións diferentes cun investimento global de 13.351,89 euros.
Na ER do Rial-Laraño, pola súa banda, o orzamento das actuacións ascende a 7.965,17 euros.
Estas obras forman parte das tarefas municipais de conservación dos centros que prestan servizo á poboación escolar das parroquias do rural compostelán.
TRABALLOS NOS TRECE COLEXIOS PÚBLICOS DE PRIMARIA
A programación de verán comprende ademais actuacións de conservación e mantemento nos trece centros de educación primaria da rede compostelá, cun investimento total de 205.899,84 euros.
Os traballos repártense entre os CEIP Apóstolo Santiago, Arquitecto Casas Novoa, Cardeal Quiroga Palacios, Fontiñas, Lamas de Abade, López Ferreiro, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Pío XII, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Roxos-Villestro e Vite.
As actuacións son de diferente alcance en función das necesidades detectadas en cada instalación e forman parte do programa ordinario de mantemento que o Concello executa nos edificios escolares da súa competencia.
PRETO DE 5.500 EUROS PARA A LUDOTECA MUNICIPAL
O paquete de obras de agosto complétase con varias intervencións de menor dimensión na Ludoteca municipal, cun orzamento conxunto de 5.499,88 euros.
O Concello destina 1.606,88 euros á substitución da lona do cartel exterior, outros 235 euros ao tapizado dos botóns da bebeteca e 3.658 euros á instalación de celosías tanto nesta zona como no salón principal.

