InicioECONOMÍAA modificación do plan de regulación de usos da cidade histórica recibe...

A modificación do plan de regulación de usos da cidade histórica recibe 152 alegacións

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, informou de que durante un mes se expoñerá a modificación da nova regulación de usos do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, logo de recibir 152 alegacións.

Este proceso, iniciado para adaptar a regulación de 1997 ás necesidades actuais, ten unha serie de obxectivos: frear a crecente especialización turística do comercio; protexer e reforzar o comercio de proximidade dirixido á poboación residente; preservar o uso residencial da cidade histórica; favorecer novos usos que dinamicen o casco histórico sen romper o equilibrio entre residentes e turistas; e protexer os comercios históricos e de interese sociocultural.

Tras a aprobación inicial en xuño de 2025, presentáronse 152 alegacións, a maior parte relacionadas con aspectos distintos do comercio turístico. Aínda que os cambios introducidos “non son substanciais”, o Concello decidiu abrir un novo período de información pública dun mes para “facilitar unha maior participación cidadá”.

Segundo detallou, no relativo ao comercio, mantéñense practicamente sen cambios as limitacións aos comercios turísticos. No caso dos caixeiros e consignas automáticas, só poderán instalarse como elementos auxiliares dentro de establecementos con atención presencial e non poderán situarse en fachadas nin en locais exclusivos.

Tamén continúa a prohibición de casinos, bingos e locais de apostas, así como de discotecas e salas de festas en toda a cidade histórica, mentres que pubs, karaokes e cafés concerto seguirán a ser usos condicionados, suxeitos a unha avaliación de impacto. Pasando ao bloque da vivenda, Lestegás sinalou que se manteñen as medidas para adaptar as vivendas aos fogares actuais e autorízase expresamente a creación de vivenda social en equipamentos públicos.

MODALIDADES RESIDENCIAIS

Ademais, amplíase a definición de modalidades residenciais, incluíndo vivendas colaborativas, tuteladas, aloxamentos compartidos e cooperativas en cesión de uso; aclárase que poden manterse as vivendas existentes en planta baixa e permítense garaxes en determinadas condicións. Neste sentido, no que atinxe aos equipamentos, o concelleiro apuntou que se regulan con maior detalle os usos permitidos en edificios públicos, privados e institucionais. Precisamente, sobre a Praza de Abastos, ampliou que se permitirán pequenas tendas de alimentación e outros usos complementarios que se definirán mediante un futuro plan de xestión.

Así mesmo, no caso de antigas clínicas e sanatorios privados, poderanse implantar distintos usos dotacionais, incluídas residencias universitarias. Igualmente, as residencias só poderán establecerse en edificios específicos para evitar reducir o parque de vivenda residencial. Neste punto, o documento elimina a obriga de asinar un convenio coa universidade para determinadas residencias, ao considerar que se trata dun requisito “difícil de cumprir”.

Agora, o novo documento someterase a exposición pública durante un mes e as posibles alegacións só poderán referirse ás modificacións introducidas respecto do texto aprobado inicialmente. O documento e os planos estarán dispoñibles no Portal de Transparencia e nun visor cartográfico do Concello.

ÚLTIMAS

Arredor dun milleiro de manifestantes impiden a celebración dun acto de Vox en Compostela

Arredor dun millar de persoas concentráronse na tarde deste luns ante o Centro Sociocultural...

O novo bus urbano de Santiago reforzará o Polígono do Tambre e incorporará servizos nocturnos antes de final de ano

O novo servizo de autobús urbano de Santiago de Compostela prevé comezar a funcionar...

Erguer leva o estado de San Clemente ao centro da crise da vivenda estudantil

O recente desprendemento dunha parte da cornixa e da cuberta dun balcón do Colexio...

Artistas galegos comprometid@s con Palestina: The Rapants, Laura Lamontagne, O Xoán e Caamaño&Ameixeiras no AmalxGaza

A Fundación Araguaney e o Festival Amal organizarán o vindeiro 8 de outubro na...

O novo bus urbano de Santiago reforzará o Polígono do Tambre e incorporará servizos nocturnos antes de final de ano

O novo servizo de autobús urbano de Santiago de Compostela prevé comezar a funcionar...

Santiago reúne preto de 150 persoas na segunda edición de ‘GALIA TECH’ para abordar as aplicacións da intelixencia artificial

Santiago de Compostela acolleu a segunda edición de 'GALIA TECH', unha xornada organizada por...

O Concello inclúe no rexistro de inmobles a rehabilitar un edificio en ruínas da Caramoniña e deberá sacalo a poxa

O Concello de Santiago incorporou ao Rexistro municipal de soares e edificacións que cómpre...