InicioECONOMÍAO PSdeG acusa ao goberno local de "parálise" en vivenda e reclama...

O PSdeG acusa ao goberno local de “parálise” en vivenda e reclama medidas ante os 1.846 demandantes rexistrados en Santiago

Aitor Bouza critica a demora da empresa municipal de vivenda e cuestiona a actuación do Concello e da Xunta, mentres rexeita a idea de que Compostela sexa unha cidade insegura

Publicado o

Xornal de Compostela

O secretario xeral do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza, situou este venres a situación da vivenda en Compostela como unha das principais preocupacións políticas e sociais da cidade e cargou contra a actuación tanto do Goberno local como da Xunta de Galicia nesta materia. O dirixente socialista advertiu de que a problemática xa non constitúe só unha “emerxencia habitacional”, senón que, ao seu xuízo, está a converterse nunha “emerxencia social de primeira magnitude”.

Bouza sostivo que a evolución dos prezos e as dificultades de acceso á vivenda afectan especialmente á mocidade e ás familias. Durante a súa intervención, fixo referencia aos recentes datos sobre a evolución do mercado inmobiliario compostelán e afirmou que moitas persoas “non poden facer fronte aos abusivos alugueiros” nin ás condicións existentes para acceder a unha vivenda.

O representante socialista puxo o foco nas administracións con capacidade de actuación e acusou ao executivo local de non cumprir compromisos adquiridos. Entre as cuestións mencionadas, referiuse á Empresa Municipal de Vivenda, incluída nos acordos orzamentarios e en iniciativas anteriores, e asegurou que continúa sen materializarse. “Estamos en maio de 2026 e a empresa municipal de vivenda segue sen estar en disposición de realizar o seu cometido”, afirmou.

Na súa valoración, o secretario local do PSdeG criticou a xestión do goberno municipal e asegurou que “o único que permite este goberno é facer roldas de prensa, dar titulares, moito bombo e moita pandeireta”. Tamén cuestionou a evolución das políticas sobre zonas tensionadas, indicando que os procedementos acumulan atrasos.

Bouza relacionou esta situación co número de persoas inscritas no rexistro de demanda de vivenda pública na cidade, cifrado por el en 1.846 persoas, e advertiu de que non poden continuar esperando por novas medidas. Ademais, chamou a atención sobre o número de inmobles desocupados que, segundo indicou, existen en Compostela. O socialista estimou en arredor de 6.000 as vivendas baleiras na cidade e defendeu a súa mobilización mediante instrumentos públicos.

Neste sentido, recuperou a proposta dun Banco Público de Alugueiro, unha medida que, segundo explicou, xa foi aplicada noutros municipios gobernados polos socialistas. “Se se quere, pódese facer”, afirmou.

As críticas de Bouza estendéronse tamén á Xunta de Galicia. O secretario local do PSdeG cuestionou a política autonómica en materia residencial e considerou insuficiente a promoción de 102 vivendas públicas anunciada na cidade. Ademais, cuestionou o modelo de desenvolvemento previsto nalgunhas actuacións urbanísticas e resumiu a súa crítica coa expresión: “A Xunta invita e a veciñanza paga”.

“SANTIAGO NON É UNHA CIDADE INSEGURA”

Durante a comparecencia tamén respondeu ás declaracións recentes do Partido Popular sobre a seguridade en Santiago. Bouza rexeitou que exista un problema estrutural neste ámbito e asegurou que “Santiago de Compostela non é unha cidade insegura”, apoiándose nos datos oficiais e en enquisas cidadás. Aínda así, recoñeceu que existen aspectos susceptibles de mellora e apostou por reforzar a coordinación institucional e o diálogo co tecido comercial e social.

CANDIDATO AÍNDA SEN CONFIRMAR

Por outra banda, preguntado polo proceso interno do PSdeG de cara ás próximas eleccións municipais, Bouza explicou que a aprobación do calendario de primarias dependerá do Comité Federal previsto para o 27 de xuño. O dirixente socialista mostrouse satisfeito coa existencia de varios nomes sobre a mesa e asegurou que iso evidencia a fortaleza da organización na cidade. Ademais, expresou o seu convencemento de que “o vindeiro alcalde ou alcaldesa desta cidade vai ser socialista”.

ÚLTIMAS

Goretti Sanmartín repite como candidata á Alcaldía de Compostela: “Estamos no bo camiño”

O BNG confirmou oficialmente a candidatura de Goretti Sanmartín ás eleccións municipais de 2027...

O Aeroporto de Santiago encara a recta final para a súa reapertura coas probas dos sistemas renovados

O Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro entrou de cheo na fase de calibración dos...

A investigación continúa para aclarar as circunstancias da morte da nena de dous anos esquecida nun coche en Brión

A investigación sobre o falecemento dunha nena de dous anos en Brión continúa aberta...

Fórmase en Santiago unha fronte institucional para detectar e combater os malos tratos a persoas maiores

Santiago de Compostela conta desde este venres cun novo mecanismo institucional deseñado para protexer...

A xuíza aprecia indicios de desvío de fondos na antiga cúpula de ‘El Correo Gallego’

A causa xudicial arredor da antiga cúpula de Editorial Compostela S.A., empresa editora do...

Santiago reclama á Xunta unha negociación sobre a capitalidade e insiste en que a contía debe superar os oito millóns

O Goberno local de Santiago mantén as súas críticas á cantidade anunciada pola Xunta...

Santiago rexistra unha suba do 21,4% no prezo da vivenda e sitúase entre os maiores incrementos do Estado

O mercado inmobiliario continúa mostrando unha tendencia á alza en boa parte do Estado...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here